Benquerida
Emilia:
Imos falar agora da língua da Galiza. Ti
escribiches sobre se o galego era dialecto ou língua, e coido que nese ensaio
teu están todos os elementos que terían que ser analizados para entrar no bon
camiño. Tapar os ollos para non ver a realidade non pode traer mais que
desorientación. Nisto, como en tantas outras cousas relacionadas coa maneira de
entender e gobernar os países nos que nacimos e vivimos, está moi arraizado,
por culpa do sistema patriarcal, o hábito de non ocuparse de se algo é verdade
ou non e de interpretar as cousas como máis nos comprace en cada momento. E,
como xa dixemos en cartas anteriores, nestas cousas das patrias funcionan as
pautas patriarcais tanto ou mais ainda que nas familias.
A grandes trazos, o primeiro que hai
que ter en conta cando se analiza a cuestión da língua ou línguas da Galiza é que,
ao quedar a Galiza dentro do reino de Castela e León e separada de Portugal,
aquela língua galaico-portuguesa que se falaba e escrebía en grande parte da
península ibérica seguiu sendo a língua falada e escrita de Portugal pero foi
perdendo preponderancia na Galiza, substituida polo castelán, que adquiriu cada
vez mais importancia na España unificada polos Reis Católicos. Ao longo de todo
ese tempo, que é moito, seis séculos case, o galego foi quedando arrincoado,
como sucede sempre neses casos; seguírono falando grande parte dos habitantes
da Galiza en distintos níveis até seguramente metade do século XX, pero virou
mais cada vez unha língua de falar por
casa ou “da aldea”, reducida á intimidade e sen ter importancia “oficial”, por
non considerarse língua utilizábel fóra desa intimidade ou deses medios
xulgados incultos.
Ti dis no teu ensaio Idioma o
dialecto que no único en que se distingue en realidade un idioma dun
dialecto ven sendo en que o idioma ten títulos nobiliarios e goza de estimación
social, mentres que o dialecto non, e que en definitiva os considerados hoxe
idiomas son dialectos do latín, sendo o latín
uno de
los muchos dialectos hablados por las tribus arias moradoras del territorio
latino. ¿Será
más encumbrada la alcurnia del griego? Tampoco, ni la del sánscrito; pues
ambos, como el latín, proceden de una lengua primitiva, de la cual desciende la
numerosa y opulenta familia de los lenguajes indo-europeos. El gallego es una
lengua antigua venida a menos; como el provenzal, formóse precozmente; como el
provenzal, madrugó en prestarse al cultivo y a las galas de la poesía lírica;
como el provenzal –aunque con menos violencia- las vicisitudes políticas la
hirieron en un momento crítico de su desarrollo, cuando cabalmente tomaba vuelo
y prevalecía la destinada a ser lengua nacional española. En suma, el gallego
es un romance, igual en su nacimiento a los otros en que el latín se
descompuso, traído luego al estado de patué por el mutismo de la literatura y
la fuerza de las circunstancias históricas, y renaciente en las letras desde la
segunda mitad del siglo XIX. Filológicamente, ningún romance procede de otro
romance: todos ellos son corrupciones fonéticas y renovaciones dialectales del
latín, quien a su vez lo es de esa venerable lengua, madre común del griego,
latín y sánscrito. Las unidades nacionales, al formarse, propenden a establecer
la identidad de lengua, eligiendo entre sus dialectos.
Dialecto é, como ben dis, unha
língua “venida a menos”, que perdeu alcurnia social, e a língua galega virou
dialecto porque non foi a língua escollida cando chegou o momento da
unificación. A descripción paréceme exacta, estémos un ou non contentos có que
sucedeu. Teño que dicer tamén, falando disto dos dialectos, que, afeita como
estaba eu a ver esta baixa estimación deles e sabendo o trunfo que supuxo
conseguir que o galego non fose considerado dialecto dentro de España, senon
língua, sorprendeume a forza que tiñan os
dialectos en Alemania e Austria, por exemplo, e supoño que en Suiza tamén, e o
feito de que alemáns e austríacos se distinguisen e xulgasen entre eles polo
dialecto que falaban. O que me pareceu ver neses países é que o dialecto ten na
práctica tanta importancia como a língua nacional e que esa importancia non é
só emocional senon social tamén; os dialectos alemáns e austríacos non son
linguaxes de aldeáns, dos que no saben, como virou o galego có tempo, senon a
maneira principal e íntima de se expresaren os habitantes de cada lugar. Non
sei ben cómo analizar este fenómeno e limítome a constatar a sua existencia,
pero mais ben leva a pensar que a chave do desprezo da língua galega que houbo
e hai non está tanto na clasificación de dialecto que se lle deu como nun “vir
a menos” social. A língua galega perdeu aceitación social nun grau inmenso,
cousa que non sucedeu có catalán, e ese
é un feito que habería que analizar. O desprezo ao galego non é de orixen
linguistico nen filolóxico, senon social e emocional, e tal vez resulte tan
difícil de analizar e de aceitar mesmamente porque esa falta de aceitación
segue habéndoa hoxe.
A forza que adquire no mundo unha
língua determinada nunha época determinada débese principalmente á sua
utilidade nesa época dende o ponto de vista económico, intelectual e social,
ainda que nalguns casos predomine mais o factor económico e noutros o social ou
o intelectual. Na Rusia, por exemplo, durante moito tempo a língua das clases
sociais altas foi o francés, e o ruso estaba mais ou menos na posición en que
estaba o galego até hai pouco, de língua falada polas clases baixas pero sen
categoría social nen intelectual. Nos meus tempos mozos o francés era a língua
extranxeira de mais categoría e “utilidade” en España e a que se aprendía no
ensino secundario. O alemán tiña prestixio científico e académico naqueles meus
anos mozos, cando algúns ían a Alemania a formarse nalgunhas materias
consideradas serias. Logo o inglés xa pasou a ser o idioma que había que
aprender porque “facía falta para todo”. Esa preponderancia dunha língua sobre
as demais vai case sempre unida á preponderancia política dun país, ao
“imperio” dun tipo ou doutro. O predominio do inglés que se ve hoxe é
consecuencia da forza dos Estados Unidos nestes momentos, igual que o do castelán
séculos atrás foi debido tamén á forza do imperio español. Tampouco é que os
imperios impoñan sempre a sua língua pola forza. Algúns fanno e outros non; o
que sempre sucede é que chega un momento en que todo o que exerce influencia se
inicia na língua do imperio e se imita nas demais, e por iso todos queren
aprendela. Isto é importante telo en conta para non cair no victimismo e non
rematar na pura fantasía cando se queren defender as línguas que quedan atrás
das predominantes en cada momento. Dado que a Galiza quedou formando parte do
reino de Castela e León e separada de Portugal, e que o castelán pasou pouco a
pouco a ser a língua predominante na España unificada e a língua case única do
imperio americano, é un proceso lóxico que pouco a pouco esa língua castelá na
que se producía todo e se vivía a vida social e intelectual más interesante
fose predominando cada vez mais sobre aquela outra língua, a galega, que foi
quedando reducida a expresar a vida diaria dos que traballaban no campo, na
pesca e en oficios manuais, e incapaz cada vez mais tamén de responder á vida
intelectual, artística e económica da sociedade
mais culta e dinámica.
A língua galaico-portuguesa, debido
aos avatares da historia, seguiu tendo unha vida normal en Portugal e se
expandiu có imperio portugués, que a fixo chegar en América ao Brasil e en
África a varios países dese continente. Deixou en cambio de ter esa vida normal
na Galiza, onde foi quedando esquecida e
reducida a língua falada, ainque que non escrita, entre os segmentos da
poboación más carentes de instrucción e cultura.
¿Por qué deixou de cultivarse o
galego? ¿Por qué houbo ese rexeitamento intelectual e emocional que continúa
hoxe, cando se estuda oficialmente no ensino secundario e, ainda así, ou tal
vez por iso, hai moita xente nova que di que non quer falar o galego porque non
lle agrada e o encontra feo? ¿Por qué na Galiza
a língua galega non tivo tantos defensores e gostadores dela como
tivo o catalán en Cataluña?
Eis o que ti dis en De mi tierra:
De
cuantos pueblos españoles aspiran a vestir de seda y oro su vieja habla, el que
lo ha logrado cumplidamente es Cataluña, y pienso que el segundo lugar
corresponde a nuestro antiguo reino de Galicia; advirtiendo que, acaso por
nuestra posición geográfica o por su misma pequeñez, la literatura gallega
conserva más carácter propio, y hasta el día se halla bastante exenta del
influjo francés, tan poderoso en Cataluña y Portugal.
Débese
la superioridad de Cataluña a varias causas bien patentes, entre las cuales
descuellan las filológicas. Por culpa de la malaventuranza política de Galicia,
el habla gallega vino a quedarse huérfana de literatura; y la literatura es
para las lenguas lima que pule, barniz que abrillanta, mirra que conserva,
nardo que perfuma, flor que adorna, savia que hace brotar y crecer el árbol.
¡Desdichada mil veces la lengua que carece de la consagración literaria! Por
ilustre que sea su origen, al cabo vendrá a convertirse en el aullido
inarticulado de la fiera, en el grito salvaje del mísero labriego que habla a
su yunta de bueyes poco más racionalmente de lo que ellos podrían contestarle.
Atendido el tiempo que la lengua gallega permaneció sin letras, todavía es
admirable que al exhamarla poco ha de entre el polvo de los huesos de Alfonso
el Sabio y Macías, se prestase con tanta ductilidad a la rima; y no debe
sorprendernos que cueste grandes esfuerzos su reorganización, ni censurar a los
poetas si van a tientas formándose su propio vocabulario, si unos contradicen
lo que otros establecen, y si en ocasiones se limitan a versificar ideas
pensadas en castellano y laboriosamente traducidas al gallego.
Al
afirmar que el atraso de la lengua gallega nace de su carencia de literatura,
no me refiero solamente a las bellas letras. También es cultivo literario para
un idioma la conversación entre gentes instruidas, el comercio epistolar, la
oratoria sagrada y profana, los instrumentos públicos; y en Galicia esto se
hace en castellano. No así en Cataluña, donde todas las clases sociales, para
todos los usos de la vida, se sirven del habla provincial; por eso allí un leve
chispazo bastó a encender la inmensa hoguera de la reinaixensa literaria, y el idioma, convenientemente
elaborado, flexible y abundante, facilitó las empresas de sus cultivadores.
A pergunta, en definitiva, é: ¿por
que os cataláns amaron e protexeron a sua língua e os galegos non, e non só non
a amaron senon que a rexeitaron e desprezaron? Ten que haber motivos fortes
para que xurdise ese sentimento negativo pola língua galega.
Sábese
ainda moi pouco de cómo funciona a relación entre duas línguas distintas. As
ideas que se teñen sobre ese asunto son simplificadoras, reduccionistas e até
puidéramos dicer que imperialistas. Nesa esfera, como nas demais, mantense a estructura patriarcal e vira toda
unha cuestión de xerarquía e desigualdade, de superioridade, inferioridade
e dominio aniquilador do diferente.
O que se pensa en xeral en España e tamén
na Galiza, que niso non ten ideas propias, é que as línguas extranxeiras se
poden dominar botando algún tempo, que pode ser moi pouquiño, no país onde se
falan; que a língua extranxeira ‘se pega”, é dicer, que se pilla de ouvido como
unha melodía de moda; que a língua materna é sempre a mais forte; e que é doado
ser bilíngüe e falar e escreber duas línguas ao mesmo nível.
No de que as línguas se pegan,
sobretudo aos meninos, e que éstes non teñen ningunha dificultade en aprender
unha língua distinta da propia, toda a miña experiencia de moitos anos vivindo
no extranxeiro dime o contrario. De feito, nos anos setenta do século pasado
comprobouse en experimentos que se fixeron en escolas canadienses que, ao
contrario do que se pensaba, cando un menino de língua inglesa entraba nunha
escola de língua francesa e ninguén lle ensinaba o francés, ese menino, por moi
mergullado que estivese na língua e cultura francesas, non aprendía o francés.
O que se descobriu foi que a língua non se pegaba ainda que houbese
internamento no seu ámbito, que había que aprendela, e que iso mesmamente é o
que facemos os seres humanos dende o momento en que nacemos. Descobriuse tamén a
importancia da fase inicial do silencio na aprendizaxe das línguas, é dicer,
que antes de falar hai un longo período de escoita e de familiarización có
idioma que hai que respeitar; os pequenos non empezan a falar porque se lles
pegue o idioma, senon porque lles falan dende que nacen e escoitan o que
precisan para empezar a falar eles. Esta aprendizaxe faise normalmente dentro
da familia e así se adquire a língua materna, que non se pega senon que se
aprende. Se un menino está nunha casa na que ninguén lle fala, non aprenderá a
língua.
Os resultados daqueles estudos
canadienses foron para min un grande alivio, Emilia. Era a primeira vez que vía
confirmado o que eu estaba vendo e experimentando, que era todo o contrario do
que se tiña dito até entón. Pasado o tempo, extrañoume que este novo
coñecimento de cómo se aprenden as línguas non se tivese divulgado. Non se vía
diferencia algunha entre a maneira en que se enfocaba o estudo dos idiomas
antes deses descobrimentos e depois, a pesares de que o que se descobrira debía
ter provocado un cambio radical. Nalgún
momento perguntei aos que traballaban en
escolas de idiomas cál era a explicación de que se seguiran facendo as cousas
como antes. ¿Era que non se enteiraran? O que me responderon foi que todo iso
se sabía en determinados níveis, pero que o coñecimento non se filtrara ao
público, seguramente porque era máis doado seguir na inercia, facendo as cousas
igual que sempre, e tamén porque as novedades non conviñan aos intereses
creados, que eran moitos. Hai toda unha industria arredor do ensino de línguas
extranxeiras que non ten interés en que muden as doutrinas nas que está
baseada. O certo que esa crencia de que
as línguas "se pegan" alenta a pasividade e impide o esforzo preciso
para aprendelas, que é moito. Leva a pensar que aprender línguas é moito mais
doado do que é.
Outra cuestión que semella ser
descoñecida case por completo en España, e tamén na Galiza, é a da relación
entre as distintas línguas nunha situación en que haxa mais de unha. Un dogma
ao que se lle da crédito ainda é o de que a língua materna ten mais forza que
as demais. Non parece haber conciencia nengunha da complexidade lingüística que
se crea nas situacións de bilingüismo, que van acompañadas case sempre de
biculturalismo tamén.
O paso da inocencia monolíngüe e
monocultural ao coñecemento e uso da diferencia entre línguas e culturas é mais
difícil cando esa inocencia é tan grande como a que hai en países moi isolados
histórica e xeográficamente, como son España e Galiza. Non sucede igual en todo
o mundo, porque a inocencia é moito menor en países ou rexións de cruce ou de
paso. Neses sitios hai mais conciencia de que o que se fala en outros países é
diferente, como tamén a conciencia é mais aguda en países arrodeados de outros
países que teñen unha fala común entre eles, como no Brasil, por exemplo, que é
o único país de América do Sul no que non se fala o español. Esa conciencia da
diferencia lingüística que hai nos lugares de cruce ou paso explicaría o feito
de que os habitantes da Europa central teñan en xeral o que se chama mais
facilidade para os idiomas, pois están mais afeitos á idea de que hai idiomas
distintos e non teñen que superar a sorpresa que ese feito causa nos habitantes
de lugares mais fondamente monolíngües e monoculturais.
Isto que poderíamos chamar a
disposición a aprender outros idiomas é algo que compre non esquecer para
enfocar debidamente a cuestión das línguas. É un feito indiscutíbel que, a
escala individual, unha persona bilíngüe, é dicer, unha persona que polas
razóns que sexan se criou en dous idiomas, ainda que eses idiomas estén en
níveis distintos, é consciente dende moi cedo ou dende sempre de que existen
línguas distintas e de que cada unha delas refrexa un mundo diferente. A
persona bilíngüe manexa esas línguas distintas cunha flexibilidade que para a
persona monolíngüe é case imposíbel.
A persona bilíngüe está afeita a
utilizar duas línguas en contextos diferentes e a ir dunha a outra con
facilidade, sen ter que pensalo. Esa utilización das duas línguas vai unida
case sempre, por non dicer sempre, a pasar dunha cultura a outra diferente, o
que significa que a persona bilíngüe está afeita a mudar códigos lingüísticos e
culturais según sexa preciso. A sua capacidade de adaptación ven dunha
conciencia profunda e irreversíbel da existencia de línguas e culturas
distintas e de que cada unha desas línguas e culturas ten o seu código propio
de expresión e comportamento, a sua maneira de entender o mundo e de relacionarse
con él. Isto é o que unha persona monolíngüe e monocultural non sabe até que o
descobre se é que o descobre e, ainda así, unha vez descoberto, terá que facer
un gran esforzo de adaptación e seguramente será “extranxeira” en calquer
língua e cultura que non sexa a sua. Este fenómeno non supón superioridade ou
inferioridade en nengún dos casos. Nen o bilíngüe nen o monolíngüe son
superiores en principio un ao outro; son duas especies distintas, duas plantas
de raíz diferente. En xeral, por exemplo, os bilingües dan mellores intérpretes
e os monolíngües mellores traductores, pero dentro desa xeneralidade pode haber
todas as diferencias posíbeis.
Está
claro que nisto da relación entre unhas línguas e outras, e unhas culturas e
outras, as pautas son imperiais, de mando e dominio. Exemplo diso é que os
habitantes de países que tiveron ou teñen un imperio, como a Gran Bretaña,
Francia e España, encontran moi difícil non dar por feito que a sua língua é
superior e que todo o mundo debía sabela. Cando o español inxenuo e non moi
cultivado afirma que todos debíamos falar o mesmo idioma, da por feito que ese
idioma tería que ser o castelán ou, como moito, que a el lle sería doado
aprender outro idioma e que falaría o outro idioma igual de ben que o propio; igual sucede có británico ou estadounidense
sen moito cultivo intelectual, aos que probabelmente nen lles entra na cabeza
que alguén poda falar outro idioma ou que ese outro idioma sexa respeitábel, e
o mesmo se aplica ao francés que pensa que a sua língua é a única que ten
lóxica e feitura.
Seguiremos con iso da relación entre
as línguas, Emilia.