CARTA XI
Benquerida Emilia:
Se quixésemos decidir para qué é a familia, sen
deixarnos levar polo modelo coñecido, o que resolvésemos dependería mais que
nada da idea que teñamos de cómo debía ser o mundo no que estamos, de se cremos
que habería que potenciar ese mundo de maneira que funcionase o mellor posíbel
para todos os que o habitan, ou se pensamos, digámolo ou non, que a maioría dos
habitantes do planeta non valen nen valerán nunca para nada porque son
intrínsecamente insignificantes, e que sería mellor para todos que se ocupasen
de governalo todo un grupo de escollidos, unha ou varias elites de personas
superiores capaces de rexer debidamente os asuntos humanos.
Dito así é posíbel que moitos respondesen que o
lóxico sería que o mundo fose de todos e para todos. Non obstante, o tipo de governo
que iso suporía nunca pasou dun estado moi pouco aperfeizoado. Os pouquiños
intentos de governo das masas que houbo na historia foron na práctica governo
das masas polas elites. A crencia nas elites foi o que sempre imperou no mundo.
Os monarcas, os governantes, os imperios e todos os que acadaron mando no
mundo, ainda que fose de mala maneira, foron considerados “escollidos” axiña
que obtiveron ese mando, e decidiuse que esa “escolla” fora feita directamente
polas autoridades divinas. Ti seguro que viches moito diso, Emilia, e pode que
non te parecese mal; ti ao cabo eras dunha clase social privilexiada e supoño
que te parecía ben a autoridade que iso te otorgaba xa de primeiras. Tal vez
pensases contudo que noblesse oblige
e que tiñas o deber de aproveitar os privilexios cós que naceras, ou tal
vez os aproveitases porque estaba no teu carácter facelo e querías viver con
intensidade e usar os teus talentos, que eran moitos. Mas eu recordo ben que
nos meus tempos mozos, que coincidiron có réxime de Franco e nos que había
todavía imperios físicos ou territoriais, era habitual escoitar que a Franco o
puxera Deus para governar España e que os imperios estaban ben porque os quería
Deus e que se non os quixera non os habería. E o certo é que moitos dos que
governan hoxe nos países mais adiantados están convencidísimos de que os
escolleu Deus para facelo.
É lóxico que iso suceda, pois esa é a pauta que
rexe en todas as estructuras sociais, familiares e políticas: a de que hai
escollidos directamente polas autoridades divinas que, se chegan ao poder, é
mesmamente porque os deuses así o queren, e polo tanto son os que mellor poden
governar o mundo. Os rexímes democráticos debían ter anulado esas ideas, pero
eran demasiado poderosas e estaban demasiado insertas nos sentimentos
inconscientes da sociedade para que desaparecesen. O mais a que se chegou na
práctica é a que “o povo” escolla as elites que prefira, mas as elites seguen
tendo o poder e a autoridade “divina”. O
elitismo segue tan vivo e potente como sempre e non se pode esperar outra cousa
mentres non mude a estructura da familia e desapareza do mundo o sistema
patriarcal, que é o que fomenta o espírito elitista, a crencia de que a
autoridade neste mundo é de procedencia divina.
A nai do sistema patriarcal ten que colaborar
có sistema (sen ela non podería funcionar) e apoiar e fomentar tudo o que o
caracteriza. Non é difícil para ela, porque xa foi educada para esa tarefa pola
sua propia nai. Antes de ser nai foi filla, inferiorizada e deprimida,
coñecedora do que esa inferiorización constante significa e sabedora de que a
maneira de sair un pouco da sua inferioridade radical era entrando no mundo
masculino, ainda que fose de servidora, e influindo nese mundo mediante os
fillos varóns. Esa é a chave do asunto. O sistema incentiva e protexe por todos
os medios esa influencia egoísta da nai sobre os fillos varóns, e aí hai unha
contradición de fondo, porque se de verdade se pensase que a muller é inferior
ao varón non se podería permitir que
alguén radicalmente inferior por ser muller, que é a nai, influíse tanto na
esfera do masculino por meio dos fillos varóns. Mas esa influencia da nai no fillo varón é decisiva para asentar
as bases emocionais e sentimentais do sistema. A nai ten que transmitir a
misoxinia e o sexismo que precisa o sistema para funcionar, ten que dividir
para conseguir a falsa unidade da familia, e ten que esmagar o potencial humán
tanto dos fillos como das fillas, o que fai con métodos distintos: o das fillas
có desprezo e impedindo que podan facer nada que non coincida có seu destino de
cuidadoras da familia, e o dos fillos varóns con exixencias de glorias para a
familia e anulando toda posibilidade de que se desprendan dela mais que en
apariencia. A nai ten que quedar de muller superior que deixou de ser muller ao
virar nai, e as demais mulleres seguirán sendo da caste inferior até que se
rediman un pouco contribuindo á liña masculina, que é a superior.
Todo parece indicar que o ser humán precisa ánimo
e apoio para poder cumplir o seu potencial. E voltamos outra vez á idea que se
teña do sentido da vida e o destino dese
ser humán. Os sistemas todos de sabedoría parecen concordar en que é sempre
difícil cumplir o destino humán e que hai que aprender a facelo. O famoso coñécete
a tí mesmo quer dicer aprende a manexar o teu potencial de maneira que
podas chegar a ser dono de ti e render ao máximo. Ven sendo como aprender a
tocar un instrumento musical e emitir beleza e harmonía. Os sistemas de
sabedoría concordan tamén en que os seres humáns todos teñen un potencial que pode cumplirse ou
malograrse segun como se manexe e en que a actuación de cada persona é moi
importante. Se alguén desafina e actúa sen ter en conta que todo está
vencellado e que o nexo entre a causa e o efecto está sempre presente no
universo, fai un dano inmenso ainda que non se decate. Isto funciona igual no
terreo psíquico que no terreo físico, mas, ainda que comezamos a entender un
pouquiño que a actuación rapiñenta e voraz no plano físico causa a longo prazo
moito mais dano do que parece no seu momento e repercute en todos os habitantes
do mundo, non comezamos ainda a ver que a actuación voraz, inxusta e rapiñenta
no terreo psíquico ten tamén consecuencias devastadoras a longo prazo para
todos e non só para os que o fixeron ou o sofriron no seu momento.
A sabedoría aconsella sempre manter a harmonía
ou ´ecoloxía´ do sistema. O sistema patriarcal fai todo o contrario, porque o
benestar do mundo e dos seus habitantes é o que menos interesa. Nen se prantexa
esa cuestión. O único que o sistema patriarcal quer é estabelecer autoritarismo
e inxusticia, mando absoluto duns sobre dos outros e a posibilidade de que os
escollidos polo propio sistema podan facer o que queran sen ten que dar explicacións
e sen pensar nas consecuencias. O futuro non pinta nada neste sistema e só se
trata de asegurar un bon presente para alguns facendo uso do pasado para
conseguilo.
Trasladado isto á familia do sistema
patriarcal, significa que o potencial que poda existir en cada ser humán non
interesa estimulalo, senon que hai que anulalo ou en todo caso manexalo para
que o sistema arraigue mellor. Por conseguinte, o ánimo e apoio que se den
serán interesados e para obter os frutos que conveñan ao sistema.
É posíbel que a muller teña mais capacidade que
o varón para “dar ánimo”. Pouco sabemos da enerxía feminina e da masculina,
debido a que o que se nos transmitiu sobre ese tema foi doutrina patriarcal,
mas tudo parece indicar que a muller está mais dotada para animar e se sinte
atraída por esa tarefa. E esas dotes utilízaas o sistema patriarcal para
reforzar as desigualdades e xerarquías, moi en especial dentro da familia.
A nai da familia patriarcal está encarregada de
animar e de desanimar, de dar alento e de tiralo, de estimular, encoraxar e dar
forzas a uns, e de desalentar e abatir a outros. Ten que animar ao fillo varón
e desanimar á filla, para conseguir que cada un deles cumpla o papel que lle
acae no sistema. Con este xogo tamén se apodera psicolóxicamente dos dous; do
fillo varón apodérase cunha especie de incesto psicolóxico no que ela vira a
muller da sua vida para sempre e calquer outra muller non vai ser mais que unha
concubina; da filla apodérase virándoa escrava e servidora dela e de quen ela
ordene.
Esta actitude da nai patriarcal cos fillos
anula ao fillo varón coa exixencia de que se amolde ao que ela espera del, que
é o que espera tamén o sistema, e á filla có desánimo, pois que canto mais
desanimada e desmoralizada esté mais se apegará á familia na que naceu por
moito que a atormente e mais aspirará a conseguir esa aprobación da nai pola
que debece; como está abatida e inferiorizada de raíz, non terá forzas para
enfrentarse có mundo e buscará o único arroupamento que coñece, e incluso se
sentirá apoiada cando a necesiten na
familia para que os cuide.
O que resulta de toda esta estructura na
práctica é que a capacidade de animar que parece ter a muller está encauzada para servir
exclusivamente aos varóns, e que a muller nunca recebe ese ánimo que precisamos
todos os seres humanos para desenvolver o noso potencial. Na estructura
patriarcal o varón absorbe ánimo das mulleres como quen bebe dun manantial que
non se esgota nunca. Sen iso seríalle moi difícil viver, pero el absorbe sen
dar, porque no fondo cre que as mulleres non o necesitan e xa teñen abondo. E
as mulleres non dan ánimo a outras mulleres porque están afeitas a que só conten os varóns e a
teren que conseguilo todo mediante eles. Dar ánimo a outras mulleres sería,
nese marco mental, destragalo.
Seguiremos, Emilia. Até outra.