CUESTIÓNS ÉTICAS

 O TERRORISMO

 

A cuestión é se hai direito a  usar a morte para conseguir o que se pensa que hai que conseguir, que pode ser un obxetivo político, a destrucción da “decadencia occidental” ou calquer outro motivo ou causa, ou se ese direito non o pode ter ninguén en nome de nada.

 O direito á vida é unha cuestión demasiado seria e radical, mesmo porque violar ese direito non ten marcha atrás, como para que algunhas veces poda habelo e outras non, según o que a un lle agrade ou lle simpatice mais e según quen o faga ou según a causa pola que se mate. Se o que se cré é que ninguén ten direito a suprimir a vida dun ser humán, entón non se pode desculpar nen a pena de morte nen o de matar xente con bombas, sexa cal sexa o motivo.

 O uso do terror como arma de protesta ou para impor unha crencia determinada é inaceptábel para todos os que crean no direito a viver en liberdade e con independencia, poisque esa implantación do terror non só corta a posibilidade de viver en paz e decidir a propia vida, senon que leva a que haxa que invalidar liberdades políticas e civís. A guerra tamén ten eses efeitos, pero polo menos nas guerras hai protagonistas definidos, certas convencións mais ou menos respeitadas e tribunais internacionais que poden exixir responsabilidades. Hai un direito internacional da guerra e non hai, nen pode haber, un direito internacional do terrorismo. O pior do terrorismo é que é anónimo ainda cando unha causa ou un grupo reivindica o atentado, e que polo tanto non se sabe quen o manexa de verdade nen sobretudo quen o paga. E tamén o fai inaceptábel para quen crea na liberdade e na xustiza o feito de que usa sempre, para facer o “traballo”, xente nova e fácil de fanatizar e de enganar, mentres os que manexan aos novos e os mandan a morrer permanecen ocultos e seguen vivos. Hai nisto unha conexión clara có patriarcalismo e có uso abusivo dos novos polos de mais idade.

 Mais a protesta contra os terroristas perde forza e autoridade ética cando se mestura coa protesta contra unha causa política e social e coa simpatía ou antipatía por algo ou por alguén.

 A direita segue coas incoerencias éticas que sempre a caracterizaron e usa a “moral” para defender a sua conveniencia. E a progresía de esquerda segue sen querer enteirarse de nada e preferindo pensar que todo se soluciona con etiquetas que lle deixen a conciencia tranquila. Esquerda e direita seguen dividindo o mundo en santos e demos, atendendo somentes a intereses ruins e usando coartadas morais fatueiras e malamañadas.

 Non sería tan fácil como é iniciar guerras nen facer terrorismo se non abondara tanto como abonda o fanatismo pasivo, é dicer, a mentalidade fanática que leva a defender por principio aos “nosos”, fagan o que fagan, e a atacar aos outros, fagan tamén o que fagan. Ese fanatismo pasivo non analisa nen quer analisar, porque así pode tapar os ollos, os ouvidos, a mente e o corazón a realidades e verdades que non encaixan no que se decide crer. E por iso unha das mellores cousas que se podería facer para acabar coas guerras e cós terrorismos sería cultivar a análise de todo o que sucede e deixar de facer esas clasificacións que poñen a todos automáticamente no bando dos bos ou dos maus según a música que se toque. Hai que aplicar as mesmas pautas e as mesmas razóns a amigos e inimigos. Ter amigos e inimigos non está mal, e tampouco está mal preferir uns a outros. O que está mal é aplicar pautas distintas, porque con iso se sementa inxustiza.

 

Voltar a Textos Varios