XUIZOS HISTÓRICOS

 

O que se entende por xuizos históricos son as mais das veces propaganda das ideas que algúns teñen interés en espallar. Saben moi ben até qué ponto se poden manipular os xuizos históricos eses dirixentes políticos que tan interesados están en pasar á historia como “santos“ e patriotas, e fan guerras e mais guerras confiando en que se as gañan o xuizo histórico favorábel estará garantido. Mas a verdade é que ninguén que reaccione con frialdade e indiferencia á tortura, a matanza e a miseria de outros seres humanos pode ser santo ou patriota.

 

E iso é aplicábel aos Reis Católicos, eses “santos” que trouxeron a “unidade” de España, unidade que virou santa tamén por estar feita por santos. O que fixeron foi torcer o rumo da historia de varios países moi  distintos que podían teren formado có tempo unha España federada ou confederada mais acorde có espírito de todos eles. Os Reis Católicos valéronse de roubos, calumnias, torturas, matanzas, persecucións e expulsións  para impor unha unidade finxida, antieconómica e contraria ao bon senso. Todos os países da península, incluida a propia Castela, quedaron abafados, encativados e sen se poderen defender dunhas autoridades eclesiásticas que, en nome da relixión, asentaron o terror e se apropiaron de todo. Esa España que formaron os Reis Católicos manexando e invocando crencias relixiosas quedou có espírito ferido e moi desorientada. E non funcionará ben até que recupere ese espírito que lle estorceron.

 

 

Voltar a Alicerces Nacionalistas