Carta VI

 

Benquerida Emilia:

 

O que dicían os que falaban nos meus tempos de los males de España e non conseguían ver a razón dunha decadencia que de forma inexplicábel tan cedo comezara, era que a España o que lle pasaba era que ainda vivía das glorias do seu pasado imperial e dos lauros que iso trouxera, e que esa decadencia viña da perda do imperio. Poida que sexa certo nalgunha medida ou en moita, mas a actitude de España cara o seu imperio mentres o tivo e depois de que o perdeu é tal vez única na historia do mundo.

 

Na miña infancia e xuventude, cando ainda non comezaran as teorías e os sentimentos anticolonizadores e anti imperialistas, había unha actitude consciente do imperio español e parecía ben ter imperios. Naqueles tempos pensaban moitos en España que os imperios, como os fillos, viñan donados directamente pola autoridade divina e representaban unha mostra de agrado por parte de Deus, un premio aos “bons”, que eran as nazóns católicas e, entre elas, as “escollidas”. As cousas nese sentido mudaron radicalmente cando se tomou conciencia de que os imperios non eran cousa boa, e con iso pasouse da noite á mañá á actitude contraria e esqueceuse por completo o pasado imperialista de España. Houbo desde entón unha denegación colectiva dun pasado que non se quer analizar nen coñecer, non vaia ser que descobramos algo que non nos agrade ou nos faga mudar o relato ao que estamos afeitos. O único que queda no sentimento colectivo con esa actitude de denegación é unha sensación de superioridade conxénita, de termos direito a estar entre os grandes e poderosos do mundo,  pero sen entender moi ben por qué e sen aceitar responsabilidade por nada.

 

Neste momento histórico en que te escrebo, Emilia, calquera diría que a única nazón imperialista que houbo nunca e que hai no mundo son os Estados Unidos de América. Calquera diría, vendo a indignación coa que se fala do imperialismo estadounidense, que eles inventaron o imperialismo, cando o certo é que eles comezaron por libertarse e independizarse dun imperio. É moi interesante ver ás nazóns europeas que formaron e explotaron imperios por todos os continentes durante tantos centos de anos, facéndose as víctimas e as inocentes, como se non tivesen culpa de nada. Tendo en conta que se empezamos a mirar cántas nazóns de Europa non tiveron imperios cuase non se encontra unha, compre tal vez sospeitar se non será que esa indignación dos países de Europa frente ao “imperialismo ianqui” procede non só de que non está de moda ser imperialista, senon de que amola que  sexan os ex colonizados, e por riba do novo mundo, os que agora teñen imperios e supremacía, e non os vellos países de Europa, como estes pensan que debía ser.

 

O normal e corrente foi sempre que eses países que outrora tiveron imperios e colonizaron conservaran vínculos coas ex colonias, se non de amor precisamente, polo menos de amizade e de interés especial por elas, ainda que os sentimentos podan ser ambiguos. Ese foi o caso de Inglaterra coa India, por exemplo, coa que nunca estivo vinculada pola mesma língua, relixión e cultura e coa que tivo a pesares diso unha relación profunda, de  love affair chegouse a afirmar; xa non digamos cando había vínculos de raza e língua, como con Canadá e Nova Zelandia e, moito máis ainda, cando houbo vínculos tan fortes como cós Estados Unidos, que fan que os asuntos dese país se viviran e sigan ainda vivíndose como se fosen cuase os propios. Isto para os habitantes de España resulta incomprensíbel, porque eles nunca tiveron vínculos de amizade, interés e afecto cós países americanos. Eses vínculos afectivos vense tamén no caso de Portugal respeito do Brasil ou Angola, e no da Franza coa África francesa ou lusófona. Hai nalgunha medida unha reciprocidade de sentimentos que en España nunca houbo. No imperio británico houbo unha cordialidade entre a Gran Bretaña e as suas colonias, que seguiu despois de que se independizaron, que nunca houbo no imperio español, nen antes nen depois de se teren independizado as colonias, a pesares de haber tanto en común entre colonizados e colonizadores. E ten que haber unha explicación para esta actitude tan insólita.

 

O que se dicía e talvez se siga dicindo e repetindo nos libros de Historia de España, con esas frases feitas e automáticas que saían sempre cando se falaba do Imperio español referido á América, era que, contrariamente a outros imperios que merecían condena e reprobación, o imperio español fora distinto e superior porque nel nunca houbera racismo como nos outros: os españois mesturáranse cós habitantes das terras americanas, e iso significaba que non eran racistas como os demais poseedores de imperios.

 

Resulta cuase inexplicábel que con tantos anos e séculos como pasaron desde  “el descubrimiento y la conquista de América”, que así era como se titulaba a empresa, ainda siga repetíndose agora un xuízo tan discutíbel, sen base na realidade e que seguramente ninguén mais compartiu. Estamos falando de varóns españois que chegaban ás novas terras americanas e tiñan relacións coas mulleres nativas e talvez cós homes. E estamos falando dun sistema de escravitude a que se someteu primeiro aos indios e depois aos negros que se trouxeron de África e dos resultados do uso que facían os amos das escravas. O sexismo, machismo e paternalismo implícito nesa presentación da desigual situación entre colonizadores e colonizados como modelo de actuación igualitaria e sen racismo val ben de exemplo da interpretación absurda que se fixo dos feitos do descobrimento, conquista e colonización das terras americanas.

 

A verdade é que na descoberta América impúxose a relixión pola forza, e isto, que foi seguramente o pior de toda a historia do imperio español de alén dos mares, apenas se menciona no relato que se transmite, ou cando se conta é como mérito indiscutíbel. No relato que se transmite les dimos la religión, la cultura y la lengua. Dábase por feito que aqueles atrasados “indios”, sobre os que se debatiu moi en serio se eran seres humanos e se podían ter alma, non tiñan nen relixión, nen cultura nen língua. Ter tiñan, pero como se non as tivesen, porque non eran as de Castela e portanto non valían. O que faltou por completo  por parte dos colonizadores (non tanto nen moito menos por parte dos descobridores) foi o respeito ao diferente. Se eran diferentes había que meterlles a paus e pola forza a  relixión, a  cultura e a língua de Castela, que eran as únicas que valían.

 

Esa actitude de desprezo por todo o diferente segue viva hoxe en España, onde se consideran “indios” os habitantes da América Latina, sendo “indio” nese sentido un insulto semellante ao de “judío”, “marrano” e “ladino”. Ao cabo todos eses insultos formaron parte do sistema inquisitorial. Naceron ao mesmo tempo e coa mesma intención e seguen tan vivos como sempre na linguaxe falada e escrita da península. Eses “indios”, a pesares de que les dimos la lengua, non saberán falar ben nunca e calquer habitante de España fala mellor que eles, a pesares tamén de que eles levan falando esa língua  moitos centos de anos. Fagan o que fagan e pase o tempo que pase, eles nunca poderán falar a língua que lles dimos igual de ben que os nacidos na España nen ter cultura como eles. O que fai mais absurda ainda esta visión autoritaria das cousas que impide ver a realidade é que unha grande parte da poboación da América de língua española é descendente directa dos españois que foron para alá e alá quedaron, mas mesmo por iso, porque alá foron e alá quedaron, na mentalidade inquisitorial viraron “indios”.

 

Hai moitos sinais de que unha actitude tan inabitual ten que vir dalgún feito histórico que marcou moito. España non tivo nunca sentimentos ambiguos ou mesturados cara eses países cós que ten en común desde hai varios séculos raza, cultura e língua. Menos ainda ten o tipo de vínculo íntimo e familiar que ten a Gran Bretaña cós Estados Unidos, como tal. Iso é impensábel. O certo é que España mais ben sinte indiferencia e desprezo  por eses “fillos” aos que lles “deu” todo. Os “fillos”, aburridos da indiferencia da “Nai” e doídos pola sua frialdade, un día independizáronse. Pero como esa Nai patria nunca admitiu a lexitimidade das ansias de independencia dos fillos nen admitiu nunca que puidesen ser algo sen ela, non sabe como reaccionar con eles e ten medo de que pensen que son mais que ela. No fondo non sinte orgullo de que se fale español nas Américas nen se alegra; case lle ofende, mesmamente porque non admite que por alá se poda falar ben, e nen parece terse decatado de que se o idioma español é un dos máis importantes do mundo non é porque se fale en España, senon porque se fala en moitos países de América. Se algunha vez se enfatua do de América é só da “conquista”, non de mais nada. A Nai patria non sinte nada do que debía sentir. E non se debe esa antipatía cara o imperio a sentimentos igualitarios e anti imperialistas, nen a un temor de que talvez se fixeran algunhas cousas mal. Esa falta de sentimento ven de outro sitio e ten que haber algunha razón histórica que a explique.

 

Eu sei ben que esa antipatía e desprezo por Hispanoamérica ou “Sudamérica”, como se di habitualmente en España para referirse a todos os países de língua española, incluidos México e Cuba, por exemplo, existía cando eu vivía no país e segue existindo agora, e que non era un sentimento individual senon colectivo que se adquiría desde que ún nacía. Estaba nas capas da mentalidade española mais automáticas e moi pouquiños terán sido os que se saíron desa mentalidade. Os “sudamericanos”, como se lles chamou sempre, ou os “sudacas”, como se lles chamou nestes últimos anos cunha aprofundización do desprezo que sempre houbo, eran inferiores aos españois, iso estaba claro. Eran indios e se lles vía moi axiña, cando reaccionaban dun modo diferente ao dos españois peninsulares. Non sabían falar, naturalmente, ainda que debo dicer que tampouco sabían falar, na mentalidade española que eu coñecín e coñezo, os andaluces, os galegos, os cataláns e nengun outro habitante de España que, en definitiva, non tivese nacido en Castela. Isto, a pesares de que en cuase todas as provincias de Castela hai vicios lingüísticos que puidéramos chamar castelanistas, como son o laísmo, o leísmo e o loísmo, vicios que por fortuna non pasaron ao español da América Latina porque os que alá foron, primeiro como descobridores e logo como emigrantes, viñan a maioría deses mesmos países de España nos que tampouco se sabía falar ben o castelán, é dicer, de Galiza, Andalucía, Extremadura, Canarias e alguns outros.

 

Non sei o que se pensaría deste asunto nos teus tempos, Emilia; non parece ter sido tema discutido e non me lembro de que ti fales diso nos teus libros e discursos. Pero do que estou segura é de que a mentalidade e as frases feitas con respeito a todo o da América Latina eran as mesmas que agora, porque nunca sucedeu nada que fixese mudar eses conceitos.

 

Esa mentalidade parece proceder claramente de que no inconsciente colectivo quedaron incrustadas as actitudes e os sentimentos da España da época na que se fixeron os descobrimentos do novo mundo e das que lle seguiron, nas que xa ficara enraizada a maneira de entender as cousas que comezara en tempos dos Reis Católicos. Os Reis Católicos non entenderon a importancia daquel novo mundo descoberto ou, se a entenderon, escolleron desprezar aqueles descobrimentos e a quen os facía. Di o historiador J.N. Hillgarth en The Spanish Kingdom o seguinte:

 

Na lista de títulos dos Reis Católicos aparece por vez primeira en 1458 o de “Reyes de la Gran Canaria e todas suas islas”. As “Indias” non aparecen normalmente nesa lista; só nalgúns documentos ven Fernando como “Señor de las Indias del Océano”. Nunha época en que a nomenclatura real tiña grande importancia, isto representa un feito que evolucións posteriores escureceron. No reinado de Fernando e Isabel as Indias recibiron menos atención que o Norte de África, e menos desde logo que Italia. En 1516 a verdadeira importancia do Novo Mundo descoberto por Colón non se entendera ainda.

 

Ao descobrimento de América non se lle soubo nen se lle quixo dar importancia, porque no sistema iniciado polos Reis Católicos era esencial tirarlle importancia a todo o que a tiña. Así eles podían conceder a importancia como eles querían e desa maneira crear  xerarquías e  valores que eles controlaban en nome dunha autoridade divina que manexaban ao xeito deles tamén. Con ese sistema que se arranxou, na España  “unificada” empezou a haber de feito duas razas ou castes de españois. Nunha das castes quedaron os de antes, os intelixentes, os sabios, os emprendedores, os de mente aberta e os sinxelos e eses foron os perseguidos polo sistema e esmagados por el. Na outra entraron cada vez mais os conformistas e imitadores, os pedantes, os covardeiros, os dogmáticos e os fachendosos e soberbos, que foron os perseguidores dos outros porque así funcionaba  o sistema.

 

Outros países agasallaron ás suas figuras esgrevias, a tudo aquel que trouxera algo para a nazón; sentíronse orgullosos dos seus herois, marinos, descobridores, guerreiros, artistas, inventores e até piratas, porque contribuían ao benestar de todos, e os festexaron. En España, desde os tempos da inquisición e do mando de Castela, os que valían non foron agasallados; ao contrario, foron aborrecidos e desprezados. Aqueles descobridores que, cheos de imaxinación, coraxe e acometividade, marcharon a enfrentarse có descoñecido e a traguer ouro e glorias para España, eran dos españois de antes e tocoulles ser perseguidos. Os que andaban rondando pola Corte mentres se aproveitaban desde dentro do que eles facían, aldraxábanos, acusábanos de cobiza e traizón para arrapañar eles con todo, e arrecantábanos para que non destacaran. Os que andaban pola Corte e polos bispados gozando da boa vida e  honra que daba o atender exclusivamente ao qué dirán e facer o que mandaban as autoridades sen remusgar, reaccionaban con malquerencia e violenta envexa contra calquera que amostrara saber e valer. Os descobridores non só non foron agasallados e ben recibidos cando voltaron a España, senon que foron maltratados, sobretudo Colón, que era por riba extranxeiro e mais vulnerábel por iso ás acusacións e envexas da España xa pechada e incapacitada para abrirse a novos mundos e novas ideas. Cuase todos morreron na miseria, desprezados e desesperados. E o maltrato que se lles deu en vida pasou ao inconsciente colectivo en forma de desdén ao que fixeran e a eles propios como personas. A imaxe que se transmitiu dos descobridores foi a de que eran xente de pouco valer, incivilizados, ignorantes e cobizosos; os que valían eran os colonizadores, os que mandaban os reis ao novo mundo para que fixeran alá o que eles querían. O mérito que se lles deu aos descobridores tivo que vir de fóra, dos outros países que entenderon o que valían e que ben terían querido que lles correspondera a eles.  Na transmisión que se fixo deses feitos e que pasou a formar parte da mentalidade dos habitantes da España hai unha escala de méritos clarísima e indiscutíbel: o mérito principal foi o da raíña e depois o dos colonizadores e relixiosos que civilizaban aos indios. Ainda que resulte incomprensíbel, hai un sentimento penoso de que os descobridores causaron deshonra, talvez porque aquel espíritu creador e aventureiro xa non encaixaba para nada na España paralizada, na que o mellor era non facer nada. O novo mundo chegou cando xa todo o que non fose o sistema inquisitorial estorbaba, e por iso tamén aquel novo mundo despertou có tempo un sentimento de que comprometía e deslustraba aos de “dentro”.   

 

Naquela época  na que España se pechou frente a todo o de fóra, incluido o seu novo imperio americano, empezouse a ver todo desfigurado, e esa visión continuou nas interpretacións do pasado que se fixeron despois. O paso por Flandres do Duque de Alba, arrasando canto se lle puña diante sen motivo algun, pintouse como motivo de orgullo; as aventuras dos que ían ao continente americano, non. Tanto foi o desvío e o retraemento que comezou naquela época que, a pesares de que a Corte española tiña fama de ser a máis insulsa e soporífera de toda Europa, a Felipe II e aos seus cortesanos parecíalles a mais animada do mundo e padecían moito cando tiñan que andar de visita por aquelas outras Cortes europeas nas que abondaban as foliadas e o espíritu bullangueiro. Aquelas bullangas, comparadas coa excitación dos Autos da Fe e as queimas de herexes, parecíanlles insípidas. Tan pechada quedou aquela nova España inquisitorial que Carlos V escandalizou por vir arrodeado de extranxeiros, que denantes non terían escandalizado a ninguén. Felipe II obrigou á sua esposa, Isabel de Valois, a que despedira ás damas francesas que a acompañaban, pois a sua presencia ofendía nunha Corte na que se podía ser  inmoral e cruel pero con moita seriedade, sen parecer frívolo. España virou con todo isto un gran teatro no que cadaquén representaba o papel que lle marcaran como mellor podía, e no que había que cuidar por riba de todo a actuación exterior e a apariencia. Quedou moi pouquiño espazo para a vida interior e para a creatividade de calquer xénero, que de xurdir naquel ambiente malicioso e viciado non podía desenvolverse mais que na escuridade e ás escondidas. Tanto se incrustou na psique colectiva o medo e aquel non poder facer mais nada que cuidar as apariencias e conformarse có que mandaban, que tamén enraizaron mais cada vez a cobiza e a envexa nacidas da frustración, e o odio e o desprezo a quen destacara e se saíra do molde que era para todos e que só así, sendo para todos e sen que houbese excepcións, podía aguantarse.

 

Por iso España, nunha época na que tiña verdadeira oportunidade de disfrutar da expansión que supuña o descobrimento do novo mundo e de colocarse por diante das demais nazóns, empezou a perder guerras e posesións cunha rapidez pasmosa e inexplicábel, cando por tudo o que estaba pasando obxetivamente tocáballe trunfar, vencer e florecer. Mas naquel ambiente negativo, pechado e esmagador de talentos, o espíritu de teatralidade, disimulo e envexa  apoderouse dos habitantes de España, e dos seus reis sucesivos tamén. Prendidos nese espíritu negativo os reis preferían perdelo todo e que España fixera o ridículo no mundo a que algun marino, capitán ou descobridor levara a fama e a honra que lles correspondería e que en calquer outro país se lles tería outorgado. Felipe II impresionaría talvez aos que o arrodeaban coa sua representación de home serio e grave, os seus famosos “sosegaos” e os seus lutos austeros, mais está claro  que nunca enganou a ninguén de fóra de España e que os astutos embaixadores venecianos o tiñan catalogado de egoísta, finxido e arteiro. Non foron os elementos, como se dixo para disimular o estrepitoso fracaso da invencíbel armada que mandou contra Inglaterra, os que a destrozaron e impediron a victoria. A razón do fracaso foi que se empeñou en que guiara esa armada un home que non sabía facelo e que así llo dixo moitas veces e moi desesperado. E empeñouse por medo a que  alguén demostrase valía. As suas necias argalladas e a sua envexa de todo o que puidese brillar e deixalo a el na sombra levárono a moitos fracasos, que prefería antes que dar oportunidade a alguén para que despontase.

 

Os españois de agora saben moi ben que a envexa é o vicio nacional, e isto é cousa que se admite e recoñece, pero eu ás veces me pergunto se entenden de verdade cómo funciona a envexa e o dano que fai ao país. Paréceme moitas veces que por envexa se entende ansiar e cobizar o que teñen os demais e querelo para un. Sería útil averigualo e saber máis deste asunto e de cómo foi evolucionando desde que ese vicio se apoderou de España, que foi có sistema inquisitorial. Iso que se pensa que é envexa sería en certa maneira normal e, ben encamiñado, podería quedar en espíritu de competencia e rivalidade. Mas a envexa que se apoderou de España non é esa; é a de non querer que nada brille nen destaque, a que leva a desvalorizar, cercear, restrinxir, suprimir e cortar a rente, a que prefire o fracaso de todos antes de que alguén se destaque, a que non da oportunidade de desenvolver talentos. Chamémoslle a iso envexa nacional ou chamémoslle depresión colectiva; o caso é que nesas condicións un país non pode ir adiante e vira espiritualmente terra sen cultivar e deixada a bravo, por moita apariencia e disfraz que se lle bote enriba. España é un país entristecido e desanimado no fondo desde que a envexa se apoderou dela, porque unha grande parte da sua personalidade auténtica e do seu potencial verdadeiro foron brutalmente suprimidos.

 

Cando se deixa que os defectos dunha persoa, unha sociedade ou un país viren vicios que non deixan adiantar, hai que facer todo o posíbel por entendelos e analizalos para logo vencelos, porque, se non, acaban con todo e funcionan como unha potente droga sen a que non se sabe viver. Repito, Emilia, que a mín iso que poderíamos chamar envexa positiva ou ciumes non me preocupa moito e nese sentido non penso que España sexa ou teña sido mais envexosa ou ciumosa que outros países e que algúns dos seus veciños. Cuase diría, sen meterme a fondo no asunto, que houbo máis desa envexa por parte da Inglaterra e da Franza cara España nas épocas de que falamos que por parte de España cara outros países.

 

Ora ben, a outra envexa, a que poderíamos chamar envexa negativa, que non deixa que nada saliente, se manifeste e brille por mérito propio, senon que para ter brillo hai que agachar as orellas primeiro diante das autoridades e son éstas as que dan o permiso para telo ou non según lles conveña, esa sí que penso que fixo e fai un dano tremendo a España e que contribuiu inmensamente á sua decadencia e a que nunca avanzara como podía e debía ter feito.

 

Seguiremos, Emilia.