Carta VIII

 

 

GALIZA

 

Benquerida Emilia:

 

Falando agora da Galiza direiche que, así como coido que “los males de España” veñen da Inquisición e do esganador sistema político-relixioso que se impuxo naquela época, inclínome a pensar que o problema da Galiza  non se debe únicamente a causas exteriores ou posíbeis colonialismos por parte do centro, senon que ven sobretudo do sistema familiar. Coido que  para chegar á raíz do que debilita a Galiza  hai que analizar a familia galega, ainda que haxa que analizar tamén con moito cuidado a repercusión da historia da península no noso país.

 

Se Isabel a Católica non se tivese apoderado do reino de Castela e houbese herdado a coroa a filla do rei, Juana “la Beltraneja”, que era a quen lle correspondía, é cuase seguro que o reino de Castela e León se tería unido a Portugal e non a Aragón. As consecuencias desa outra historia “alternativa” terían sido inmensas en todo, por exemplo na cuestión da língua galaico-portuguesa, pois desa maneira non se tería imposto a língua castelá, nen na Galiza nen probabelmente no resto de España. A historia foi como foi, mas para calquer análise que se faga convén recordar que podía e debía ter sido distinta. Isto é importante. Na historia dos países, como na das personas, as mudanzas que  se impoñen pola forza e de mala maneira non axudan a evoluir e en xeral fan retroceder e até decair. Non é que se poda afirmar que, se non fose polas desviacións e brutalidades que houbo na España do século XV, a historia da Galiza tería sido mellor. Iso non hai maneira de sabelo, mas tudo parece indicar que nesa unificación arbitraria de España que se empezou a facer daquela, Galiza quedou arrincoada e esquecida, separada do seu ámbito natural, “desatlantizada” e tendo que depender para todo dun centro moi lonxano e indiferente aos seus intereses.

 

Ti, Emilia, prantexácheste a cuestión que nestes tempos chamaríamos dos nacionalismos dentro de España, é dicer, as aspiracións á liberdade, á independencia, á autodeterminación ou á autonomía dalguns deses países que dende o reinado dos Reis Católicos forman  unha unidade chamada España. Eses países  parece que nunca estiveron convencidos de todo desa unidade e sempre se sentiron mais ou menos incómodos dentro dela. Hai e houbo sempre en España países “distintos” do resto, ou distintos de Castela, ou distintos entre eles e con conciencia desa diferencia. Prantexácheste o problema e manifestácheste partidaria da España unificada, que te parecía mais propicia ao adianto. O outro parecíache un atraso, como pareceulle sempre a tantos e como segue parecéndolle a moitos.

 

Perguntarás, Emilia, en qué me vou basear para facer unha análise de como funciona o sistema patriarcal e como inflúe nas nosas ideas do que é un país, unha patria e unha nazón. Nos teus tempos era moi pouquiño ou nada o que se escrebera e pensara sobre o patriarcado (excepto para defendelo e presentalo como a maneira natural e santa de organizar a familia, a política e sociedade). E nos meus tempos segue sendo moi pouco ou cuase nada o que se pensou e escrebeu sobre ese tema. As reivindicacións feministas centráronse na desigualdade entre varóns e mulleres, biolóxica, psicolóxica, social e de todo tipo, porque iso é o que salta aos ollos e o que doe. A culpa da inmensa inxusticia que trouxo o distinto trato que se deu ás mulleres e aos homes, e tamén ao masculino, considerado superior e mais forte, e ao feminino, considerado inferior e mais feble, atribuise aos que en apariencia mandaban, que eran os homes. É lóxico, porque eles eran os perpretadores da inxusticia, os que maltrataban ás mulleres e os que se beneficiaban da inxusticia, polo menos en apariencia.

 

Eu tamén pensaba así, ainda que había pezas que non encaixaban. Até que chegou o momento en que, analizando a falta de criatividade no mundo e tentando averiguar de onde podía vir, dado que eu estou convencida de que o debezo de criar é a principal característica do ser humano e de que toda muller e todo home sinte esa ansia e non pode achar acougo se non a satisface, empecei a ver que había que ir moito mais a fondo, e que as diferencias entre mulleres e homes eran só unha peza dun sistema que imperaba en todo, que era o sistema patriarcal. Estas son, pois, as miñas reflexións sobre ese sistema que infelizmente está sen estudar porque nen nos decatamos de que estamos mergullados nel. E déixame que te diga, Emilia, que eu estou convencidísima de que é o que fai que o mundo funcione tan mal e que a vida sexa tan inxusta e tan frustrante. E tamén creo que na Galiza o patriarcado funciona con mais forza que na maioría dos países e que aí está a explicación de moito do que aconteceu e acontece no noso país.

 

Isto é o que ti escrebeches sobre patrias, terras e separatismos en De mi tierra:

 

[…]¡Qué otra cosa significa la frecuente confusión del concepto de patria con el de tierra o región nativa, confusión que aquí se repite tan a menudo en el lenguaje hablado y escrito!

 

Galicia no es sino la tierra, algo íntimo y dulce, algo quizás más caro al corazón, más necesario para la vida que la misma patria: pero la patria representa una idea más alta aun, y la patria, para los españoles todos, donde quiera que hayan nacido, desde la zona tropical hasta el apartado cabo de Finisterre, es España, inviolable en su unidad, santa en sus derechos.

 

Conviene decir que el mal del separatismo es por ahora bien leve en Galicia; que este pueblo, práctico y serio en medio de su misma postración, no ha dado la menor señal de que le cruce por las mientes tan peligrosa utopía.

 

 

O certo, Emilia, é que os que, como ti, defenden a unidade de España e a santidade desa unidade, están trasladando á política o modelo da familia patriarcal e defendendo sen se decataren unha das bases do sistema patriarcal, que é a de que os direitos individuais non contan e teñen que seren sacrificados para conseguir un ben maior e mais valioso, que só pode vir coa “unidade”. Na familia patriarcal os direitos da muller e dos fillos teñen que ser sacrificados para que haxa unidade entre eles e o cabeza de familia, que é o pai. Os direitos déste tampouco existen, porque teñen que seren sacrificados para conseguir a unidade da Familia, que é o fundamental. No sistema patriarcal hai sempre unha entidade santa pola que hai que sacrificar tudo e que ten direito a exixir o martirio e a morte se for preciso, mesmamente por iso, porque é santa, sen que teña que facer nada para probalo. Se poñemos en lugar da entidade Familia a entidade Patria temos un calco perfecto.

 

Non te asustes, Emilia. Non é que non teña que haber familia nen patria e que non haxa que crer nesas duas entidades. Pero o que convén aclarar é que tanto as ideas do que ten que ser a familia como as do que é unha patria, unha nazón ou un país formáronse dentro do sistema patriarcal e responden a padróns patriarcais. Convén aclarar tamén que ese sistema se impuxo no mundo dende tempos inmemoriais facendo crer que era o que querían os deuses. Non é tanto, coido eu, que maioría das relixións sexan patriarcais como que os que se aproveitaban do sistema patriarcal  fixeron uso das crencias relixiosas para dominar a sociedade humana e facela funcionar como querían. O resultado, e en certa maneira a prova de que iso é así, é que o sistema patriarcal segue tendo tanta forza nas sociedades secularizadas como nas mais relixiosas, entre outras razóns porque, como está ainda sen analizar nen entender,  non se ten conciencia de cómo afecta ao tecido e funcionamento da sociedade.

 

Nengunha patria é “inviolable en su unidad” e menos ainda “santa en sus derechos”, Emilia. ¿Por que había de selo? Nen as nais son santas nen as patrias tampouco. Esas falsas santidades valeron para estabelecer inxusticias e exixir sacrificios horrendos. Os fillos das nais de carne e óso e os “fillos” das patrias son os que debían ter o direito a seren ben tratados e a que as nais os poñan en condicións de viver con independencia. Que é mesmo o contrario do que se fai. E a ti que tan católica eras direiche que esas santidades nen cristianas son, ainda que as igrexas cristianas as aproveitaran para facer o que apetecían. O sistema patriarcal fomenta a idolatría porque en nome dos ídolos se poden exixir sacrificios e inmolacións. Os verdadeiros santos nunca exixiron sacrificio nengun e foron eles os que se sacrificaron.

 

Como te dixen, eu coido que o patriarcado está moito mais enraigañado na Galiza que en outros lugares de España e de fóra dela, ainda que un pouco á disimulada. A que se debe isto non o sei: non sei se foi todo culpa da igrexa ou se poderá haber outros factores que influiron  mais.

 

Empecemos, pois, a analizar o sistema patriarcal. O primeiro que convén aclarar é que a base na que descansa ese sistema, o que impón por riba de todo, non é a desigualdade entre varón e muller, o sexismo, machismo ou como queramos chamarlle á discriminación de que son e foron sempre obxeto as mulleres. Isto é unha parte importante do sistema, un dos instrumentos principais que utiliza, pero non o fundamental.

 

O sistema patriarcal valeu para estabelecer xerarquías e desigualdades e para fixar de maneira case permanente o mando dos vellos sobre dos novos, das xeracións anteriores sobre as xeracións presentes e futuras, para controlar dende unha posición superior os fíos todos da sociedade. O modelo, a célula básica dese sistema, é a familia patriarcal, que sempre ten as mesmas características; tanto ten cal sexa o país, a relixión ou a falta dela e incluso o sexo dos que a forman, porque nestes tempos mais recentes estamos comezando a ver familias sen matrimonio formal ou creadas por personas do mesmo sexo que se axustan tanto ou mais que as tradicionais ás normas do sistema patriarcal, ainda que pareza ilóxico. Por moito que esas novas familias formadas por personas do mesmo sexo ou por personas que non contraen matrimonio rompan algún dos moldes tradicionais da sociedade, non rompen para nada o sistema. O mesmo se aplica a familias laicas que, non obstante, reproducen sen desviarse o modelo patriarcal.

 

O  patriarcado é unha supraestructura que utiliza todo, dende as relixións até as diferencias sexuais ou sociais, para incrustarse mais cada vez na sociedade. E isto se debe sobretudo a que están sen analizar o seu funcionamento e os valores que impón, que sempre se adxudican a algunha outra causa. O sistema patriarcal non o vemos porque non podemos contrastalo con nada; nunca outra cousa vimos e todos nacemos inseridos nel e sen posibilidade nengunha de quedar fóra. E por iso parécenos natural e non pensamos que teña culpa de nada.

 

Sempre se encontran desculpas para facer o que parece natural en cada momento e sempre resulta difícil imaxinar algo distinto do que tan natural nos parece. Até que se aboliu oficialmente a escravitude en moitos países, parecía o mais natural do mundo e a maioría non se prantexaba problema nengun. E ainda depois de abolida había moitos que a defendían dicindo que sen iso non se poderían ter feito moitas das cousas que se fixeron. Para moitos era preciso tela, estivera ben ou mal dende o ponto de vista ético, porque sen iso non se podía criar riqueza. Para os que viviran nunha sociedade na que houbera escravos sería case imposíbel imaxinar unha sociedade na que non os houbera, e iso se aplica tanto aos amos como aos propios escravos. Os escravos que foran traídos de outros lugares e que naceran libres saberían que se podía viver de outra maneira e quererían a liberdade, pero os que xa naceran escravos probabelmente nen terían unha imaxe do que podería ser viver en liberdade nen terían nostalxia dela e, se estaban ben tratados, daríalles medo a liberdade e non ter amos que os protexesen e lles desen o que necesitaban para viver.

 

Para entender como funciona o sistema patriarcal o mellor é empezar por entender como funciona a familia patriarcal, que é o modelo básico que se reproduce logo en todo o sistema.

 

A estructura da familia patriarcal é por esencia xerárquica e baséase no principio indiscutíbel de que o verdadeiramente importante, o tronco do que depende todo o demais, é a familia como conxunto, non os seus integrantes. O tronco poderá ter pólas e follas, pero iso todo son accesorios, complementos, elementos secundarios. O fundamental é o tronco mesmo. Falábamos de que á patria se lle concede santidade e de que, mesmo porque é santa sempre, merece amor, fidelidade, entrega e agradecimento e ten direito a exixir sacrificios e incluso vidas. Mas iso é unha imitación exacta do que sucede coa entidade Familia, que tamén é santa sempre e polo tanto hai que sacrificar todo por ela. Esa santidade intrínseca, que non hai que merecer nen gañar porque xa se ten, trasládase depois en distintos graos e distintas formas aos integrantes da entidade, mas só se pode adquirir non desapegándose do tronco e cultivando e amando a dependencia.

 

Ás xerarquías eclesiásticas de todas as relixións e aos que falaron sempre en nome de autoridades divinas e supraterrenas, víñalles moi ben o sistema patriarcal, mesmamente porque fomentaba a dependencia eterna e o autoritarismo constante e duradouro. Para eses intermediarios entre o divino e o humano era mil veces mais fácil manexar unha cadea de xentes que dependeran para todo dos de categoría superior, entre os que estaban eles, do que tería sido enfrentarse con sociedades independentes. Está clarísimo que o sistema sempre foi un instrumento perfeito para estabelecer mandos e xerarquías inamovíbeis e desigualdades natas e indiscutíbeis.

 

E isto da desigualdade nata, e da superioridade e inferioridade intrínseca e indiscutíbel, é o que se estabelece, fixa e propaga na familia patriarcal. Desde o momento mesmo en que vimos ao mundo colocásenos nun nucleo no que xa quedamos inseridos para sempre na categoría superior ou inferior, segun teñamos nacido varón ou muller. Quen naza varón pertence ás ramas principais do tronco familiar, ás únicas capaces de propagar esa familia como tal, porque ao varón correspóndelle esa tarefa no sistema patriarcal e ten o deber de continuar ese tipo de familia que se reproduce por vía masculina mediante a transmisión do apelido paterno aos fillos como mínimo, ainda que esa vía é moito mas forte cando hai proxenitura masculina con respeito a herdanzas económicas e sociais. Mas limitándonos ao asunto do apelido, convén sinalar que esa transmisión do apelido do pai aos fillos é unha das bases mais fortes do sistema; por moitos avances que as mulleres fagan no terreo da igualdade có outro sexo, non lles será fácil vencer a desigualdade fundamental, que é a de que o transmisor do vínculo familiar é o varón e non a muller, e non lles será fácil porque as outras conquistas non afectan á raíz do sistema e esta sí que afectaría a esa raíz.

 

Esta transmisión do vínculo familiar por medio dos varóns faise principalmente coa transferencia do apelido paterno, o que significa que a muller, cando casa, pasa a formar parte da familia do marido e que sua familia  deixa de contar nese sentido. Mas tamén faise de moitas outras maneiras. O feito, por exemplo, de que en moitos lugares sexa o varón o que ten que velar polas almas dos antepasados con rituais que só pode facer el xa é abondo para que nas culturas onde o culto aos antepasados é forte o varón sexa moito mais importante para a Familia que a muller. Esta é a razón de que se festexe e prefira o nacemento dun varón e non o dunha muller, porque no sistema patriarcal ao varón correspóndelle un papel principal respeito da familia e polo tanto de toda a sociedade, e á muller un papel secundario, de axuda á tarefa do varón.

 

Se un habitante de outro planeta viñera de visita a éste no que estamos e vise este sistema familiar no que nos movemos diría seguramente que o mais incomprensíbel de todo é que, sendo a muller a principal creadora de fillos, non se considere a principal continuadora da familia. Esta é unha das moitas terxiversacións e perversidades do sistema patriarcal, que é sempre antinatural e absurdo e que por iso funciona tan mal para o mundo e para a sociedade humana en xeral. O lóxico, natural e normal sería que fose a muller a principal continuadora de familia e que os fillos levasen en principio o apelido da nai, pois que ela ten moito mais que ver na creación deles que o pai, ou que polo menos levasen o apelido dela mentres fosen pequenos e que logo escollesen o que preferisen cando chegasen á idade adulta. Mas isto botaría abaixo unha das pezas mais importantes nas que asenta o sistema. As mulleres foron escravizadas, aprisioadas, despoxadas das liberdades mais básicas, mutiladas, asasinadas, apedreadas, queimadas e enterradas vivas, humilladas e desprezadas por medo a que tivesen fillos de outros varóns que non fosen os continuadores da Familia. Se fosen as mulleres as continuadoras da familia e non os varóns, nada diso tería sentido e todos eses abusos e crueldades non farían falta.

 

O do papel secundario da muller foi algo que remacharon, asentaron  e propagaron todos os que falaron en nome das relixións, polo menos das mais coñecidas. Era fundamental facelo para soster o sistema patriarcal, que lles outorgaba o mando que apetecían. Como xa dixen, Emilia, non sei se o sistema patriarcal se implantou no mundo gracias ás prácticas relixiosas ou se quedou incrustado nas relixións porque xa estaba implantado. Pero do que non hai dúbida é de que o apoio foi mutuo. Para falar da relixión que mellor coñezo, que é a xudaico-cristiana, a interpretación que as autoridades eclesiásticas fixeron da Biblia para defender o patriarcado non se ten de pe, a pouco que se analice en que está baseada. As igrexas cristianas sostiveron sempre que o Deus bíblico implantara o patriarcado no mundo, cando polo contrario todo o que se pode tirar da Bíblia  fai pensar que ese Deus falou do patriarcado como dunha grande disgracia que afectaría aos humanos, unha plaga deplorabél. E a interpretación que se fixo dos relatos bíblicos para asentar a idea de que Deus fixera á muller inferior ao varón e subordinada a el baséase nun razoamento disparatado e nunha interpretación terxiversante deses relatos. E así se fixo con todo, porque do que se trataba era de enraizar o sistema patriarcal, que permitía o abuso e a tiranía, e de aproveitalo para poñerse na categoría de superiores natos dentro dese sistema. 

 

A familia patriarcal está pensada para inserir na sociedade, desde o comezo mesmo da vida até o final, o principio da desigualdade nata e da autoridade absoluta, e iso faise estabelecendo tamén dende o comezo a desigualdade básica e irreductibel entre varón e muller e o mando dos pais e dos mais vellos da familia sobre dos fillos e os mais novos en xeral.

 

O de que se dé a preferencia ao varón non é o fundamental do sistema. O esencial é estabelecer unha desigualdade nata e unha superioridade e inferioridade tamén natas, pois iso é o que se vai imitar depois no tecido todo da sociedade. Malia resultar difícil de imaxinar, podería ter sido da outra maneira, que se lle dese a preferencia á muller, e o sistema tería funcionado igual, porque o fundamental é o outro, o enraizamento dos dous principios, o da desigualdade e o da xerarquía nata. Convén insistir na importancia que ten para o sistema o de que sexan natas, conxénitas, pois que iso quer dicer que non se pode loitar contra delas e que hai que aceitalas porque non se poden mudar.

 

As ideas deterministas son unha das bases do sistema: a idea de que todo o que acontece no mundo está predeterminado polos deuses e de que o ser humano non ten liberdade para rexer o seu destino foi inculcada polas xerarquías das relixións todas.

Esas ideas deterministas están moi vivas en todas as sociedades de tradición católica, como é a nosa, onde se predicou e predica que “será o que Deus quera” e onde se cré que todo o que sucede é porque El o ordena. Non viría mal que eses que predican, sen fundamento nengun, que todo o que acontece no mundo é por designio divino e que fan crer aos fieis, na mellor tradición patriarcal, que por moitas disgracias que lles pasen e por moitas inxusticias que teñan que aturar, todo é porque ese Pai-Patriarca que está nos ceos lles quere ben e se manda disgracias e catástrofes é para provar o seu amor, recoñecesen que cativo favor fan a ese Deus no que din que cren atribuíndolle todo o que anda mal no mundo e na vida das personas. Non fan favor nengun ao Deus e non fan favor nengun tampouco ao ser humano, que según esas teorías non pode facer mais nada que obedecer e aturar porque para outra cousa non val.

 

Revélase claramente nestas interpretación das crencias relixiosas tan típicas do sistema patriarcal  un dos elementos fundamentalísimos dese sistema, que é o de que as autoridades humanas non teñen nunca culpa de nada. Os efectos típicos do patriarcado son a tiranía e a irresponsabilidade, e desa combinación non pode sair nada que funcione ben.

 

Seguiremos có tema, Emilia.