Carta V

 

Benquerida Emilia:

 

O reinado dos Reis Católicos quedou vinculado có comezo dunha  época de grande esplendor político e cultural que culminaría logo no chamado Siglo de Oro. E talvez esté aí unha das pezas fundamentais da interpretación que se fixo da Historia de España e, por conseguinte, da Galiza, xa que a Galiza foi parte da España que se formou daquela.

 

 No reinado dos Reis Católicos empezou un sistema de governo que criou unha mentalidade e unha maneira de entender o mundo e de estar nel moi especial. Ese sistema incrustouse facendo uso dos poderes da Inquisición, que, como levamos visto, non deixaba que nada se lle escapara.

 

Ti algunha vez falas da Inquisición, como  cando dis:

 

 La Inquisición, en el siglo XVIII, había perdido totalmente sus bríos y su carácter de instrumento político en manos de los reyes, única base de su poder; y además es cosa ya averiguada, que va adquiriendo fueros de axioma histórico, que el Santo Tribunal de la Fe nunca persiguió a escritores, filósofos ni sabios, sino a judaizantes, moriscos, beatas iluminadas, brujas, embaucadores, y tal cual reo de Estado, verbigracia, Antonio Pérez. ¿Ni cómo había de partir de la Iglesia el espíritu anticientífico, cuando las auras de renovación soplaban en los claustros, y monjas y frailes eran quienes nos traían, con Feijóo el método experimental y las enseñanzas de Bacón, a las cuales nos había preparado Luis Vives, y con el Padre Tosca el atomismo? Es bien significativo que entre los impugnadores del Padre Feijóo y de sus reformas, se contasen muchos más laicos que eclesiásticos, y que entre sus defensores descollasen monjes como el Padre Sarmiento y jesuitas como el Padre Isla.

 

Como foi sempre costume nos intelectuais españois, destacas que a Inquisición non perseguía en realidade nen ás ciencias nen ás letras, senón a xudaizantes, moriscos, praticantes de bruxería e outras malas artes, etc., é dicer, a hipócritas, mentirosos e xentes de mal viver. Iso, desculpa que te faga notar que é unha maneira de decidir un asunto molesto sen pensar, e que esa versión á que das crédito de tan boa gana non se caracteriza nen pola precisión nen pola verdade histórica.

 

A verdade incuestionábel é que a Inquisición perseguiu ferozmente  tudo o que supuña coñecimento e saber. Isto é o que di o historiador medievalista J.N. Hillgarth en The Spanish Kingdoms, 1250-1516:

 

 Os xudeus da península ibérica contribuíran grandemente tanto á ciencia árabe como aos estudos bíblicos. O traballo de estudosos conversos na Bíblia Políglota de Alcalá estaba nesa tradición. O texto dos manuscritos que se usaron para o texto hebreu da Bíblia estabeleceron o mellor texto do Antigo Testamento hebreu até o século XVIII.

.

Mas o labor da Bíblia, ainda que estaba patrocinado polo proprio Cisneros, foi axiña atacado pola ortodoxia, na figura dun dominico que declarou que a Políglota era obra de xudeus, herexes e tolos. Incluso en Alcalá os estudos hebreus foron ridiculizados. En 1534 o más importante humanista da época, Juan Luis Vives, que era descendente de conversos valencianos e escollera viver no extranxeiro desde que a Inquisición lle queimara os pais na fogueira, recebeu unha carta desde Alcalá que dicía: “é certo o que dis, que os habitantes da nosa patria son envexosos e soberbos; engadamos que son bárbaros. Porque o certo é que para eles ninguén que saiba algo de letras, ainda que sexa modestamente, pode estar libre de herexías, erros e xudaismo.

 

O esplendor de España ficou vinculado aos Reis Católicos porque o reinado deles coincidiu có descobrimento de outros mundos que lle deron a España un gran imperio

e  fixeron dela unha potencia europea e mundial. O que sempre se discutiu entre historiadores e intelectuais foi cando comezou o inmenso declive de España e de quen foi a culpa. Non se discute que houbese ese declive e non se sabe explicar tampouco. Din algúns que a culpa foi dos Borbones (non ti, polo menos no referente ás artes e letras, que dis que non se explica a mediocridade na que caíron no século XVIII e seguintes e que non podía ser culpa dos Borbones que eran afeizoados a elas). Din outros que a decadencia veu xa cós derradeiros Austrias. Hainos que pensan que xa en tempos de Felipe II albiscábase o comezo da decadencia e hainos incluso que  van tan atrás na Historia na pescuda de explicacións para os desastres posteriores que chegan a Carlos V. No que coincide todo o mundo é en que España caeu e nunca más se recuperou, e que algo moi forte debeu pasar nalgún momento para que sempre estivese tan mal governada e sen erguer cabeza coma quen di. Como ti dixeches, Emilia, referíndote aos Austrias:

 

En tan grande desventura de la nación española parece verse algo de fatídico, algo como decreto airado de la enemiga suerte, porque apenas se explica el agotamiento en cinco sucesiones de una raza real.

 

 Cuando bajó a la tumba el pobre fanático (Carlos II el Hechizado), resto de la sangre imperial, nos dejaba en tristísima extenuación, mermado y despoblado el territorio, sangrada en las cuatro venas la hacienda, perdidas nuestras conquistas, cerrado el ciclo de nuestras victorias, aniquilados los ejércitos de mar y tierra, anulada nuestra influencia exterior, y lo que es más grave, entregada España como buena presa a las potencias europeas, a que por tratados inicuos se repartiesen nuestros despojos como los sayones las vestiduras de Jesús, y nos enviasen por favor un príncipe nieto de Luis XIV para reinar aquí, con el funesto sino de iniciar la dañosa política llamada de familia , modificar profundamente nuestro carácter nacional, destruir las últimas reliquias de la vieja libertad del municipio y de fuero, centralizar la administración y extirpar todo lo castizo que aún conservábamos. Bajo tan tristes auspicios nació el siglo XVIII.

 

Y no nos aquejaba solamente la decadencia  –hora es ya de pronunciar la tan discutida palabra-  en el terreno político, militar y administrativo; ni era el único daño que debíamos llorar el de ver en Italia, en Gibraltar, en Flandes, plegarse lentamente nuestra bandera, y dentro del reino quedarse yermos los campos y crecer la yerba en las plazas de las ciudades. Otra virtud más alta iba retirándose de nosotros; otro jugo más precioso se nos secaba; a la ruina de nuestro poderío y riqueza se juntaba la de la inspiración y el genio artístico; la anemia del cuerpo subía al cerebro, y éste oscilaba como un péndulo entre el delirio y la modorra.

 

 

Mas tan grande foi o peso das propagandas e apoloxías que se fixeron dos Reis Católicos, e tanto foi o poder psicolóxico e “político” do calificativo relixioso que se lles otorgou ou que, para sermos máis exactos, se adxudicaron eles a sí proprios, que non parece que ninguén se atrevera a sospeitar ou suxerir que tal vez fosen eles os que trouxeron os “males” e implantaron as bases da famosa decadencia de España. Non hai que esquecer que tiñan un entendimento da forza da propaganda moi  moderno e que souberon arrodearse de propagandistas cuxo oficio foi o de darlles brillo atribuíndolles méritos alleos, como cando dixeron que foran eles os que fundaran La Santa Hermandad, cando quen a pensara e organizara fora xa Enrique IV. Parte do oficio dos empregados e cronistas de Isabel consistía en rebaixar os méritos dos que reinaran antes para que así puidera brillar máis ela e tamén xustificar dalgún xeito a ilexitimidade do seu aceso á coroa. E así exaxerouse tamén a parte que tivera nos descobrimentos, que foi mínima, e tapáronse os atrancos que puxo, que foron moitos.

 

Cando nos teus escritos e discursos buscas explicacións para aquela decadencia de España que te preocupaba como a tantos outros intelectuais, dis, por exemplo:

 

Cierto que durante el siglo XVIII brillan en España con claro resplandor la crítica histórica, la historia literaria, la estética teórica, la preceptiva, la filología. Notemos con esto mismo una señal evidente del cansancio y agotamiento de nuestra potencia creadora desde fines del XVII: y la potencia creadora es la cualidad más preciosa de una raza. Llegada la hora de remisión de aquella sublime fiebre que encendió el magín del espontáneo, lego y descuidado Cervantes, se reflexionaba, se hacía inventario de las riquezas, se tasaban y medían las fincas heredadas de nuestros abuelos… y se medían ¡ay! con el compás del siglo XVIII.

 

Lo doloroso es que el siglo XVIII, al proceder al recuento y crisis del pasado, ni aún supo recoger piadosamente y guardar con veneración sus reliquias. Reservado le estaba a aquel estrecho y desorientado siglo negar por boca de la erudición cominera las glorias y hasta la realidad del personaje más simpático y castizo de nuestra historia, el Cid Campeador, demostradas hoy  victoriosamente por una otra erudición más amplia y sagaz. Con tanta mezquinería –repito la gráfica palabra de Jovellanos- estaba ya  dañada la crítica, ciencia favorita del período llamado dieciocheno.

 

O que a mín me parece é que o Renascimento español non chegou a florecer de todo porque quedou sen posibilidades intelectuais e espirituais para facelo, por moito que as tivese físicas, que tampouco as tivo como debía e podía telo feito. Hai unha constricción e un abafamento da arte, sobretudo da literatura, sempre máis sensíbel a persecucións e censuras, que se explica polo sistema inquisitorial que se organizou no século XV e que durou tantos centos de anos. Como ben dis, Cervantes ficou solitario, unha figura señeira e cuase extranxeira e inexplicábel en medio do que seguiu. Cervantes parece personificar unha maneira de entender o mundo e a vida muito mais intelixente e clara que a que veu depois, e o seu elegante e sinxelo estilo e modo de escreber nunca se volveu a ver nas letras españolas. Tiveron que ser os extranxeiros os que o “descobriron” e lle deron a fama que merece e que os españois non lle terían dado por non encaixar na España da Inquisición. Aos extranxeiros chámalles a atención que en España, ainda agora, nos tempos en que eu vivo, non se aprecie de verdade a Cervantes, e eu coido que non se pode apreciar, non só porque a sua fina intelixencia resultou allea na España de depois, senon porque o Quixote é un retrato da España que se formou naquela época e que ainda segue hoxe. Don Quixote non era un idealista, como sempre se di, senon un iluso que non interpretaba ben a realidade porque se empeñaba en ver o mundo como el quería e en crer que podían facerse grandes proezas sen boa preparación física e psicolóxica...e sen levar diñeiro, porque como el valía tanto e era tan xeneroso os demais tiñan que pagar por el.

 

Hai no Renascimento español algo que ficou raquítico e malogrado, que cheira a casa escura e sen ventilar. Non tivo certamente a brillantez dos rexurdimentos de outros países europeus. A tristeza, a amargura e o fondo desánimo que caracteriza á arte española non estaba en Cervantes e por iso cuase non resulta español comparado cós demais. Cervantes era español dos outros, dos que deixou de haber có trunfo da Inquisición. Os rexurdimentos precisan liberdade para acadar ese pulo  extraordinario que os caracteriza, eses folgos, ese abrirse a outros povos e ideas que traen renovación. España, cando chegou o renascimento, estaba xa apreixada nunha cadea política e psicolóxica que non lle permitiu abrirse. O autoritarismo  esmaga a imaxinación porque a imaxinación leva a “soñar” e os soños poden mudar o futuro. Na España formada pola Inquisición os soños imaxinativos desapareceron e foron sustituidos pola credulidade ilusoria e a actuación inepta de Don Quixote e Sancho Panza.

 

Os imperios trouxeron, en xeral, para os países que mandaron e que os fixeron, épocas máis abertas e cultas, quizais por unha lei de reciprocidade e equilibrio natural que fai que o país que se espalla por fóra, física e culturalmente, se expansione tamén por dentro. En liñas xerais, isto parece ter sucedido en todos os imperios anteriores á época da que falamos e en moitos dos posteriores.

 

A Inquisición, o instrumento principal da dictadura absoluta que impuxeron os Reis Católicos, tivo efeitos incalculábeis nos países que formaban España e nos países que comezaron a formar parte do Imperio español. Mas os efeitos da Inquisición nunca se entenderon nen se aplicaron á psicoloxía dos habitantes de España, porque a época na que se impuxo nunca se analizou de verdade e somentes se defendeu e glorificou, e tampouco se analizou o Imperio que empezou nela, senon que se definiu e despediu con frases dogmáticas tais como les dimos la lengua, les dimos la civilización e outras polo estilo, frases todas que responden á ideia de que aqueles coitados “indios” nen sequer serían humanos se non fose polos xenerosos e altruistas españois que lles ensinaron a falar, a vestir e a rezar. Tampouco se perguntou nunca aos colonizados o que pensaban; deuse por feito que non podían pensar nada distinto, de agradecidos que tiñan que estar por tudo o que España lles dera e máis que nada porque, como dicían  os libros de Historia de España, os españois mesturáranse coas outras razas, non como outros, e por iso merecen  agradecimento e admiración. O equívoco que criaron esas ideias aprendidas de memoria e transmitidas sen pensar chega até os nosos días e segue sen aclararse.  O Imperio, ou mellor dito o que del se dixo en España, nunca foi entendido nen amado e deixou nos habitantes de España unha actitude defensiva a ultranza, unha tendencia a non querer aprender dos demais e a non querer escoitar o que teñen que dicer.

 

Os sistemas autoritarios levan a que se actúe con disimulo e a que se apresente unha apariencia que non ten  por qué responder á realidade. O que quer a autoridade é obediencia e sabe que a “realidade”que poda haber detrás da apariencia quedará esmagada máis cedo ou máis tarde. A duración insólita do réxime inquisitorial fixo que o habitante de España, de tanto ter que disimular e finxir por medo ao tribunal eclesiástico, se afixese a viver na superficie da vida e a abrigarse nas apariencias como única roupa posíbel. E tal vez de tanto facelo acabou como Don Quixote, perdendo contacto coa realidade. A vida virou carceraria e o que xurdiu foi o espíritu de supervivencia inmediata e diaria. No ambiente hostil e inhumano que se criou, a única posibilidade de ir aguantando era facerse amigo dos carcereiros.

 

Ti tamén falas de El Cid porque te chama a atención que esa figura, como a de Cervantes, nunca máis se repetira e que ese tipo de español desaparecera por completo da escea. El Cid tamén pasou a parecer cuase extranxeiro, inexplicábel na España posterior á época na que el viviu e sen nada en comun có que mais adiante se considerou típicamente español. El Cid semella ter sido un home independente, libre e dono de sí, que vendía o seu traballo pero non se vendía a sí proprio, que tiña personalidade e carácter e que vivía nunha sociedade na que, ainda sendo famoso e festexado, non desentoaba e era apreciado polo que valía. Desde o reinado do Reis Católicos, o español dese tipo, que parece que abondaba, empezou a desacordar profundamente coa sociedade na que estaba e foise convertindo con gran rapidez nun estrano, un proscrito, un home ou muller que tiñan que ir sempre contracorrente, amargados pola incomprensión, o desafecto e o desprezo que a sua honradez e intelixencia suscitaba nos demáis. Na literatura da época vese a grande amargura, desesperanza, acedume e desconfianza que lles foi entrando a todos os que resultaban diferentes e despontaban no monolito masivo de hipocrisía e censura que o sistema inquisitorial criou. O español “normal” foi desde entón o que se conformaba con todo para salvar a vida e o capital se o tiña, o que desde que nacía até que morría se ocupaba unicamente de non desentoar e cuidar as apariencias, nas que se xogaba a fama, a fortuna e a vida, e para iso o mellor era facer sen refungar o que mandaban, aprender a deitarse ao sol que máis quencera e achegarse a quen mellor puidese untar o pan. É dicer, a picaresca pobre e a picaresca rica. Este sistema está pensado para quebrar o ánimo e anular a criatividade e é incompatíbel có desenvolvimento do talento, a coraxe e a personalidade.

 

Contudo, o que tal vez tivo repercusións máis fortes e duradoiras no governo e administración de España foi que, ademais dos absurdos monopolios económicos que se criaron nos tempos dos Reis Católicos, se criou tamén un monopolio intelectual. A instrucción e a educación pasaron a ser monopolio da igrexa. E compre recordar que xa antes dos Reis Católicos o clero español tiña fama de ser un dos mais incultos da Europa. Ese monopolio intelectual espallou  por todo o país  ignorancia e  pseudocoñecimento, e con iso estreitura de ideas e falta de entendimento e comprensión.  O saber, igual que o traballo, virou sospeitoso no sistema inquisitorial, propio dos que non tiñan  sangre limpia  e non eran cristianos viejos e, como o traballo e o saber traguían case automáticamente a acusación de andar xudaizando, a incultura e a medianía enseñoreáronse do país.

 

Na España que fixeron os Reis Católico o mando repartiuse de forma perfecta entre a Igrexa e eles, entre o poder temporal e o poder eterno. E esa combinación dos dous poderes e a maneira en que se conseguiu controlar todo pola forza marcou desde entón a mentalidade e o espíritu dos habitantes da península. 

 

Có corazón na man, nen ti, Emilia, que tan amiga eras de defender á Santa España e que tan católica te considerabas, serías capaz de defender, máis que coa boca pequena e desde o ponto de vista político pero non relixioso, o que se fixo en España en nome do catolicismo e en defensa da Fe. Sobrábate saber, como a todos os que se consideran católicos, que o que non se pode é ser cristiano e organizar expulsións masivas, torturas inigualadas e matanzas terríbeis, arramplar sen escrúpulos o capital alleo, cobizalo e querelo todo, caluniar e difamar e criar, en resumo, un inferno neste mundo.

 

Esa Igrexa que colleu o mando en España e que se chamou católica non respondeu en xeral a ese título e non foi mais que un instrumento da política que os reis querían facer. Habería, seguro, católicos verdadeiros nela, homes e mulleres de boa vontade que nunca chegaban á xerarquía porque ésta estaba reservada para os descridos con obxetivos mundanos. Seguro que houbo relixiosas e relixiosos que eran boas personas e que non facían mal nen se aproveitaban do poder eclesiástico para facer a vida imposíbel aos demáis, pero non foron éstes os que mandaron. Dase por feito que nuestros místicos son a mellor prova de que había moita relixiosidade no país. Mas eses  grandes místicos que houbo no Siglo de Oro son figuras que viñan de atrás, da España de antes, do que quedaba dela, e por iso nunca se repetiu o fenómeno, como non se repetiu o de El Cid nen o de Cervantes. Santa Teresa de Jesús e San Juan de la Cruz non foron  figuras da igrexa estabelecida; foron dous perseguidos pola Inquisición que se libraron dela con dificuldade; as reformas que eles querían non coincidían para nada cós planes do Tribunal de la Santa Fe, e o que facían era estorbar. Foi un milagre que a Santa Teresa, de familia xudea, non a queimaran na fogueira, e a San Juan de la Cruz encarceirárono e torturárono seus “irmáns” moitos anos por non ser ben mandado. Fray Luis de León botou moitos anos nos cárceres da Inquisición, castigado por  se ter atrevido a traducir os Salmos da Bíblia e penetrar desa maneira nun monopolio pechado. A Igrexa pasou a ser a única administradora do saber intelectual en xeral, e do saber relixioso en particular, e dentro dela mandaban os que acadaban  xerarquía  pola sua comprobada ortodoxia política, non relixiosa. Esa igrexa tan “católica” non obedecía tampouco ao Papa máis que cando o Papa estaba dacordo con ela, e era o Papa o que tiña que obedecerlle a ela as máis das veces.

 

Nos comezos dun réxime tiránico como o que se impuxo no reinado dos Reis Católicos ainda quedan algunhas personas afeitas á liberdade e capaces de amostrar valentía e de pensar pola sua conta. Cando termina esa xeración dos que, ainda que sofriran a tiranía, viran antes outra cousa e non foran educados nen formados no novo réxime, é cando aparecen en toda a sua amplitude o ermo e o cadaval que causan os réximes brutais e malvados. Ti non coñeciches o réximen de Franco; eu coñecino e non teño a mínima dúbida de que nos primeros anos dese réxime, a pesares das mortes, persecucións e fuxidas, quedaban ainda alguns que viran outra cousa distinta e que transmitiron, talvez sen eles se decataren, outras actitudes e valores. Había nos primeiros anos do réxime franquista mestres e profesores esquecidos e acurrados, comerciantes, técnicos, artesanos e artistas que conservaban o respeito polo estudo e as formas de vida honradas e civilizadas, a crencia naquel espíritu dinámico e innovador que caracterizou á malograda Segunda República, que facía pensar que era posíbel mudar los males de España. Aquelas personas dalgun xeito comunicaban a saudade daquel mundo perdido e o amor á liberdade e ás ideas. Cando aqueles poucos foron desaparecendo, ou pasados os anos perderon a ilusión e abatiunos o desengano, o resto ficou inerme e sen defensa mental frente aos poderes da dictadura; foron xa fillos dela e absorberon inconscientes os seus valores, non sempre como teoría política, pero sí nos enfoques e na forma de sentir, pensar e facer. Aquela vida parecíalles normal porque nunca outra cousa viran. No que quero insistir é en que as dictaduras violentas vician moito (as non violentas tamén, pero dunha maneira mais disimulada, e polo menos non deixan o medo metido no corpo e na alma como as outras), sobretudo a partires do momento en que os seus valores abafantes e corrompidos parecen xa normais aos que non coñeceron outros nen viviron nunca de outro xeito. Os réximes dogmáticos, perseguidores e censoriais, nos que ninguen pode facer nada que non sexa o mandado polas autoridades, estragan a mente e o sentir, e iso hai que telo moi en conta cando parece que termina políticamente un destes réximes, porque a formación que deixan non é fácil de sacudir. Pensar que abonda con mudar o réxime político é unha fantasía perniciosa; as mudanzas exteriores non curan os problemas internos, e estes non se poden curar mais que aplicando o remedio axeitado depois dun pronóstico acertado.

 

Compre engadir tamén que a imaxe que agora se ten da moral daqueles tempos non ten nada que ver coa realidade e baséase  en crer que a vida relixiosa era máis ou menos auténtica e que polo menos os relixiosos rezaban. Mas os conventos daqueles tempos eran comunidades mundanas de xentes que se agrupaban para viver mellor ou máis protexidas e onde no que menos se pensaba era en rezar e en levar unha vida moral e relixiosa. Iso era xustamente o que os “místicos” querían mudar e reformar.  O  tan “católico”  Felipe II, por exemplo, lonxe de ser un austero puritano como o pintan os libros de Historia, tiña fama de mullereiro e escandalizaba pola sua inmoralidade incluso ao seu pai, que é moito. A sua relixiosidade parece ter consistido en que disfrutaba moitísimo cós espectáculos da Inquisición e en que cando se aburría dunha amante a mandaba para un convento.

 

A época “gloriosa” da España imperial e dona de meio mundo foi acompañada dun fenómeno sen igual na historia dos pasados séculos. Non é sorprendente que non se entendera o que sucedeu, que foi insólito e non parece ter sucedido en nengun outro lugar do mundo nen en nengunha outra época da historia. O inexplicábel do asunto foi que España, ao contrario de todos os países que tiveron imperios, non se abriu có imperio ao mundo exterior, senon que se pechou contra del.

 

Ese fenómeno desusado foi un dos rasgos mais decisivos e singulares da historia da península e podería explicar moitas perplexidades, enigmas e escuridades. Explicaría, por exemplo, a notábel falta de sentimento afectivo por aquel imperio americano que nen se chorou cando se perdeu, de tanto como se desprezaba. Aquel imperio produciu unha incomodidade mental e espiritual que ainda segue hoxe, non porque España non fose “imperialista”, senon porque foi imperialista sen nengun apego. Hai unha gran falta de sentimento auténtico en toda a historia do imperio español, non nos descobridores nen nos que foron logo a estabelecerse no Novo Mundo, pero sí na Nai Patria respeito dos seus “fillos”, e isto é un tema interesantísimo que valería a pena analizar a fondo. Na relación entre os habitantes de España e os do Novo Mundo está unha das principais chaves da inexplicábel historia de España e polo tanto da Galiza, e os enfoques e sentires que daquela se criaron seguen ainda hoxe moi vivos.

 

Seguiremos, Emilia.