O USO DA HISTORIA

Todo povo, toda comunidade, toda nación ten que coñecer, estudar e interpretar a súa historia, para millor escoller o seu futuro.

 Hai un perigo historicista nas reivindicacións nacionais, máis grande canto menos perfil ten a súa historia na historia do mundo.  O risco é o da invención de grandezas. De pouco valen, senón de mal exemplo e pretexto para a burla, os esforzos por esaxerar a importancia do noso país no pasado. Moitas veces invócanse como glorias o que son servizos a un proxecto imperial que non debíamos compartillar e que conviña desbotar dos nosos prantexamentos.

 Hai que coñecer a nosa historia para proxectar o noso futuro Certo, pero non para afortalar con invencións a nosa autoestima. É preferible un esencialismo (esa idea que tantos refugan en nome da vontade de futuro) porque nesa perspectiva podemos ver cómo foi mal encarnada e desenvolvida a esencia da Galiza, ou o seu potencial se queremos chamarlle así,  nunha sucesión de aconteceres políticos infelices. Interesa ver o que sobreviveu e partir daí para a tarefa do futuro, que terá que ser imaxinativa, criadora e non repetitiva. 

Voltar a Alicerces Nacionalistas