Carta II

 

Benquerida Emilia:

 

¿Poderase analizar e entender Galiza sen analizar e entender España?  Paréceme imposíbel, mas vexo pouca inclinación a facelo. Vexo sobretudo pouca ou nengunha inclinación a analizar e querer entender en qué medida Galiza pode estar influenciada pola mentalidade, a cultura e os costumes españois, a pesares de que o raro sería que non o estivese tendo en conta que forma parte histórica da España desde hai mais de seiscentos anos.

 

Estou segura, Emilia, de que ti, que tanto amabas o coñecemento histórico, estarías dacordo conmigo en que para organizar a sociedade dunha maneira intelixente e que teña sentido é preciso que estemos sempre dispostos a analizar e entender o pasado, por moito que doan as leccións que haxa que aprender. Sen iso é imposíbel entender o presente e mais imposíbel ainda preparar o futuro. 

 

Ás veces hai acontecementos e épocas que mudan o rumo da historia dun país e cortan a sua evolución natural, e cando iso sucede convén estudar ese período para saber se coa mudanza talvez se perderan cousas esenciais ou importantes e se as gañancias aparentes valeron a pena ou non. Unha desas épocas decisivas na historia da España e da Galiza foi a do reinado dos Reis Católicos, no que coido que houbo unha quebra radical có pasado e no que penso que a España verdadeira quedou esmagada ou abandonada e se empezou a criar unha España allea á sua propia personalidade e que foi por onde non debía ir . E disto é do que imos falar.

 

Concordan os historiadores todos, españois e extranxeiros, que se ocuparon dos Reis Católicos en que o seu reinado virou decisivamente o rumo da historia de España e en que esa historia non ía por onde eles a levaron. O único que se discute é se o camiño que daquela se tomou foi mellor ou pior que o que se abandonou, e ese é un xuicio que vai depender sempre da ideoloxía do historiador. Nada sucedeu mais adiante radical abondo para facer tomar un rumo diferente ou contrario e a direición quedou marcada, en liñas xerais, para os séculos seguintes, o que significa que todo o que sucedeu desde entón procede moi directamente ainda daquel tempo. España, desde os Reis Católicos, empezou a ter unha experiencia dalgún xeito allea e isolada do resto do mundo e a perder a capacidade de entender aos demais e de negociar as relacións, como se non soubese ou non quixese sair de sí mesma e entrar no mundo da realidade e da maturidade.

 

A historia de España foi mal contada en xeral na propia España e  interpretada dun xeito moi tendencioso.  Na maneira en que se transmitiu aos habitantes de España a sua historia pesou demasiado a propaganda e o anceio de santificar e glorificar certos períodos do pasado. Isto levou na práctica ao descoñecemento por parte dos habitantes da península dese pasado e a unha actitude defensiva que non tería por qué existir, se non fose por ese empeño en defender o indefensíbel que  implantou medo no inconsciente colectivo e paralizou o potencial que había que desenvolver, igual que cando alguén non quer analizar o seu pasado por medo ao que vai atopar fica paralizado. 

 

A ansia de que España quedara ben e de defendela contra a famosa lenda negra (e por riba de todo e con mais forza que nada, a promoción política do catolicismo diante do protestantismo), implantou un sistema de censura explícita e implícita que levou a un auténtico descoñecimento do pasado e a que non se puidesen asimilar as experiencias históricas. A censura que se aplicou a historia e o trunfalismo con que se contaron algúns episodios do pasado trouxo inconsciencia e inexperiencia, o que explica ese fenómeno tan enigmático de que, tendo España unha historia de país vello, se empeñe en pensar e actuar como se fose un país novo, recén nacido e sen experiencia. E tamén, que o descoñecemento do pasado leva a non saber o que facer para remediar os males, ainda que se quera facelo, por non saber ónde está a chaga na que poñer o dedo. ¿Val a pena viver nesa inconsciencia e nese descoñecemento de nós mesmos? E digo nós mesmos porque, ainda para os que aspiren a independizarse de España, sería esencial saber quen é esa España da que se quererían separar. Os que teñen esa aspiración ou debezo é porque pensan que eles son diferentes e queren desenvolver esa diferencia, ou porque non queren formar parte dun país que non lles agrada e có que non se sinten afins. Mas o problema está en que, ao teren formado parte desa España unificada desde hai tantos séculos, queran ou non teñen a mesma historia ou moi semellante e inclusive a mesma mentalidade, ainda que non se decaten diso.

 

Nos teus tempos, Emilia, os que viaxaban polo extranxeiro, como ti, o que mais facían era comparar os adiantos que vían nos outros países europeus có atraso no que estaba España, pero non sei se chegarías a descobrir que cada país ten a sua mentalidade e que iso que chamamos a mentalidade é cuase imposíbel de detectar en nós mesmos, a non ser que haxa contraste con outras mentalidades. Isto sucede tamén a nivel individual; todos cremos que a mentalidade que recollemos na familia e no entorno no que nacemos e vivimos os primeiros anos da nosa vida é igual que a dos demais e non nos decatamos de que pode haber diferencias e de que cada un ten a sua até que no trato cós outros e nas relacións mais amplas de todo xénero que adquirimos có decurso do tempo imos vendo as peculiaridades da nosa; se logo saímos desa mentalidade que absorbimos sen nos decatarmos ou non, xa é cuestión mais que nada de que nos apeguemos ao “noso”, ao coñecido, ou aceitemos que non todo o que nos parecía indiscutíbel era como o víamos daquela. A mentalidade que adquirimos no país no que nacemos e vivimos parécenos tan natural como o ár que respiramos e non somos conscientes dela até que nos atopamos frente a outras mentalidades distintas. Incluso dentro da España unificada é indubidábel que hai unha mentalidade castelá, outra galega e outra catalá, no sentido de que un galego que vaia viver a Cataluña e se instale alá descobrirá moi axiña que hai enfoques que a un catalán parécenlle naturais e a el non, que hai unha maneira de estar no mundo que é diferente. Ainda así, as diferencias non serán tantas como cando se trata dun español instalado en Inglaterra, Franza ou os Estados Unidos, ou dun cubano, un neozelandés ou un iraquí instalado na España ou na Franza. A diferencia está en que un catalán, un galego, un castelán e un andaluz teñen seis séculos de historia e de cultura en común que influiron neles e formaron a sua mentalidade, e esa mentalidade é común, non entre eles, pero sí fronte aos demais.

 

Eu coido que no reinado dos Reis Católicos empezou a mudar a mentalidade dos habitantes da España e que esa mudanza virou radical có paso do tempo e rematou nunha mentalidade contraria á que antes había.

 

Ao analizar o reinado dos Reis Católicos é importante recordar  que  o conceito que se tiña de España, dentro e fóra dela, era radicalmente distinto do que había na tua época, Emilia, e do que se pode ter agora, depois da criación dos estados nacionais europeus. España era o conxunto de países ou reinos en que quedara dividido o territorio peninsular logo da caída do reino visigodo: estaban os reinos de Castela e León; a Coroa de Aragón, formada polo propio Aragón, o reino de Valencia e o Condado de Cataluña; Navarra, e o reino de Portugal. A reconquista puxara aos árabes  ao Sul até que, xa en tempos dos Reis Católicos, perderon o último que lles quedaba.  España era un conxunto de países diferentes e independentes que compartían un territorio e tiñan algo en común. A idea que había nos teus tempos e hai hoxe de España como estado ou nación unitarios era impensábel.

 

Naqueles tempos moitas das unións dos países facíanse con casamentos entre os que integraban as familias reinantes. Na historia de España e de Galiza iso foi factor decisivo. Esa historia tería sido moi diferente se houbese herdado o trono de Castela e León Juana “la Beltraneja”, a quen lle correspondía, e non a sua tía Isabel, denominada depois “la Católica”. É un feito indiscutíbel que Isabel chegou ao trono valéndose de grandes intrigas, aduanadas e falcatruadas, amais  dun casamento, con Fernando denominado depois “el Católico”, amañado de presa e en segredo; o único que se pode discutir é se o resultado valeu a pena ou non. Foron moitos os episodios turvos que caracterizaron o reinado de Isabel a Católica: o de Juana “la Beltraneja”, que perdeu o trono porque acusaron ao rei, seu pai, de impotencia, ainda que todos crían que era filla del  e non de Beltrán de la Cueva; o de Juana “la loca”, a propia filla de Fernando e Isabel, acusada de tolemia sen  motivo para que nen ela nen o marido, a quen Fernando temía e odiaba, e que tamén morreu en circunstancias suspeitosas, herdasen o trono;  o de Juan, o fillo de Fernando e Isabel, morto en circunstancias duvidosas e favorecedoras dos plans dos pais...

 

Non sei qué pensarías ti daquel reinado, Emilia; igual eras dos que xulgaban que valeu a pena a “defensa do catolicismo e da unidade”. A min paréceme que o fin non xustifica nunca os meios, e menos cando o que se invoca é unha relixión como a cristiana que mesmo parece ser por esencia todo o contrario desas brutalidades e eses aniquilamentos do inimigo que se fixeron no seu nome. Certo que unha cousa son as relixións e outra os que buscan o poder valéndose delas… E xa digo, igual ti non concordarías, cando te tocou viver neste mundo, con estas miñas ideas. Ou igual non concordabas daquela e estarías conforme hoxe, visto todo o que pasou desde entón. O caso é que se perguntamos, como nas novelas de detectives, “¿a quén favoreceu o que sucedeu?”, non pode haber a mínima dúvida de que o reinado dos Reis Católicos favoreceu inmensamente á igrexa católica española, favorecera ou non ao cristianismo e ao catolicismo. Favoreceu tamén, como sempre nestes casos, a algunhas familias e a algúns aspirantes a mando e territorios. O que habería que someter a discusión aberta e intelixente é se ese reinado favoreceu de verdade ao que hoxe chamamos España, e se favoreceu concretamente á Galiza. O que non debía ser é un deses episodios históricos que non se poden tocar mais que para loubalos, porque iso xa leva a desconfiar de que hai algo que ocultar.

 

O asunto de Juana “la Beltraneja” e Isabel la Católica ten moito que ver coa historia da Galiza. Se a raíña tivese sido Juana e non Isabel, é moi probábel que, por casamento que xa estaba meio previsto entre Juana e o rei de Portugal, o reino de Castela e León, no que estaba Galiza, se unise có de Portugal en lugar de unirse có de Aragón. Coa unión de Fernando e Isabel, ou de Castela e Aragón, empezou a mudar o conceito de España, non porque se pensara nela como nazón unificada, que pensar iso naquela época sería imposíbel, senon porque por  primeira vez se colocaron as bases para estabelecer a supremacía dun dos países ou reinos que formaban aquilo que se entendía por España. E tan alleia resultaba esa ideia de hexemonía e de sacrificio ou acalamento de uns en favor de outros que terían que pasar séculos antes de que mudara o entendimento do que constituía España. No reinado de Felipe IV, por exemplo, xa a final da dinastía dos Austrias, estaba ben claro ainda que o conceito que se tiña de España era dun territorio no que existían varios reinos e países diferentes. Así aparece nun memorial do Conde Duque de Olivares a Felipe IV:

 

Tenga V. Majestad por el negocio más importante de su Monarquía el hacerse rey de España; quiero decir, señor, que no se contente V. Majestad con ser rey de Portugal, de Aragón, de Valencia, conde de Barcelona, sino que trabaje y piense con consejo maduro y secreto por reducir estos reinos de que se compone España al estilo y leyes de Castilla[...], que si V. Majestad lo alcanza será el príncipe más poderoso del mundo.

 

E noutra ocasión, enfrentándose ao Consejo de Estado, afirma Olivares que é unha grande inxustiza facer excepción dos cataláns por causa da sua nacionalidade e non confiar na sua lealdade tanto como na dos casteláns. Dille Olivares ao rei que pode ter a mesma confianza neses vasallos como nos nacidos en Madrid e que a inxusta diferencia con que se tratou ás nacións de España foi moi perxudicial para a conservación da monarquía e permitilo será a ruina total désta. Ao dicer “españois” haberá de entenderse que non hai diferencia entre unha nación e outra das incluidas nos límites de España.   

 

Nun proceso que empezou cós Reis Católicos e non rematou até algúns séculos depois, o conceito de España como conxunto de reinos independentes foi desaparecendo; aquela España de antes foi esmorecendo e convertíndose, en realidade, na España sometida a Castela. A pesares do  “tanto monta, monta tanto, Isabel como Fernando”,  as duas Coroas non montaron tanto a unha como a outra,  e  a de Castela acadou cada vez mais supremacía; o porqué de que así fose non está moi claro, mas tal vez pesase moito o feito de que, en definitiva, Fernando viña de familia castelá ainda que fose Rei de Aragón.

 

Sería tentador afirmar que na loita pola supremacía gaña cuase sempre o povo mais intolerante e mais doado de fanatizar, sobretudo cando para obter supremacías territoriais e políticas se invocan crencias relixiosas. Mas non está doado de saber se Castela fora xa sempre algo mais intolerante e menos refinada que o resto dos países peninsulares, ou se a fixo desa maneira a sua raíña, como foi facendo aos demais. Os historiadores españois e os mais hispanizantes dos extranxeiros fan sempre por pintar un retrato sombrío dos reinados anteriores, recalcando por exemplo que xa antes dos Reis Católicos houbera algunhas persecucións de xudeus. Está difícil entrever a verdade a tanta distancia e con tanta ideoloxía polo meio como ainda hai a ese respeito, mas no que coinciden a maioría dos historiadores é en que a intolerancia distaba moito de ser unha característica da península e en que, ao contrario, España se caracterizaba por ser moito mais tolerante que o resto de Europa. Isto é que di o historiador Merriman en The Rise and Fall of the Spanish Empire:

 

[…] coa excepción da derradeira parte da epóca visigoda e da ondada de fanatismo que, aguillado polo clero, se espallou polo territorio ibérico na segunda metade do século XIV, a tradizón española  favorecía a aplicación dunha ampla medida de liberalismo diante doutros credos e xentes. Sen dúvida a intolerancia non era un dos rasgos característicos daquela raza […]

 

É posíbel que o espolio e a envexa que prevaleceron na época dos Reis Católicos xa empezara en Castela no reinado anterior, o de Juan II. Iso din os cronistas de Isabel, mas son opinións pouco fiabéis porque os mais deses cronistas tiveron que se transformaren á forza en propagandistas oficiais dela.

 

Mas, ainda admitindo que no reinado anterior houbera xa un comezo de fanatismo e corrupción, fomentado polo clero e que lle valeu de moito a Isabel nos seus manexos para chegar a raíña, do que non pode haber dúvida é de que a Isabel non lle foi doado implantar o fanatismo  e a intolerancia, e que non o tería conseguido sen o apoio da Inquisición. Isto é o que di o historiador Merriman:

 

Parece que a raíña se empeñara xa en expulsar aos xudeus andaluces en 1480, cando se fundara a Inquisición, e que  non o conseguira; terían que pasar doce anos mais de teimudo labor de fomentar intolerancia racial e  inserir sentimento antisemita para poder dar, por fin, o paso final (expulsión).

 

Aquela España que se distinguía  por ser o país mais tolerante de Europa e o que mellor admitía a convivencia de razas e relixións distintas transformouse, en moi poucos anos, no mais intolerante de todos, nun país sombrío e despótico do que había que fuxir. Un país ao que antes acudían estudosos, artistas, científicos e sabios de todo o mundo, atraídos polo seu liberalismo e apertura de ideas, transformouse decontado, cuase que da noite á mañá, no lugar mais temíbel de Europa e no sitio ao que ninguén quería ir. E isto, Emilia,  é o que teño a impresión de que non se estuda nen se investiga a fondo. Apreséntase o asunto de tal maneira que os que cren que a unidade de España mereceu a pena non poden admitir que as maldades que se fixeron sexan indefensíbeis, e os que non cren nesa unidade monolítica e quererían ver unha España mais dividida tampouco queren analizar esas maldades nen esa mudanza radical dos españois que parece ter acontecido naqueles tempos, porque prefiren pensar que con eles non vai o conto. Mas a España de hoxe procede directamente do que sucedeu naquel reinado, mesmamente porque nada se fixo, ou nada se puido facer, por mudar o rumo que daquela se tomou. 

 

Eu non teño dúvida  de que se pode mudar o carácter individual e colectivo cunha política de medo e violencia física e moral. Non sei ti, Emilia, porque non teño unha visión clara da época na que viviches, pero contudo paréceme que, sen ser brillante, había optimismo intelectual e espiritual e certa amplitude de ideas. A min tocoume ver moitas dictaduras, de perto e de lonxe, e teño que dicer que observo sempre as mesmas características en todas elas. O principal instrumento de dominio é sempre o medo, que pode ser físico, económico, moral ou tudo iso, e logo ven a desensibilización e a falta de información ou a interpretación tendenciosa que peneira e transforma toda información. Axudan ao proceso a humillación, o maltrato e o botar a culpa dos males todos a alguén. Mas tamén é fundamental facer crer aos habitantes do país no que se implanta a dictadura que teñen un destino superior ao dos demais países e que son os escollidos para unha misión especial que exixe sacrificio. E cando se usa a relixión para esa empresa, como se usou no caso do que estamos falando, é doado infundir a ideia de superioridade e invocar a vontade divina para xustificar todo o que se fai.  A dictadura e o autoritarismo de calquer xénero ( e iso foi o que se implantou na nova España criada polos Reis Católicos) imposibilitan a realización do potencial e producen unha fonda frustración e un desánimo dos que é moi difícil saír, porque as situacións mais antinaturais empezan a parecer naturais e aceptábeis e se perde a capacidade de entender as cousas como son e sobretudo como debían ser.

 

Tudo parece indicar que na época dos Reis Católicos se impuxo unha desviación radical e unha ruptura fundamental có pasado histórico e psicolóxico. Tudo aponta a que o que aconteceu naquel reinado mudou unha personalidade e un carácter de España que foron esmagados pero quedaron gravados no fundo da memoria dos habitantes da península. Talvez nese camiño forzado que se emprendeu, que non respondeu a unha evolución natural, perdéronse cualidades que conviña recuperar e adquiríronse defectos que habería que eliminar. Seguiremos falando deste tema, Emilia.