Carta III
Benquerida
Emilia:
Foron moitos
os que falaron dos “males de España” e moitos os que notaron que algo non
funcionaba ben e España non estaba rendindo como debía, pero a min paréceme que
foron poucos os que se decataron de que o mal funcionamento era sistémico e os
males non viñan de que os españois fosen daquel xeito ou daquel outro, senon do
sistema que se introduciu en España no século XV. Ese sistema é o que conviña
estudar e analizar para decidir se foi o
ideal para España ou se non sería mellor desbaratalo e implantar outra maneira mais
axeitada de facer as cousas que responda
mellor ao que España, ou as Españas, que
tamén así lles chamaban, tiña que ser.
Non sei,
Emilia, cómo se estudaba a Historia nos teus tempos, pero nos meus a Historia
de España culminaba nos Reis Católicos e nen antes nen depois parecía haber
nada que se puidese comparar con aquel reinado. Os Reis Católicos simbolizaban
a unidade de España, territorial, relixiosa e espiritual, e mencionábase a
expulsión dos xudeus, a Inquisición e a conquista de América mais ou menos no
mesmo párrafo, como se todo fose igual de glorioso. O estudo da Historia na educación secundaria, que é a que mais
marca, consistía en aprender nomes de reis e de batallas; o que contaba eran as
conquistas e reconquistas e quen gañaba a quen, e o que non se estudaba nen
analizaba eran as condicións económicas, sociais e intelectuais de cada época.
A simplificación era total e non se adquiría en nengún momento o mínimo sentido
histórico nen a mínima imaxinación histórica; tanto tiña unha época como outra
porque o único que se aprendía era a recitar nomes e datas como papagaios. E
non hai que descartar que este sexa tal vez un dos factores que inflúe na falta
de cuidado pola historia e de entendimento dela que caracteriza aos habitantes
de España (os galegos non somos nengunha excepción niso) e nesa maneira de actuar na que no se ten en conta que o pasado
inflúe no presente e que sen entender un e outro non se pode preparar o futuro.
Ti fuches
unha das poucas excepcións do noso país niso. É evidente que a historia te
fascinaba e por iso entre outras cousas tiñas un entendimento tan agudo e
robusto das cuestións do teu tempo. A “palpitación”que ti notabas nesas
cuestións viña do teu notábel sentido histórico, que te levaba a perceber a
dinámica dos cambios que hai en todas as épocas. Ti estabas instalada nun mundo
que entendías, e iso é excepcional no noso país. Ese excepcional entendimento
víñache, con certeza, da tua intelixencia clara e aberta, pero coa intelixencia
sen mais non o terías acadado. Se non fose pola tua curiosidade histórica, as
ganas de entender que tiñas e a inmensa cultura que adquiriches ( e que moi ben
podías non ter adquirido, mesmo porque naceras nunha elevada clase social e iso
podíache ter levado a perder o tempo nas tonteiras propias da tua época, que
toda época ten as suas maneiras de tontear e de perder o tempo), non terías
alcanzado a amplitude de entendimento e coñecimento que te caracterizaba.
No noso
país trátase a situación económica de cada reinado e cada época da historia como se non tivese importancia,
cando todos sabemos o importante que é a economía na nosa situación persoal e o
moito que nos marcou desde que nacimos; de feito, cando cada un de nós contamos
a nosa historia sempre comezamos polas circunstancias económicas nas que nos
tocou nacer e viver nos primeiros anos da nosa existencia ou imos parar moi
axiña a ese tema.
En
contradición có que se transmite habitualmente nos libros de Historia, de que
España saiu dun sistema feudal anterior cós Reis Católicos, mais ben parece que
España non chegara a ter un auténtico sistema feudal na Idade Media, tal vez en parte porque a Reconquista criara
unha sociedade mais móbil e guerreira, e quizais mais dinámica, que as de
outros países europeus. Isto é o
que di o historiador A. Mackay en
A existencia dunha fronteira militar permanente levou
na práctica a que a sociedade da España
medieval estivese organizada para a
guerra, e tal vez por esa razón o feudalismo non se desenvolveu nunca
plenamente na península. O feudalismo oferecía un conxunto de convencións que
producían certo grao de estabilidade e paz; era sobre tudo defensivo e, desde o
ponto de vista militar, limitábase a grupos profesionais de nobres e
guerreiros. Mas en España os problemas da guerra fronteiriza afectaban á
maioría dos sectores da povoación e déronlle á sociedade unha combinación pouco
frecuente de características nobres e “democráticas”.
Unha das
afirmacións contundentes que se facía nos libros de Historia cando se falaba
dos Reis Católicos era que demostraran un sentir democrático porque loitaran
contra o poder dos nobres. A verdade é que só loitaron contra os nobres para
impor o seu mando político, e que os nobres receberon en troca dese mando
político mais poder social do que xa tiñan e mais títulos tamén, có poder
económico que estes levaban consigo. Isto é o que di o historiador J.H. Elliott
en Imperial Spain, 1479-1716:
Na ordenación económica e administrativa de España,
Fernando e Isabel contentáronse con aceitar as bases que xa había e construir
sobre elas. O seu reinado non aportou nengun cambio significativo na
organización social de Castela e, polo contrario, perpetuou firmemente a orden
que xa existía. Os seus ataques contra a influencia política dos grandes
señores e potentados non incluiron unha asaltada mais xeral contra do poder
económico e territorial que tiñan.
O reinado dos Reis Católicos estivo mais ben
marcado por un aumento do poder social e económico deses grandes nobres.
Isto deu por resultado, na práctica, que un dous
ou tres por cento da povoación de España apañase o 97% da terra de Castela, e que mais da metade dese
97% quedase en mans de meia dúcia de
grandes familias.
Foi peza
fundamental daquel reinado a política de monopolios. A Sevilla concedéronlle o
monopolio do comercio con América, a pesares de que esa decisión causou
desbaratamento económico e gran desacougo. Parece que a desasisada decisión de
Isabel a Católica de facer de Sevilla o porto marítimo do Novo Mundo se debeu a
que a raíña desconfiaba de que os portos cantábricos, que tiñan unha estructura
mais axeitada para esa empresa, fixeran o que ela quería e vía mais doado de
manexar á sua maneira o porto de Sevilla.
Mais adiante darían o monopolio dos negocios da lá a Burgos, outra
decisión funesta para a economía de España, pero fíxose para tirarlle
importancia a lugares como Bilbao, Santander e A Coruña, que terían funcionado
moito mellor pero non se prestaban tan ben como Burgos aos manexos da raíña.
O monopolio
principal foi o que colleu o reino de Castela frente os demais países que
formaban España. Castela non quedou favorecida e sofreu tanto como os outros,
pero nela construiuse un centro de poder desde o que se foron arrebatando
direitos e recursos aos demais.Tudo parece indicar que o reino de Arágón, ao que
en principio debíalle ter ido ben có matrimonio entre Isabel e Fernando, foi
perdendo de feito mando e importancia, porque se lle arrebataron a modiño e
pouquiño a pouco os direitos que debía ter, e foi quedando sen oportunidades e
sometido a un abandono e unha discriminación moito mais eficaces que se esa
política tivese sido mais aparente e se esa discriminación tivese sido mais
visíbel e escrita en forma de leis. O de que se lle permitise en teoría ao
reino de Aragón conservar os foros e costumes valeu de desculpa para mergullar
na práctica no atraso e na impotencia aos cataláns, valenciáns e aragoneses, que
desde entón atoparon os mercados pechados, inclusive os da propia Castela, onde
empezaron a ser mal recebidos. Mais adiante non se lles permitiría tomar parte
na colonización da recén descoberta América e no comercio có novo mundo. E isto
tivo pésimas consecuencias, para o reino de Aragón e para toda España. Có conto
de que aos cataláns “se les respetaron sus instituciones”, como estudábamos nos
libros de texto de Historia de España, non se lles permitiu adiantar nen
desenvolverse ao pecharlles os mercados todos, do vello e do novo mundo, e non
só iso, senon que aquelas “respeitadas” institucións foron minadas con
implacabilidade desde dentro. Isto é que dí o historiador Merriman:
En Cataluña e Mallorca o reinado de Fernando e
Isabel trouxo unha forte decadencia económica. Foron varias as causas que
contribuíron a isto: xa as estragadoras
guerras civís e os levantamentos internos que houbera no reinado de Juan II
escordaran as actividades comerciais de Barcelona e Palma. Mais logo por riba,
a constitución do poder na primeira desas cidades foi remodelada a fundo por Fernando
coa intención de beneficiar á monarquía, có resultado de que as vellas
institucións democráticas esmoreceron e o comercio padeceu tamén; a vella
práctica de escoller os membros do Consell de Cent trocouse por un sistema de
insaculación, e pouco a pouco foise deixando de fora aos representantes das clases
mercantís e artesanais. E logo tamén parece estar moi claro que os efeitos
económicos da Inquisición e da expulsión dos xudeus notáronse moito mais axiña
e con mais forza nos reinos orientais da península que en Castela.
O papel que
se asignou aos cataláns foi o de proveer xente para as guerras dos reis de
Castela e suministrar o diñeiro do que tiña necesidade insaciável a coroa
castelá, mal administrada e en continua bancarrota. Os cataláns viraron pouco a
pouco obxeto dun odio e resentimento por parte dos demais povos da península
que foi instigado pola coroa de Castela. Nos memoriais do Conde Duque de
Olivares vese claramente a reacción que causaban en Castela as protestas e
negativas dos cataláns a subvencionar as atrabiliarias aventuras do rei, e a
malquerencia que acordaban esas protestas.
A coroa de
Aragón foi esmorecendo e perdendo importancia e dinamismo coa política
monopolista e centralista dos Reis Católicos, mas a sua sorte ainda foi aturável
comparada cós estragos e o abandono que sofreron algunhas partes do reino de
Castela e León que, ao dependeren moito da agricultura, padeceron con mais
forza os resultados da política dos Reis Católicos nese sentido. A protección
que os reis outorgaron aos propietarios de gado contra dos lavradores fixo que
quedase estragada e virase ermo unha cantidade inmensa de terras que antes eran
férteis. As disputas entre os agricultores e os propietarios de gado viñan xa
de tempos anteriores, pero os monarcas remataron o problema e concluiron a
disputa da pior maneira posíbel para a economía xeral de España. Os reis
déronlle moitos mais poderes á Mesta e permitíronlle arrapiñar para as cabradas
e o gado cantas terras quixer. ¿A qué se debeu esa despropositada política?
A causa principal foi que os amos do gado podían pagar contribucións mais
elevadas que os lavradores, non só porque o negocio da lá era mais rentável que
o cultivo da terra, senon tamén porque a maioría dos propietarios do gado eran
grandes señores e poderosas ordes relixiosas. E tamén porque era mais doado suxeitar
a monopolio os negocios da lá que a lavraxe das terras. Isto é o que di o
historiador J.H. Elliott en Imperial Spain, 1469-1716:
O
comercio da lá era doado de suxeitar a un control de tipo monopolista e por esa
razón representaba unha magnífica fonte de riqueza para unha Coroa que desde
1464 atopárase mais cada vez en dificuldades económicas, pior ainda pola fuxida
do capital xudeu. Unha alianza entre a Coroa e os amos do gado beneficiaba
tanto a unha como aos outros. A Mesta, que contaba con dous e meio ou tres
millóns de cabezas de gado, podía aproveitarse do favor real; e a Coroa, que ao
facerse có control das Ordes Militares pillara alguns dos mellores pastizais de
España, podía contar desa maneira cunha entrada segura de capital e usala cando
tiña falta dela para contribucións especiais.
Aquela
Mesta á que se lle concederon poderes cuase absolutos para facer o que quixer
devastou unha grande parte do campo de Andalucía, Extremadura e a propia
Castela. A Galiza non lle tocou padecer eses abusos na mesma medida, pero
tocoulle padecer igual ou mais ainda que os demais países peninsulares os
efeitos dunha política que desvalorou a agricultura e espoliou ao lavrador. A
situación do lavrador galego virou moi axiña insuportábel e non parece
exaxerado afirmar que xa non levantou a cabeza desde aquela. Na Galiza o
lavrador atopouse nunha situación en que, amais de ter que travallar cunha
terra esgotada e empobrecida, e que nen del era xa as mais das veces, tiña por
riba que pagar feroces contribucións aos señores, á Coroa e aos bispados
estabelecidos nela. A consecuencia desta política foi que os que se dedicaban a
travallar no campo comezaron a viver na miseria e nunha escravitude que, se non
foi de direito, foi de feito. Esa miseria levou a que o lavrador galego tivese
que viver sempre endebidado, e a que esas débedas outorgaran poder absoluto, de
vida e morte, ao cacique, que era o que emprestaba o diñeiro e o intermediario
entre os que mandaban e os que travallaban. Esa foi a situación básica do campo
galego desde o século XV ao XX, e non digo o XXI porque ainda está empezando e,
de momento, ese campo está abandonado e nel xa cuase non queda ninguén.
¿Qué sucedeu nos outros países de España?
Parece que a historia dos que travallaban no campo foi diferente en cada un
deles, por distintas razóns. En Andalucía, por exemplo, o latifundio, que xa
empezara a formarse na Reconquista, aumentou moito no tempo dos Reis Católicos
e, como consecuencia, a miseria e precariedade dos que travallaban as terras.
En Castela a situación do campo virou catastrófica cando os Reis Católicos,
para esconder a abafante situación económica que había, decidiron fixar o prezo
dos cereais nun momento de gran inflación ( ¿non é curioso, Emilia, o moderno que
soa todo isto? Non parece senon que estemos falando das economías dos nosos
tempos, do teu e do meu). A consecuencia da fixación do prezo desa materia
prima que eran os cereais foi que moitos dos que travallaban no campo non
puideron resistir que non se pagase polos seus productos o que valían senon un
prezo fixado para favorecer aos compradores, e tiveron que abandonar as terras
e ir “travallar” de vagamundos e mendigos baixo a protección das ordes
mendicantes e dos grandes señores,
obrigados a facer de man de obra temporal e barata para sobreviver
malamente (¿non soa isto tamén moi moderno e recoñecíbel? Mentira parece que
pasaran tantos anos desde aquela…).
A España de
antes de Reis Católicos era, según din os historiadores, un dos países mais
abertos do mundo. Aquela España de antes era un lugar de comercio florecente,
de institucións sabias e democráticas, respeitado e admirado polos vecinos. Os
cataláns e valenciáns comerciaran cos países do Mediterráneo, cultivaran as
artes e os oficios e desenvolveran unha cultura liberal e aberta ao exterior. O
Sul convertírase en centro das ciencias e refuxio de artistas, poetas e
filósofos de todas as razas, até o ponto de que unha grande parte da cultura
grecolatina fora transmitida a Europa a través do foco árabe-español. E no
Cantábrico e Atlantico alguns dos portos de mar mais importantes, como A
Coruña, Santander, Laredo e San Sebastián, avinculáranse xa no século XIII na Hermandad de las Marismas, unha especie
de Liga Hanseática do Cantábrico que os Reis Católicos se apresuraron a
desfacer. Di o historiador Merriman a
ese respeito:
Aos Reis Católicos parecíanlles algunhas
institucións locais tan perigosas que, en lugar de tentar modificalas,
decidiron suprimilas. Así fixeron coa Hermandad de las Marismas, á que, por
Pragmática de 1490, proibíronlle facer mais xuntanzas, de non ser que estivesen
vixiladas polo correxidor de Vizcaia, o que naturalmente foi un golpe de morte
para a sua existencia independente.
Levar unha
existencia independente, como entidade ou como persoa, virou imposível, como
virou imposível tamén aspirar a unha “vida decente”, porque xa non se puido
conseguir nada mediante o mérito e o travallo. Naceu a arte da picaresca e do mal vivir, o de “apañarse como un poida” porque non hai
outro remedio. Orgullo, soberba, arrimarse al sol que más caliente, submisión
ao poderoso e a quien unte el pan...
Xurdiu todo un sistema de supervivencia física e psicolóxica que ainda subsiste
hoxe. España empezou a ser un país empobrecido, entorpecido e mal administrado,
que vivía por cima dos seus meios, acumulando débedas e, no fundo, moi
desorientado polos novos rumos que impuxeron os Reis Católicos.
Seguiremos,
Emilia.