Carta XIV

 

 

Benquerida Emilia:

 

Nestes momentos, ainda que para ti sería case inconcebíbel, aspírase a criar unha Galiza bilíngüe, en castelán e galego. Hai tamén quen preferiría unha Galiza monolíngüe en castelán e quen querería unha Galiza monolíngüe en galego. A min o que mais importante me parece nisto da língua ou línguas da Galiza é que se enfoque a cuestión sen partir de bases falsas e de crencias erradas. Coido que os habitantes do territorio español teñen en xeral unha actitude moi pasiva con respeito ás línguas propias e alleas. Pénsase que abonda con ir a unha clase ou aprender vocabulario e o que chaman "traducir", que non é mais que a primeirísima fase da tradución verdadeira: a de descifrar a língua allea. Paréceme un fenómeno moi español porque isto no sucede habitualmente en nengun outro país, nen sequera nos países latinoamericanos de língua española. ¿Será fruto dun sistema de ensino que fomenta a pasividade? ¿Ou será que no fondo pesa moito a idea de que as demais línguas non poden ser tan diferentes que non se podan adaptar ao español? Non se fai o esforzo que cada quen ten facer para aprender unha língua nen se acepta o cambio de mentalidade e enfoque que esa aprendizaxe exixe, e o resultado é que a maneira en que se "aprenden" as línguas sirve para consumo interno pero non resiste o contacto coa realidade do exterior.

 

Isto dos enfoques é moi importante para prantexar a cuestión, porque eu, Emilia, coido que os habitantes do territorio español non entenden, talvez porque ninguén llo dixo nunca, que outros países teñen outros enfoques. Por exemplo, a moitos dos rapaces e rapazas que veñen estudar a Inglaterra, un curso universitario, digamos,  parécelles que o que se fai nas universidades inglesas non é nada comparado có que se exixe nas españolas, porque as carreiras duran menos anos e, segun eles, non se poden acadar os mesmos coñecimentos e abonda con facer un ou dous ensaios no curso. Do que non se decatan é de que o enfoque é completamente diferente e que o obxetivo é tamén diferente. No sistema inglés non se espera que o estudante memorice datos e aprenda todo o que hai que aprender sobre a materia: suponse que iso xa o fará. O que se espera é que aprenda a pensar pola sua conta con rigor intelectual,  a manexar os datos que xa hai sen repetilos para demostrar o que sabe, e a sintetizar con lóxica e claridade como se fai nun ensaio. Darei outro exemplo de diferencia de enfoque: en España a maneira en que se aprende a conducir un automóvil  céntrase na teoría, na técnica e nos "reflexos". Na Inglaterra o sistema de aprendizase que se pensou baseouse en que tiña que servir para todo o mundo, incluso os mais torpes, e que o mais importante era conseguir que non fosen un perigo público, polo que se centra en criar conciencia do que sucede en cada momento no tráfico e en prever o que podería suceder. Suponse que a técnica irá mellorando có tempo e a experiencia. O que se ensina non é a non facer erros, senon a saber correxilos e sair deles.

 

Eu, Emilia, creo que non se pode gañar unha batalla se o enfoque é errado. Por iso paréceme que hai que enfocar ben a cuestión do posíbel bilíngüismo da Galiza, e  non dar por feito que o bilíngüismo é doado de acadar. Se fose doado, os que na Galiza falaban ou ainda falan galego como a sua língua principal coñecerían o castelán ao mesmo nível, e os que falaron e falan castelán como língua principal coñecerían o galego. Ou todos os españois saberían catalán. Non é así, e é natural que non o sexa, porque o certo é que hai sempre, ainda nos casos de auténtico bilingüismo, unha língua principal. E o pior que pode pasar cando se manexan duas línguas é non facer o esforzo de mantelas separadas e deixar que se mesturen, porque esa mestura, amais de ser feísima sempre, estraga as duas.

 

Pensan moitos nestes momentos, Emilia, que na Galiza deixouse de falar ou de apreciar o galego por autoodio, e esta crencia leva a buscar culpábeis da perda do galego. Mas o que sucedeceu na Galiza é o que tería sucedido en calquer país nas mesmas circunstancias. Se o que se quer é reavivar unha língua que case desapareceu debido ás circunstancias, entón é imprecindíbel para gañar a batalla non ocultar a verdade e aceitar o esforzo preciso para facelo, sen pensar que é tarefa que se poda facer con puro voluntarismo político.

 

Nos meus tempos mozos tíñase por feito indiscutíbel que, cando duas línguas entraban en contacto, a língua materna era sempre a língua principal e as outras eran línguas secundarias que nunca acadaban a mesma importancia. Agora sábese entre especialistas que non é así, mas ese coñecimento non chegou ao público e en xeral séguese pensando o de antes.

 

O certo é que a língua materna non sempre coincide coa língua principal dunha persona. Poñamos o caso dunha familia que se traslada a outro país de língua diferente e vive nese país durante o período educativo dos fillos. Os pais poden decidir que falarán cós fillos na língua do país do que saíron, ou porque xulguen que será unha vantaxe para os fillos o de teren outra língua distinta da do país onde residen, ou porque eles, os pais, non son capaces de falar a língua do país novo con comodidade, ou porque non queren que os fillos se lles escapen e pasen a formar parte do país extranxeiro no que están. Eu lémbrome, Emilia, de que cando nós marchamos a viver na Inglaterra, había entre os que estabamos residindo no extranxeiro sen sermos emigrantes no sentido habitual da palabra duas escolas de pensamento diferentes sobre o que conviña falarlles aos fillos, e as duas igual de seguras de ter toda a razón. Dunha banda estaban os que sostiñan que había que falar aos fillos en inglés porque, se non, estaban logo en desvantaxe cando ían á escola, e da outra os que dicían que había que falarlles en español por riba de todo e proibían aos fillos falar en nengún outro idioma na casa. Entre os emigrantes galegos daquela época coido que a práctica habitual era a de falar algo de galego na casa, mesturado con español e inglés ou "transformado". Era habitual que falasen das "cabas" (cupboards), do "mopo" (mop) e até teño sentido falar dos "máxaros" (mushrooms).

 

Cando se trata dos que emigran a países que teñen unha língua distinta da deles, non pode haber dúbida de que a situación xeral foi sempre e segue sendo a seguinte: na familia emigrante, os integrantes da parella poderán aprender o idioma do país de acollida mais ou menos ben, dependendo sobre todo da vida que fagan e do nível de relación que precisen ter cós habitantes do país novo. Con frecuencia sucede que un dos integrantes da parella, a muller en xeral, sobretudo se ven dun país e unha cultura onde as mulleres non fan moita vida fóra da casa,  non chegue a aprender a língua do país novo e bote toda a  vida sen sabela. É habitual que haxa unha “xeración perdida” na cuestión lingüística e de adaptación á vida no país novo. Tampouco hai que pensar que esta muller que non chega a ser capaz nunca de falar e comunicar no idioma do país no que vive esté completamente isolada, pois o que sucede normalmente é que vive entre xentes do seu país de orixen,  e nestes tempos en que hai un televisor en todas as casas, por moi isolada que esté terminará sendo capaz de entender a televisión até certo ponto e de manexarse nos comercios; o que non fará será integrarse na vida do país no que esa familia vai asentar e, có paso do tempo, terminará sendo unha rareza na sua familia, na que haberá cada vez mais personas có idioma do país de chegada, empezando polos fillos e os amigos deles ou a suas parellas.

 

Isto sucede nos casos en que a muller está, por razóns relixiosas ou culturais, metida na casa e non ten oficio nen profesión que a obrigue a saír e a relacionarse cós que non son da familia ou da tribo. Mas tamén pode suceder en outros casos en que a muller traballe todo o tempo fóra da casa pero, tanto no traballo como fóra del, viva “entre os seus”, entre personas que falan a língua do seu país de orixe. Eu, Emilia, coñecin a unha madrileña que chegara a Londres a raíz da guerra civil española, viveu na capital británica coarenta anos polo menos, traballaba fóra da casa todo o tempo, tiña fillos ingleses que falaban o inglés na casa todo o tempo tamén, matriculábase seguido en cursos de inglés e chegou á final da sua residencia en Londres sen saber nada de inglés. Este non é un caso habitual, pero non é tan excepcional como poda parecer. E tratábase dunha persona  instruida, pero con raíces tan fondas no seu idioma e na sua cultura que non puido ou non quixo dar o salto lingüístico a outra língua, porque en realidade esa outra língua diferente á propia non tiña  cabimento na sua estructura mental e parecíalle absurda.

 

Cando os dous integrantes da parella emigrante teñen a mesma língua pódense dar todas as variacións posíbeis fronte á língua allea; os dous poden chegar a manexarse ben na práctica e seren capaces de comunicar na língua do país onde fan vida nova, ou un deles pode facelo mellor que o outro, pero o habitual é que esa primeira xeración de emigrantes non saiba escreber nen ler a língua extranxeira para eles, ainda que cheguen a falala algo ben. Outra variación deste tema é cando un ou unha emigrante casa cun nativo ou nativa do país, xa que nese caso a língua da familia será case seguro a língua do país no que viven. Cando hai matrimonio mixto, ir contracorrente, contra a língua predominante, é moi difícil, e só é posíbel  en xeral que un deles fale aos fillos na língua non predominante se ten a cultura suficiente na propia língua para facelo.

 

A segunda xeración, os fillos deses emigrantes chegados dun país con outra língua, adquirirán a língua do país no que viven axiña que empecen a ir á escola, e esa virará a sua língua principal, mentras que a que se fale na casa irá quedando menos activa. E aí é onde se pode observar con toda claridade, porque o fenómeno se repite en todos os países, a todos os níveis sociais e en todas as razas e relixións, que a língua materna non sempre é a língua principal. A língua principal, é dicer, a língua que un considera a propia, é a língua na que se fan os estudos, na que un aprende a expresarse falando e escrebendo e na que un sabe moverse, na que se está cómodo; é a língua na que se fala cós da mesma idade, cós amigos, a língua na que decorre a vida social e profesional. A língua materna, se é distinta da preponderante no país en que se vive, deixará de falarse moi axiña ou se falará con incomodidade e de mala gana cando a familia presiona nese sentido, pero para os fillos esa língua materna irá quedando en segundo plano. Quedará pasiva e só poderán activala se fan o esforzo necesario para aprendela. Se non, acabará esmorecendo e morrendo.

 

Isto todo quer dicer que nunha situación na que hai duas línguas, unha delas a materna e outra a do país no que se vive, a língua materna pérdese ou pasa a un plano moi secundario e pasivo nunha xeración.

 

Na Galiza, a pesares de ser un país cunha longa e intensa historia de emigración, hai pouca ou case nengunha experiencia do que acontece nestas situacións de “bilingüismo”. O emigrante galego ás Américas trasladábase a países nos que se falaba a língua predominante na España e na propia Galiza, o español ou castelán, e os problemas de integración lingüística que puidese ter neses outros países eran seguramente menores dos que tería se emigrase a Castela, Canarias ou Portugal. A única experiencia “masiva” de emigración a países con línguas distintas foi no período relativamente curto en que os galegos emigraron a países da Europa, e esa é unha historia que ainda está sen estudar desde moitos pontos de vista. O que a min me pareceu observar desde o ponto de vista lingüístico entre eses emigrantes galegos a países con línguas distintas do castelán non foi diferente do que se ten observado que sucede case sempre nese tipo de situación. A primeira xeración de emigrantes aprendeu a falar algo da língua extranxeira, dependendo moito da vida que fixera cada quen, mas o coñecemento desa língua quedou limitado a poderen manexar algo a língua falada, non a escrita, que para eles seguiu sendo moi descoñecida ou descoñecida de todo ainda que botaran moitos anos no país extranxeiro. En cambio, os fillos deses emigrantes falarán e escreberán a língua do país no que están, e esa será en xeral, con moi poucas excepcións, a sua língua principal. A sua “cultura”, no sentido en que se utiliza hoxe ese conceito, será a do país no que están e no que estudaron e se socializaron. O proceso é rapidísimo e non pode ser de outra maneira. Por moito que se tente que predominen a língua e cultura maternas en outro país e por moito que se quera pensar que é posíbel que teñan paridade coas do país, non se pode facer. E a verdade, Emilia, é que está moi ben que sexa así; o outro responde a pautas patriarcais e inflexíbeis que non respeitan o futuro e queren conservar o poder para sempre.

 

            Seguiremos, Emilia.