Carta IX
Benquerida Emilia:
Imos pensar agora un pouquiño en como se forma
e funciona esa familia patriarcal que fai de modelo e base principal de todo o sistema.
En xeral o obxetivo da familia é reproducir. Un
bon exemplo das teorías que están detrás da formación da familia encóntrase no
que sempre sostivo a igrexa católica de que o matrimonio era para traer fillos
ao mundo e que só así era permisíbel e tiña sentido a unión de home e muller.
No catolicismo esa teoría está explícita, pero en outras relixións que non a
explican funciona coa mesma forza, e o curioso é que funciona con tanta ou mais
forza ainda nas sociedades mais laicas ou mais ateas. Parecería que cando unha
sociedade vira menos crente do que foi
no pasado e está secularizada en grande medida, como están case todas as
sociedades do mundo chamado oucidental ou desenvolvido, o entusiasmo por facer
familias e ter fillos disminuiría e que moitos preferirían viver en liberdade,
sen as ataduras, responsabilidades e problemas que causa a creación dunha
familia. Sería lóxico, pero asegúroche, Emilia, que na sociedade dos meus
tempos o entusiasmo pola familia non desaparece e aumenta mais cada vez. A presión social, económica e psicolóxica que
se exerce para que se fagan familias non é menor que a de antes, senon mais
forte ainda. E a razón é que na familia se cultiva o sistema de dependencia
total que é necesario para que o sistema patriarcal funcione e os padróns
autoritarios podan seguir predominando.
Se tivésemos unha idea mais positiva do que é o
ser humán e das suas posibilidades, o sistema patriarcal non podería funcionar,
porque para que funcione é esencial crer que o ser humán non val para nada e
non ten valor nengun de seu. O único valor que pode adquirir é facendo o que
mandan as autoridades, divinas, familiares e de todo xénero, e ir subindo,
mediante esa obediencia cega ao que as autoridades manden, na escala que leva
de non ser nada a ser alguén. O sistema patriarcal necesita e cultiva esa
inferiorización e subvalorización do ser humán para controlar a sociedade, e
iso faise desde o principio da vida humana, no seo da familia patriarcal.
A forma da familia patriarcal pode variar un
pouco dunha época a outra e dunha cultura a outra, pero a estructura básica é
sempre a mesma, porque non se coñece nengún outro modelo e todos estamos
convencidos de que a familia ten que ser así e non pode ser de outra maneira.
Talvez no comezo do mundo fose diferente, ou talvez sexa algo distinta
nalgunhas culturas moi isoladas e arredadas do que chamamos civilización. Fora diso, tanto ten que a
familia sexa musulmana, xudea, cristiana, africana, americana ou europea: o
modelo é único e as variantes que poda haber non afectan á estructura básica.
Nestes últimos tempos, mais ou menos dende
metade do século pasado, fálase da familia nuclear como propia dos tempos
modernos e da vida de agora, distinta da familia amplia ou extensa, que
era a de antes e que en teoría se
considera mais perfecta, como debe ser. A familia nuclear é a familia reducida
ao núcleo esencial, que é a parella e os fillos, a minifamilia por así dicer,
ainda que agora supoño que se podería falar da microfamilia, que sería a
formada por nai ou pai e os fillos só
cun deles, é dicer, a familia sen parella e con só unha figura materna ou paterna.
A familia extensa, en cambio, está formada por
varias xeracións que viven xuntas, avós, pais, fillos e netos, e xeralmente ten
moitas ramificacións na forma de tíos, sobriños e primos que conviven entre eles e que permanecen
“xuntos”, unidos polo vínculo do sangue, que se supón que é o mais forte e o
mais respeitábel de todos, por todos
aceitado e que non admite discusión (por iso cando queremos afirmar o noso
afecto por outra persona ou a confianza que nos merece dicimos que “é como da
familia”). Suponse tamén que esa familia protexe a todos os seus integrantes e
cuida deles, e a isto dos cuidados volveremos mais adiante, pois que é un dos
elementos mais importantes para a nosa análise. En xeral, a familia extensa é a
que se considera ideal: cantos mais, mellor. A outra, a minifamilia, xúlgase
que se debe ás circunstancias, ás dificuldades da vida moderna, e que non
responde ben ao que ten que ser unha familia porque non protexe debidamente,
sobretudo aos mais vellos. Amais destas consideracións de protección e
cuidados, pénsase tamén que a familia extensa é mais bonita e ten mellor ambente e mais forza.
Este asunto da amplitude das familias é un dos
que mais separan as sociedades consideradas adiantadas das atrasadas e
estabelecen mais diferencia entre elas. Por unha banda hai unha reacción de
desprezo e mesmo medo nos integrantes das sociedades mais industrializadas e
adiantadas frente aos de outras razas “que se reproducen como coellos”,
sobretudo cando esas razas emigran aos países mais adiantados e empezan a
formar familias grandes. Pero hai tamén ás veces, entre eses mesmos integrantes
das sociedades adiantadas, unha especie de nostalxia daquela familia de antes
que xa non se pode manter. Nos países de cultura “latina” hai un sentimento de
superioridade de que eles teñen mellores familias, son “mais de familia” e
entenden mais de familias unidas que os angloxasóns, xermánicos ou escandinavos.
Hai, pois, un ideal de familia que non se
satisface nas sociedades adiantadas porque non se pode no mundo moderno, pero
que segue parecendo o mellor e o mais admirábel, polo menos en teoría. Na
práctica non sempre apetece formar parte desas familias ideais e son moitos os
que escapan cando poden. Mas ainda que na práctica haxa moitos que prefiran a
minifamilia, non hai para esa
minifamilia unha teoría semellante á que promove e defende o outro ideal da
familia grande. É dicer, que ainda que case ninguén na práctica quera volver á
familia “de antes”, son moi poucos os
que saberían dicer por qué, fora das consideracións prácticas e económicas, ou
que se atreverían a dicelo se o soubesen. O que non existe é un sistema de
propaganda semellante ao que fomenta a familia grande no que se afirme que a
familia pequena é moito mellor que a outra e que supón un paso adiante moi
importante na mellora da sociedade.
Na familia patriarcal o papel que cada un ten
que desempeñar está claramente definido. Os pais representan a autoridade e os
fillos veñen ao mundo a aprender a obedecer e a integrarse no que xa está
estabelecido. Non se espera nen se fomenta que os fillos aporten algo novo,
como sería lóxico que se fixera, pois
que son vidas novas que xa pertencen a épocas distintas das dos “vellos”. Iso é
impensábel no sistema. Os fillos non se traen ao mundo con ánimo educador e
pedagóxico, o que suporía facer todo o posíbel por axudarlles a desenvolver o
seu potencial, como fai un bon mestre, senon que se traen por razóns de fondo
relixioso case sempre, por satisfacer a idea do que ten que ser unha familia,
para “realizarse” e por sentimentos narcisistas e egoístas, de ter alguén que é
propiedade dun e que se espera que sexa refrexo dun. Calquera que sexa a razón
mais ou menos consciente e explícita en cada caso, o que mais inflúe é que a
sociedade espera que se teñan fillos e empuxa a telos por todos os medios
posíbeis, e escapar desa presión é moi difícil ou case imposíbel, porque ese
sentimento de deber está xa nas capas inconscientes do ser humano depois de
tantos séculos de repetición das mesmas pautas nese sentido.
Comecemos polo papel do pai. O pai da familia
patriarcal é a figura patriarcal por excelencia, a rama principal dese tronco
que é a Familia. Mais ese pai, na práctica, non é libre cando entra no papel
que lle corresponde, pois el ten outro pai que é o que manda nel, quen á vez
ten outro pai. Hai unha liña directa de mando que ven do pasado e na que
ninguén entra sen unha carga inmensa enriba, de todo tipo pero sobre todo
emocional.
O pai é a figura principal da que depende a
familia, porque a familia leva o seu apelido, a sua “marca”, e porque é o que
gaña ou ten o diñeiro do que esa familia vive (lembremos que até hai pouco a
esposa necesitaba a licencia marital para dispor dos seus bens, e que así segue
sendo en moitos países ainda). Hai algunhas variacións dese tema, pero non son
moitas. Poderá haber algunha excepción a ese padrón nas sociedades occidentais,
algún caso no que sexa a muller a que gañe o diñeiro principal da casa e non o
home, pero non son mais que excepcións. O habitual é que, ainda nas sociedades
mais adiantadas, sexa o home o que ten a profesión ou o traballo que mais conta
e que o traballo da muller sexa un complemento, unha axuda, que se supón que a
muller pode e debe deixar cando a familia a necesita. Os poucos experimentos
colectivos que até agora houbo de redención da muller polo traballo non tiveron
éxito; por moita manipulación de tipo político que se fixera na sociedade o
resultado foi que as mulleres seguiron sen acadar a categoría profesional dos
homes e, en xeral, remataron tendo que traballar fora da casa e dentro dela ao
mesmo tempo, sen poderse dedicar nen a unha actividade nen á outra e
responsabilizándose de todo sen acadar por iso mais categoría. Na idea de que os problemas da muller resolvíanse
se traballaba fora da casa non se tivo en conta que o problema principal da
muller está no papel que lle corresponde no sistema patriarcal, que é o de
cuidadora, e que dese papel non se libra nen traballando nen sen traballar.
Tanto lle toca se está solteira como se está casada, se ten fillos como se non
ten, se ten un traballo ou unha profesión como se non o ten. Ese é o destino
que se lle atribúe por ser muller e aí está a chave da cuestión, e tamén da sua
posíbel liberación.
Voltando ao pai da familia patriarcal, o seu
destino é o de comportarse como a figura principal, a que sostén e da carácter
e categoría á familia que forma. Correspóndelle ser a figura con autoridade
máxima e, mesmo por iso, correspóndelle tamén manter as distancias.
Tradicionalmente o pai foi sempre unha figura distante, como a do monarca ou a
de calquer que teña mando e deba manter a autoridade sobre os inferiores. Só
nestes últimos tempos e nas sociedades mais adiantadas comeza a prantexarse a
cuestión de en qué consiste ser un bon pai e de como haberá qué facer para
selo. E prantéxase por vez primeira porque o divorcio frecuente fixo imposíbel
continuar có papel paterno tradicional e tamén porque algo se adiantou no
entendimento destas cuestións e empeza a haber homes que quererían ser bons
pais ou que polo menos se sinten atraídos por esa posibilidade. É dicer, que o
que estamos vendo nas nosas sociedades occidentais (sen esquecer que esas “sociedades occidentais” mais ou menos
adiantadas son minoría no mundo) é unha
modulación do automatismo do sistema patriarcal con respeito á figura do pai.
E, ainda que dicíamos que foi causada fundamentalmente pola frecuencia do
divorcio, hai que deixar claro tamén que divorcio sempre o houbo na sociedade
patriarcal, divorcio, separación ou repudio, pero a diferencia está en que o
repudio foi case sempre unilateral, do home repudiando á muller (e con direito
e até case obriga de facelo, en nome da familia, “se non lle daba fillos”), e o
divorcio tamén até estes últimos tempos en que empezan a ser as mulleres as que
o solicitan. Isto non rompe para nada a estructura da familia patriarcal, que
non depende do que faga a parella porque a parella non conta nesa estructura,
pero rompe ou muda un pouco o papel paterno tradicional.
Ainda así,
no sistema patriarcal sempre foi mais posíbel ser bon pai que
boa nai. Na familia patriarcal ao pai correspóndelle o rol principal, de
“marca” física, económica e social, pero á nai correspóndelle a tarefa de marcar
emocionalmente aos fillos e entregalos ao sistema, e só cumplindo ese labor
pode chegar a ser ela algo e subir de categoría, virar Nai-ídolo e deixar de
ser muller. Por conseguinte queda imposibilitado o altruismo necesario para
encarregarse debidamente das xeracións mais novas que veñen ao mundo. O papel
de pai no patriarcado permite algún altruismo
porque iso non chega a afectar ao sistema. O de nai non permite
ningún porque con iso o sistema se
debilitaría. A nai é a principal bisagra do sistema patriarcal; por iso
insístese tanto en que a muller non é nada se non vira nai según os moldes do
sistema. Con outros moldes e sen a sua colaboración, o sistema derrumbaríase.
Se eu te dixera, Emilia, que a nai tería que
ser a principal educadora dos fillos, seguramente pareceríache absurda a
afirmación. A ti e a case todo o mundo, porque a idea de nai que inseriu o
sistema patriarcal foi a de que é a que cuida físicamente aos fillos (o que non
é certo case nunca), a de que é unha santa por telos traído ao mundo (cumplindo
o seu deber cós deuses e a tarefa para a que foi diseñada a muller) e, nas
versións mais sentimentais, a de que ama incondicionalmente aos fillos, polo
menos aos varóns, e que nunca haberá amor como o dela, pero o feito de que
nunca se quixo educar ás mulleres e que se pensou que podían cumplir mellor a
sua misión canto mais ignorantes fosen, proba que o que menos quer o sistema é
que a muller eduque aos fillos, e que o que exixe dela é que os desoriente
intelectual e emocionalmente.
Seguiremos, Emilia.