Carta IV

 

Benquerida Emilia:

 

A min paréceme que o que mais urxe analizar por todos, tanto polos que cren nunha España “unida” e unificada como polos que  quererían unha España mais diversa e variada, é a idea do que é España e, mais que nada, se cabería ter outras ideias sobre o que constitúe España, a sua personalidade e o seu lugar no mundo.

 

Desde o ponto de vista político é esencial saber o que se defende ou ataca en nome de España, pois, se non se fai así, a defensa ou o ataque viran automáticos e o automatismo nesas cuestións vai cuase sempre vinculado ao fanatismo e á intolerancia, porque se termina defendendo unha ou outra cousa por manías ou motivos demasiado persoais ou que dependen da familia e do meio en que un naceu.

 

Con respeito a España, compriría facer as perguntas seguintes, como mínimo:  ¿Hai que entender por España esa nazón que construiron os Reis Católicos?  ¿Foi o governo dos Reis Católicos bon ou mau, construidor ou destruidor, criador ou estragador? ¿Val a pena seguir a traxectoria que eles marcaron? ¿Quén se beneficia desa traxectoria e desa maneira de facer as cousas?  ¿Val a pena defendelos porque se apresentan como defensores ou criadores de España, e sobretudo como ultracatólicos?  ¿Pódense considerar católicos, é dicer, primeiramente e ante todo cristianos? E para os que se consideran católicos e cristianos esta é unha cuestión de muita importancia, porque dese xuizo dependerá o xuizo que mereza a relixión que profesan.

 

¿Serviu a Inquisición para defender o catolicismo, como se dicía nos libros de texto de Historia e nalguns que non eran de texto tamén?  ¿Ou para o que serviu principalmente foi para implantar durante centos de anos, mediante instrumentos que hoxe chamaríamos policíacos, un sistema de poder absoluto que poucas veces foi igualado e nunca superado?  O sistema de acusación e persecución que se armou coa Inquisición estaba tan ben entretecido que era imposível saír del. Cada grupo de veciños estaba vixilado por un home de confianza da Inquisición, que tiña como oficio espiar, acusar e caluniar; o sistema funcionaba de tal xeito que muitas veces se facía preciso caluniar ao veciño para que non acusaran a un e para salvar a propia vida e reputación. E era doado abondo acusar a alguén de hereje ou de non ter sangue limpo (limpieza de sangre), pois o certo é que hereje viña sendo calquer que estorbase aos reis ou á igrexa, ou calquer que tivese un inimigo que o caluniara. Pero o fundamental era ter capital que se puidese confiscar. Iso da confiscación do capital fíxose  en outras épocas e países, en períodos de persecución brutal, mas non parece que nunca e en ningures se fixese de maneira tan sistemática como se fixo na España de Inquisición, na que foi unha maneira de recaudar fondos sen dar explicacións.

 

Non había nen que provar que as acusacións eran certas; abondaba con que alguén acusara para que a primeira medida fose a confiscación dos bens do acusado. A consecuencia foi que da noite á mañá caíron na miseria total centos de familias ás que non lles quedou outro remédio que iren engrosar os montóns de pícaros, vagamundos e mendigos tan característicos desa época. Iso, se conseguían librarse das prisóns con torturas piores que as dos campos de concentración nazis. E venme á memoria, Emilia, falando disto, unha empregada doméstica que travallaba na casa dos meus pais cando eu era pequena, que viña da parte de Santiago e contaba moitos contos das ánimas do purgatorio e de madrastras malas que puñan sanguesuxas ás fillastras, e tamén contaba alguns de torturas da Inquisición. ¿Sería que en Compostela ainda había daquela unha memoria viva dos xeitos de actuar da Suprema?

 

E logo había tamén as redadas, dunha crueldade e exhibicionismo insuperáveis, as cuelgas del sambenito nas que se paseaba nun xumento ao sambenitado por toda a vila ou cidade antes de levalo á fogueira, coa conseguinte vergoña pública e ostracismo xeral para a víctima e a sua familia, e os xuizos, tormentos e queimas públicos. O sombrío teatralismo dos Autos da Fe tivo por forza que deixar marcas no espíritu dos habitantes da península; o terror marca sempre, e mais ainda cando dura tanto e cando, pasados os anos, non se ten conciencia sequer de que o houbo e de que se leva moi dentro.

 

Eu coido que o medo ocupa un lugar moi destacado na psique dos habitantes de España, e con certeza dos da Galiza, e poucas cousas haberá que paralicen tanto as faculdades e imposibiliten unha vida criativa. E o pior talvez do terror (e convén recalcar que o terror causado pola Inquisición tivo unha duración moito mais longa que a da maioría dos períodos de terror que houbo na historia mundial) é que, amais de deixar cicatrices e feridas que non son doadas de curar,  impón pautas de humillación e  submisión e termina matando a sensibilidade, pior ainda cando vira espectáculo e leva a bendizón relixiosa.

 

A duración dese imperio do terror que se desatou en España foi insólita. Se comparamos con calquer outro período de terror na historia, como pode ser o da Revolución francesa ou o dos nazis en Alemania, é evidente que esas outras épocas de terror duraron poucos anos, mentres que o terror da inquisición durou tres séculos e, logo por cima, se desculpou, defendou e glorificou nos séculos seguintes. Os nazis son posteriores á tua época, Emilia, pero pasaron á historia como o pior que sucedeu no século XX. Muito do que eles fixeron parece unha copia do que fixo a Inquisición, pero hai algunas diferencias importantes: ademais da duración, que foi corta no caso do réximen nazi e dilatadísima no da Inquisición, os campos de concentración nazis funcionaban en segredo, mentres que as matanzas da Inquisición eran públicas e festexadas. Talvez teña sido un dos poucos casos da historia en que non se torturou en segredo e en lugares ocultos, senon que se fixo con grande divertimento e festa muito animada.

 

Do que non pode haber dúvida nengunha é de que a Inquisición foi o instrumento mais poderoso da Coroa. Di o historiador Merriman:

 

A Coroa supervisaba as instruccións que daban os inquisidores. Insistía en que as confiscacións realizadas pola Inquisición fosen parar á tesorería real. Controlaba e regulaba os salarios...

 

Os privilexios e prerrogativas que tiña a Inquisición outorgáronlle “supereminencia” sobre as outras institucións do Estado desde o momento en que se fundou; e esa posición de poder mantívose en xeral e aumentou, a pesares dalgún revés que outro, nos dous séculos seguintes. Chegou a haber doce tribunais permanentes na coroa de Castela (incluido o de Canarias) e catro en Aragón. A Inquisición espallouse por Cerdeña, Sicilia e as posesións americanas.

 

A sua fundación foi un golpe durísimo para as aspiracións de liberdade que animaran sempre aos españois, e algúns pensadores e analistas perceberon moi axiña que a intolerancia traería de certo a ruina económica. Mais có decorrer do tempo disminuiron grandemente as sinais de impopularidade da Inquisición e os españois deixaron de ser as xentes mais tolerantes de Europa e convertíronse nas mais intolerantes.

 

Quedan tamén provas evidentes do entusiasmo que mais tarde sentirían pola Inquisición Carlos I e Felipe II nas moitísimas cartas que os dous escreberon  louvándoa como o mellor remedio contra os inimigos deles. Di o historiador Peter Pierson en Phillip II of Spain:

 

 Porfiaba Carlos para que Felipe mantivese a Inquisición e para que non consentise herexes no seu reino.

 

Canto mais se desenganaba Carlos dos fallos da política, pacífica ou guerreira, destinada a suprimir herexes no Imperio, mais se convencía de que únicamente unha feroz Inquisición podería impedir que España fose polos mesmos camiños que Alemania. Nunha instrucción tardía que lle mandou á princesa Juana, en 1557, Carlos insistía en que os herexes andaban a perturbar a comunidade e que moi axiña íanse levantar en armas para botar fóra á igrexa e á autoridade estabelecida. Chegou a pensar que os herexes terían que ser considerados rebeldes e tratados como tais. No reinado de Felipe II era xa normal a frase “rebelde y hereje”

 

 Felipe II desfrutaba moito cós espectáculos organizados pola Inquisición (e seguro que foron moitos os que se afeizoaron có decorrer do tempo, como sucede sempre nestes casos) e nas cartas que escrebía ás fillas cando estaban fóra contáballes con arrepiante pormenor aquelas macabras festas que eran os Autos da Fe.

 

O reparto de poder que se fixo entre a Coroa e a Igrexa resultou nun poder inmenso para unha e para a outra. A Igrexa xogou un papel decisivo no estabelecimento dos monopolios económicos, políticos e sociais que foron a base dese poder absoluto ao que quedou sometida España, e tamén no estabelecemento do monopolio do idioma castelán. Ese monopolio empezou, como é sabido, cando o arteiro bispo que acompañou a Nebrija nunha das suas visitas á raíña Isabel, fíxolle ver a ésta que unha língua podía doadamente convertirse no instrumento dun imperio. O ensino tamén virou mais cada vez monopolio da igrexa e así foise urdindo un fino tecido de apoio mutuo entre a igrexa e a coroa no que as duas saían gañando e quedando con tudo.

 

Hai fortes razóns para pensar que, a pesares do desprezo có que nos libros de Historia se fala da Idade Media en España, e da imaxe que se transmite de que España non era nada antes de que os Reis Católicos a unificasen, naquela época anterior España era un país mellor do que foi depois, menos coberto de sombras e menos entristecido. Todo parece sinalar que a España aberta, comerciante, agricultora, realista, acometedora e valente desapareceu, porque esas características non resisten o terror diario e un sistema no que o único que conta é a obediencia ás autoridades e a conformidade con tudo o que elas digan. E parece tamén que convivían mellor os distintos países, povos e culturas que formaban aquela España de antes que depois, cando todos foron un á forza. No fondo da psique española queda unha lonxana memoria colectiva, unha nostalxia daquela España tan distinta que nen se sabe que existíu porque quedou tapada polas versións da historia que se contaron. O que importaría mais que nada sería vencer ese medo atroz que levamos dentro desde hai seis séculos, porque o medo non deixa facer nada e sen valor non se pode confrontar a vida. Ese medo hai que analizalo e tentar entendelo, nas suas raíces e nas suas consecuencias, e axuda moito a esa análise saber que forma parte dun sistema e que foi incrustado por ese sistema. Os sistemas, unha vez que se coñece cómo funcionan, pódense manexar e, o que é mais importante, pódese sair deles.

 

 

Seguiremos, Emilia.