Carta VII
Benquerida
Emilia:
Durante
mais de quinientos anos, que é moito tempo, enalteceuse e defendouse todo o que
fixeron os Reis Católicos como se defendelos a eles fose defender o honor e a
valía de España. En cambio, na interpretación da Historia que se nos contou non
se mencionan apenas nen se estudan nen se fai esforzo nengun por entendelas as
figuras de Colón, Cortés, Pizarro e Magallanes. Parece como se fosen brutos
ineducados e incultos que levaron a cabo unha empresa de valor dubidoso e sen
importancia. E isto é tan incomprensíbel que ten que proceder por forza da
visión do mundo que se impuxo naquela época e que quedou incrustada na mente e
no corazón dos habitantes de España porque nunca se fixo nada para desbotala.
Os
descobridores eran ainda homes có espíritu da España anterior, aberta,
emprendedora, de espíritu heroico e un pouco noveleira. Isto é o que di J.H.
Elliott en Imperial Spain:
A introducción da imprenta en España arredor
de 1473 déralle unha difusión enorme aos libros de cabaleiría, e o “Amadís de
Gaula”(1508), o máis famoso de todos, era coñecido con detalle por moitos
españois que ou o léran ou o sentiran contar ou ler en voz alta. Era natural
que unha sociedade impregnada daquelas obras e que cría dun modo conmovedor na
veracidade do que nelas se contaba tendera até certo ponto a modelar a sua
visión do mundo e o seu código de conducta nas extravagantes ideas
popularizadas polos libros de cabaleiría. Nelas abondaban os sucesos extranos e
as accións heroicas. ¿Qué mais natural que o misterioso mundo de América dera o
teatro para poñer todo aquilo en escea? Está rexistrado que a primeira vez que os
homes de Cortés viron a cidade de México lembráronse “dos sucesos encantados
que se relatan no libro de Amadís”.
Coa
cabeza chea de ideas fantásticas e a coraxe alimentada por nobres exempros dos
grandes herois da cabaleiría, os conquistadores ían dispostos a aturar toda
clase de traballos e sacrificios según cruzaban selvas e pántanos para chegar
ao centro do continente.
Aqueles
homes eran loitadores apaixoados, rexos, determinados, desprezadores do perigo,
arrogantes e irritábeis, extravagantes e imposíbeis: exemplos seguramente dunha
talla sobrehumana, do tipo de home producido pola sociedade nómada e guerreira
que habitaba a seca meseta da Castela medieval.
Os descobridores
eran homes “medievais”, da España de antes. Mas na época na que lles tocou
viver, España xa estaba mudando de forma de ser e de sentir. O espíritu
idealista e aventureiro non podía sobreviver no meio das censuras e supresións
da Inquisición. O povo non sentiu admiración nen respeito por eles porque
seguramente nen se enterou do que estaban facendo nen do que aquilo
significaba. Na España dos tempos do descobrimento do novo mundo xa non era
posíbel adquirir fama, honor e gloria se non se nacía señor; manchar as mans
traballando ou facendo algo que merecera a pena era considerado de xudeus e de
herexes, e castigado coa cadea, o tormento, o desprezo e a morte. Nese
contexto, ir enfrentarse có descoñecido, saír á procura de outros hourizontes,
andar á busca do ouro para traelo á península era xa considerado baixo e
ordinario, a pesares de que a procura de ouro e o comercio nel eran propios da
España anterior. Na Reconquista había un continuo comercio có metal, as mais
das veces en forma de tributos dos mouros aos cristianos, e esa especie de
comercio en ouro era, en definitiva, o oficio de El Cid. Di o historiador A.
Mackay:
De feito, houbo un forte elemento de continuidade entre a España
“medieval” e os primeiros tempos da España moderna e do seu imperio. O desexo
polo ouro era tan forte
como sempre...
O desexo
poida que seguise igual de forte que antes; seguro que seguía. Mas na España do
medo e da inversión de valores e cambio de personalidade empezou a estar mal visto
ir procuralo. Collíase e despilfarrábase a eito o que viña, pero sen lle dar
mérito e facendo como que non tiña importancia. Gastalo era de “señores”;
buscalo e traelo non. Aí empezou o desprezo a facer diñeiro (non a gastalo nen
a adquirilo sen traballar) e daí veu tamén o desprezo aos descobridores que ían
buscar ouro e mais adiante ao “indiano”. O que marchaba a facer fortuna có seu
mérito e o seu traballo despertaba desdén, e talvez ese factor haxa que telo
moi en conta ao examinar a historia da Galiza, pois que ser país de emigrantes,
de buscadores de ouro e de fortuna, fíxoa ainda máis despreciábel.
A actitude
frente aos descobridores que empezou no reinado dos Reis Católicos e que deixou
tanta marca que ainda hoxe continúa, era a de que, cando se facía algún
descobrimento, os Reis Católicos mandaban axiña aos seus representantes con
orde de lles quitar todo aos descobridores. A éstes pagábanlles o mérito
meténdoos na cadea cando voltaban. Di o historiador Merriman:
O
nomeamento de Bobadilla marca sen dúbida o comezo, por parte da Coroa, de
facerse coa administración das Indias. Parece estar claro que o novo gobernador
xa ía en contra de Colón antes de chegar alá. O Almirante foi rápidamente
aferrollado e enviado a España; e ainda que logo foi libertado e concedéronlle
unha entrevista cós soberanos pouco depois de chegar a terra, nunca máis
recuperou nada que se parecera nen de lonxe á posición que tiña con
anterioridade. Non se lle deu nunca xamais nengunha autoridade de tipo político
e fóronlle quitando, cada vez con mais atrevimento, os seus direitos e
privilexios.
E di o historiador J.H.Elliott en Empires of the Atlantic World:
A tarefa
mais inmediata e apremiante dos que formaban o Consello de Indias depois da
conquista de México por Hernán Cortés entre 1519 e 1521 foi a de facer que a
esa conquista lle seguise coa maior rapidez posíbel outra conquista, a dos
conquistadores da coroa. Era esencial que se lle cortasen as alas a Cortés como
antes se lle cortaran a Colón.
Castela
apreixou as terras recén descobertas para ela, e tamén a gloria da empresa, a
pesares de que nen a entendeu. Baseouse para iso en que ela dera os meios e o
permiso para facela, pero o certo é que os meios foron do mais ruin e o permiso
concedeuse tarde e con poucas ganas. O mérito e a gloria terían que ser, por
xusticia, para os países dos que saíron os marinos, cartógrafos, astrónomos e
inventores que fixeron posíbel aquela arriscada e imaxinativa empresa. Aquela
expedición que saiu do porto de Palos con “La Gallega” á frente e chegou a
terras americanas sen que morrera nengun dos noventa homes con que saíra, o que
xa era naqueles tempos un feito inaudito que demostra o ben que estaba pensada,
e que, a pesares da ruindade de meios con que contou foi modelo de organización
e competencia moi poucas veces igualado e que segue despertando admiración nos
que a entenden, non tería sido posíbel sen as carabelas que o inxenio portugués
e galego diseñara e construira, sen os coñecimentos que Colón adquirira en
Portugal, a onde chegara cuase analfabeto e de onde saiu sabio, e sen a axuda
material e moral que lle deron os seus fieis amigos e colaboradores andaluces,
os irmáns Pinzón. Os meios e o permiso, calquera podía telos dado. O mérito da
empresa tiña que corresponder a lugares desprezados aos que non se lles deu
nengun, e eses lugares foron Xénova, Andalucía, Galiza e Portugal.
O pior do
asunto foi que, ao ser América para Castela, trasladouse para alá o mesmo tecido
pseudorelixioso e tiránico que se extendera pola península. Di J.H.Elliott en Empires of the Atlantic World:
A incorporación das Indias á coroa de Castela
tivo inmensas consecuencias a longo prazo para o desenvolvimento da América
hispánica. Técnicamente esta sería unha América castelana, non española. A
pesares de que os reis de Castela eran tamén reis de Aragón e de que alguns
aragoneses participaron nas primeiras etapas da expansión hispánica no Novo
Mundo, eran incertos os direitos dos nativos da coroa de Aragón a trasladarse a
América e asentar alá. Os textos xurídicos do seculo XVI relativos á exclusión
de extranxeiros das Indias eran ambiguos e contradictorios canto á condición
exacta de posíbeis emigrantes de Aragón, Cataluña e Valencia.
A historia da colonización do novo mundo tería
sido moi diferente se a “madre patria” das Américas tivese sido a España de
antes, a verdadeira, e non a España inquisitorial e de espíritu estreito que
xurdiu daquela. Tal como foron as cousas, o que se transmitiu ao novo mundo
foron mais vicios e brutalidades que cultura e civilización. En nome da
relixión, o que se estabeleceu alá foi un sistema copiado do que asentara na
península, desalentador e debilitante, atravesado e tétrico. O que se fixo có
novo mundo foi escravizalo e desprezalo, por moito que se falase de
“protexelo”. Di o historiador Peter Pierson, en Philip II:
A
pesares da lexislación que dictaba o contrario, Felipe II dáballes aos españois
do Novo Mundo indios para que traballaran para eles, en troques de diñeiro
(mentres que para tranquilizar a sua conciencia recordáballes aos señores que
debían tratar ben aos indios); e cedeu ainda mais á necesidade de ter cartos
firmando novos contratos para o comercio de escravos africanos, considerado
inmoral por moitos, pero permitido pola lei.
Mais adiante seguiría a frialdade de sentimento cara a América e a
ignorancia do que alá sucedía. Di H.J. Elliott en Empires of the Atlantic
World:
Por
ignorancia ou por negarse a enfrentar feitos pouco agradábeis, o enfoque que
tiñan as Cortes de Cádiz dos indios estaba moi afastado da realidade americana.
A concesión nominal do direito a plena cidadanía non aliviou para nada a
condición dos indios e mais ben empeorouna.
O abismo
entre as elevadas intencións das Cortes de Cádiz e os resultados prácticos das
deliberacións só valeron para intensificar a desilusión das poboacións de
América, que xa chegado 1810 comezaran a perder a paciencia coa madre patria.
Desde os primeiros momentos, a actitude arrogante cós habitantes de América que
as Cortes mostraron alienou a aqueles a quen confiaran en atraer.
Os
habitantes de América liberáronse mais adiante da tiranía da “madre patria”
cando se aburriron do mal governo que se lles impuxo e da indiferencia con que
os trataban. Bolívar falaba de ir libertar a España despois de libertar ao seu
país. Non se decataba de que o problema de España era que, có tempo e a
propaganda do sistema que se fixera, os males xa estaban interiorizados e a
cadea mental na que estaba metida parecía xa natural e non se sabía nen se
quería saír dela. O medo a quedar “desprotexidos” penetrou moi a fondo e, como
sucede nos casos de desánimo e depresión, o malo que se coñece arroupa; non se
quer examinar por medo a ter que saír do coñecido e por non querer enfrentarse
có descoñecido. Se España quixese entender os erros da sua historia en vez de
tapalos sistemáticamente empezaría a descobrir a sua verdadeira personalidade e
os seus auténticos talentos, que son moitos, pero non os que se glorificaron,
senon os que se ocultaron e desprezaron.
Na próxima
carta, Emilia, empezaremos a analizar mais a fondo o que sucedeu na Galiza. Até
moi axiña.