Carta XII
Benquerida
Emilia:
O sistema patriarcal cultiva a idolatría porque
cós ídolos non se dialoga; os ídolos exixen admiración, obediencia cega e teñen
sempre razón. Todo o que fan ten que estar ben
porque un ídolo non se equivoca nunca.
O culto aos pais e o culto á familia son formas
de idolatría que permiten a actuación autoritaria sen explicación nen
xustificación. No sistema patriarcal os pais teñen direito de vida e morte
sobre os fillos porque, segun o sistema, os pais, e sobretudo as nais, aman
sempre aos fillos. E como, segun o sistema, é imposíbel que non os amen mais
que a nada neste mundo, os pouquiños erros que puidera haber non teñen
importancia nengunha. Ese amor, como o de Deus, é indiscutíbel, o que facilita
xa de primeiras calificar aos fillos de ingratos e de non facer o que debían
porque non son capaces de apreciar ese gran amor nen responder a el.
Na teoría do sistema non se pode pór en dúbida
o amor paterno e materno, pois é un sentimento de dimensións míticas e
sobrehumanas. Na práctica son moitos os fillos que se queixan do egoísmo e a
indiferencia dos pais, pero cada un deles pensa que o seu caso é unha
excepción. Ese amor, como todo no sistema, é automático, e o que ninguén quer
admitir, porque iso significaría quedar fóra do sistema e portanto fóra da
sociedade humana rexida por ese sistema, é que falte algunha vez ou moitas.
Parece un feito ben coñecido e universal tamén que, ainda que o lóxico sería
que quen foi moi mal tratado na familia na que naceu reaccionase contra ela, na
práctica sucede mesmamente o contrario e reacciona queréndoa glorificar. O
mesmo sucede coas nais-patrias. Canto pior trata un país aos seus habitantes,
mais se empeñan estes en loubalo e cantar as suas glorias, sobretudo se teñen
que comparalo con outros mellores. Este é un fenómeno que se pode observar a
cotío na emigración e no exilio e, que eu saiba, non está moi analizado nen
sequer percebido, a pesares de que podería estar na raíz de moitos desaxustes e
malentendidos.
Resulta difícil imaxinar un mundo sen a
estructura patriarcal. Non obstante, Emilia, o certo é que nalgúns países nos
que houbo nos últimos tempos moita mudanza da estructura da familia por mais
que continúe sendo patriarcal, é doado observar que o trato que receben os
fillos e as fillas, en xeral, é moitísimo mellor que o que recebían antes, non
no sentido de que se lles consinta mais, senon de que hai mais conciencia de
que aos pais correspóndelles facer un esforzo para manter unha boa relación cós
fillos. Isto contrasta con esa pasividade e retirada típica dos pais mais
atrasados nese sentido, que andan sempre doídos por un motivo ou por outro e
pensando que os fillos non lles saíron tan ben como terían querido, eses países
desilusionados cós fillos que tanto abondan nos países con forte estructura
patriarcal.
O que quero resaltar é que na estructura psicolóxica da familia mais
moderna hai indicios positivos, moi en contra do que se pensa e di
habitualmente, e que as cousas en xeral melloraron algo, que hai mais familias democráticas
agora que antes, cando eran todas autoritarias. En cambio, na relación que mais
se asemella á da familia, que é a que se ten có país no que un naceu, coa
Nai-Patria, paréceme ver en moitos sentidos un endurecemento do patriarcado en
xeral que facilita as guerras e que explicaría que dende que comezou o século
XX até agora vaiamos dunha a outra sen descansar. A propia linguaxe que se
utiliza para comezar e xustificar esas guerras está baseada en conceitos
patriarcais que hoxe sería difícil aplicar ás familias mais “democratizadas” do
chamado mundo occidental. Por moito que se fale de democracia política, abonda
con que se faga un chamado á guerra para que esa democracia desapareza e
estemos de novo na doutrina patriarcal de sempre de que os fillos teñen o deber
de sacrificarse pola familia, e de que os pais da nazón poden mandalos a morrer
polo honor desa familia. A facilidade con que se poden manipular as estructuras
mentais e emocionais do sistema patriarcal e se poden suprimir da noite á mañá
todas as demais estructuras mais modernas e adiantadas fai pensar que o sistema
segue igual de forte que sempre e que, se perde algunha forza por algún
lado, nivélase moi axiña por outro.
Dirán moitos, e seguramente ti tamén o dirías,
Emilia, que os favorecidos dese sistema viven moi ben e teñen todas as
vantaxes. Isto é o que din sempre as mulleres falando do ben que lles vai aos
varóns comparado có mal que lles vai a elas. Pero eu diríache que tanto ou mais
destraga e deforma o consentimento excesivo como a dureza física ou
psicolóxica. O consentimento é moito mais grato, sen dúbida, pero á hora de
xulgar o que de verdade sucede e cáles son as consecuencias, o certo é que non
hai nada que destrague tanto o potencial do ser humano como a arrogancia, a
soberba e o atrevimento, que é o que o sistema patriarcal insire no varón, e
que é moito mais difícil reaccionar contra o exceso que contra a carencia.
Moitos, e sobretudo moitas, son capaces de reaccionar con intelixencia frente
ás carencias físicas e psicolóxicas que houbo na sua vida e son capaces de
desenvolver o seu potencial. Mas o outro eu nunca o vin e mesmo parece
imposíbel: quen está afeito ao trato privilexiado e consentidor desde o comezo
da sua vida non é capaz de entender a situación en que está nen de saír dela,
ainda que quixera, que non é probabel, e o seu potencial queda sen desenvolver.
Isto pode aplicarse a moitas esferas, pero no das diferencias de trato
monstrosas que o sistema patriarcal estabeleceu entre mulleres e homes, eu
coido, Emilia, que se ben é certo que nacer varón e ser acollido como favorito
na familia dende que un nace, e ter unha nai que te anima e te consinte e te
otorga privilexios, é moito mais agrádabel, non é mellor para o que estamos
falando de chegar a encontrar a realidade propia e desenvolver as posibilidades
latentes. No sistema patriarcal o varón está mais estragado e anulado que a
muller, ainda que a muller esté pior tratada. Ou para dicilo dunha maneira mais
brutal: entre ter unha nai que flirtea e namorica contigo e que espera que
sexas o home da sua vida e lle cumplas os caprichos e a compenses por todos os
desgustos e as frustracións que lle causaron os demais homes, que é o que
sucede habitualmente se és fillo varón, e ter unha nai inimiga que quer
inferiorizarte desde o principio e que vai ver en ti unha rival no mundo
masculino, que é o que sucede se és filla, é preferíbel o segundo, que estraga
menos. Contra isto é posíbel reacionar, ou polo menos é posíbel velo con
realismo. O outro destrúe o organismo psíquico, porque actúa como unha droga
que causa adición e que levará a facer
calquer cousa con tal de conseguila.
¿Qué pasaría, Emilia, se en vez de ter un
sistema familiar baseado na idolatría e que, por conseguinte, non pode facer
mais que inserir rutina, repetición e imitación no mundo, se decidise que a
familia tiña que ser para fomentar o espírito de criación? ¿Qué pasaría se, en
vez de decidir que os fillos son para os pais, decidísemos que os pais son para
os fillos? ¿Qué pasaría se, en vez de decidir que a liña masculina é a
importante e a feminina é secundaria, decidísemos que as duas son igual de
importantes? ¿E qué pasaría se renunciásemos a un culto á Familia que no fondo
escraviza a todo o mundo? ¿Non sería mellor decidir que a familia pode ser un
ben ou unha disgracia e que depende do que se faga? ¿E que será cuase imposíble
que saia ben mentres esté rexida por dogmas e automatismos? ¿E que o
patriarcado usou a familia para incrustar no mundo a idolatría, o autoritarismo
e o abuso, e que a familia patriarcal está ideada para facer prisioneiros e non
mulleres e homes libres?
¿E
non mudaría a Galiza se a familia galega deixase de ser tan patriarcal e
autoritaria e virase mais aberta e xenerosa? ¿E se as nais deixasen de dominar
aos fillos varóns e de querer escravizar ás fillas? Seguiremos, Emilia. Até moi
axiña.