Carta X

 

Benquerida Emilia:

 

Pénsase case sempre que a familia empeza na parella. Sería natural e lóxico que así fose. Mas a parella non é o centro da familia patriarcal  e o papel que lle corresponde é o de reproducir e continuar a estructura familiar. Nas sociedades occidentais destes tempos pode parecer que as cousas son de outra maneira e que a parella é a que inicia a familia,  pero son moi poucas as sociedades onde os matrimonios non se arranxan entre as familias e, ainda nas sociedades occidentais, canto mais se sube de clase social mais se arranxan os matrimonios e menos se deixa que os novos escollan parella permanente ou semipermanente. O matrimonio “por amor” é relativamente escaso nas sociedades occidentais e case non existe nas demais, por moito que se manipule a información e se quera transmitir a idea de que os sentimentos personais son os que imperan nas relacións familiares.  Á hora de facer e continuar familias, o que mais conta é a Familia de seu e todo está pensado para que non se desfaga a  estructura patriarcal. O varón sabe que el ten un deber de continuidade coa sua familia e confía en que a parella que escolla encaixe nesa estructura.

 

Isto parece contradicer o que se di habitualmente na nosa sociedade, de que na práctica os  fillos varóns deixan cando casan a familia na que naceron e as fillas en cambio seguen sendo dos pais delas. Iso é o que se considera a vantaxe de ter fillas, por moi inferiores que sexan aos fillos. As fillas son da nai e quedan para sempre na casa onde naceron. Na Galiza esta maneira de pensar segue hoxe tan viva como sempre e supoño que daí ven en parte esa idea do matriarcado galego que tanta aceitación tivo entre os galeguistas, a crencia de que hai unha liña feminina moi forte que non se pode desfacer nen có casamento da filla. Mas esta non é unha liña de poder feminino, senon unha liña de dominio e de cuidados que significa que a filla, por moito que case e entre na familia do varón, segue tendo o deber de cuidar e obedecer aos pais dela.

 

Na familia patriarcal non se supón que a parella teña que crear algo. O seu papel é reproducir e continuar, adaptarse e amoldarse ao que está estabelecido. A idea de que o ser humán, varón ou muller, veña ao mundo para crear, non ten cabida no sistema patriarcal. Se imperase esa idea desfondaríase o sistema. Por iso é esencial para o patriarcado transmitir por todos os medios posíbeis que o ser humán non val nada e non é nada, unha insignificancia, e que só pode adquirir algunha categoría se as autoridades a conceden.

 

Os fillos neste sistema non se crean, téñense, son obxetos que se fan para servir á Familia e ás autoridades divinas e humanas. O labor de creación non existe nesa estructura familiar, onde todo é automático e ten que selo para que se sosteña. Eu sospeito, Emilia, que se puidésemos medir o nivel de automatismo no que nos movemos os humáns en xeral, encontraríamos que sería mínima ou inexistente a porcentaxe non automática, pois automatismo é o que se insire e ensina xa dende o comezo mesmo da vida, no marco da familia, e o que se segue inserindo na maioría dos sistemas de ensino, nas estructuras do traballo e en todo o que se utiliza na vida e forma parte dela. E nestes tempos meus, Emilia, non sei se non será ainda pior que nos teus, pois que a manipulación dos medios de comunicación de masas adentrou ainda mais ese facer as cousas sen saber por qué se fan. Iso é o típico do sistema patriarcal, porque é fundamental para a sua continuidade e supervivencia que todo vire automático e fácil de manipular nunha estructura autoritaria.

 

A liña masculina da familia patriarcal ten a tarefa de acadar categoría no mundo exterior e mantela se xa se ten. A tarefa  das nais é a de encamiñar as emocións e os sentimentos de tal maneira que ninguén se saia do sistema. Parecerá anormal que, sendo a nai unha muller e sabendo como sabe que as mulleres son inferiores no sistema, sexa ela quen mais o defenda e axude a implantalo, pero hai que ter en conta que, unha vez que a muller vira nai, o sistema lle da poder, non para defender ás outras mulleres, senon ao contrario, para inferiorizalas. Se xoga ben as cartas que o sistema lle concede como nai e cumple a función que lle acae, ela sae da caste inferior das mulleres e sube a unha caste superior, a dos administradores de confianza do sistema, por así dicer. A nai da familia patriarcal está encarregada de estabelecer por todos os medios, conscientes e inconscientes, a desigualdade básica entre varón e muller,  e iso faino dándolle preferencia aos fillos varóns e adentrando nas fillas un sentimento de inferioridade radical, ensinando a xerarquía indiscutíbel entre superiores e inferiores, entre os que nacen para mandar e falar e os que nacen para obedecer e calar, os que nacen para seren todo neste mundo e os que nacen para servir aos superiores e que de seu non son nada. A nai ten que fixar o sistema de cuidados e benestar que é parte fundamental da familia patriarcal; ás mulleres correspóndelles cuidar, e ese é un destino do que non se libran, o que significa que non poden facer nada criativo nesta vida. Por moito que consigan liberarse algo algunhas veces das presións sociais que sempre cairon sobre elas, e por mais que estén empezando a se poderen liberar até certo ponto dos matrimonios desaxeitados, e por mais que consigan algúns avances no terreo da igualdade xurídica, as mulleres viven sempre sabendo que tarde ou cedo lles vai tocar o cuidado dos pais e de toda a familia en xeral. Á muller tócalle unha vida de servizo porque sen iso o sistema patriarcal non podería durar, e esa tarefa de servizo foi apoiada por todas as principais relixións do mundo, que decretaron, dunha maneira ou doutra, que ese era o destino da muller.  

 

E de deixar claro dende o principio ese destino está encarregada a nai da familia patriarcal, que insire nas fillas o sentimento de inferioridade facéndolles saber que son de caste inferior por teren nacido mulleres e que están no mundo para servir á caste superior, que é a dos varóns. Mas o deber de servizo non remata aí tampouco, pois que a filla tamén ten que servir aos pais e á toda familia en xeral. A única maneira de librarse do servizo feminino é entre mulleres, facendo que recaiga en outra o que lle tocaría a unha. A nai libra do servizo valéndose das fillas ou das noras, e coa categoría que gaña no seu papel de nai asegúrase de ter quen a sirva a ela.

 

Falábamos antes do vivas que están as ideas deterministas nas nosas sociedades e eu coido que se analizáramos a fondo o asunto descobriríamos que son moi poucos os que cren de verdade que o ser humano ten liberdade para escoller o seu destino e que pode chegar a ser dono de sí, dentro naturalmente dos límites que impón o mundo da materia, o corpo có que nacemos e a época e o país no que vivemos. Aceitar estes límites sería lóxico, porque é certo que existen, pero dentro diso tamén sería normal que se aceitase a liberdade do ser humano para decidir o que quer facer coa sua vida. Ben lonxe estamos diso. Os que non cren que Deus,  Alá, ou os deuses en xeral son os que deciden todo o que sucede neste mundo, cren que o destino ou  fado está decretado e que non hai posibilidade de rebelarse contra ese decreto e facer outra cousa. O peso desa crencia é enorme en xeral e moito mais forte ainda nas sociedades sometidas a interpretacións francamente deterministas das relixións, que son a maioría.

 

É verdade que na práctica nacemos có destino marcado e sen liberdade para escoller a nosa vida, pero non é porque esté decidido polos deuses ou polas estrelas. Está decidido pola familia do sistema patriarcal no que nacemos, porque ese sistema  está pensado para non deixar que ninguén vive en liberdade e con independencia.

 

Iso por cuanto á crencia de que nacemos marcados por un fado que o decreta todo e do que non nos podemos librar. Mas ese sistema determinista é tamén un sistema de castes e é moi importante ter en conta que esa división en castes está vencellada indisolubelmente á crencia de que non hai liberdade e que todo está decretado. A sua función principal é a de deixar claro que nacemos nunha caste superior ou inferior según o que teñamos gañado ou perdido nas nosas vidas anteriores. As almas reencarnan unha e outra vez nun proceso de purificación e aperfeizoamento, e reencarnan nun determinado corpo, sexo ou clase social según o que teñan gañado ou perdido nas vidas anteriores. O que suceda nesta vida, bon ou malo, xusto ou inxusto, é o que escollimos e merecemos: se é malo  vai servir para redimirnos e para que aprendamos a lección que nos convén para nacer mellor na seguinte vida, de maneira que sería absurdo que pretendéramos escapar dese destino que temos marcado para esta vida, porque non faríamos mais que recuar na próxima. Según esta crencia, que é consciente e admitida en metade do mundo e que continúa viva en capas inconscientes na outra metade, nacer varón, rico,  poderoso ou branco significa que se chegou a un estado de aperfeizoamento nas vidas anteriores que mereceu esa categoría; nacer muller, pobre, de clase social baixa ou de pel escura significa que esa inferioridade está merecida polo que se fixo en vidas anteriores e que queda moito camiño que andar para chegar ás categorías superiores. Esta idea de merecemento é esencial para implantar a pasividade que necesita o sistema e para xustificar as desigualdades; quen nace privilexiado non ten que dar contas, porque o merece e ese é o destino que lle toca cumplir, e quen nace desposeído e para servir ás clases superiores ten que aturar de boa gana o destino que merece, pois que si se rebela e non o cumple vai ter que recuar ainda mais na escala de méritos e vaino pagar na vida seguinte, que será pior que a que lle toca agora. Non hai saída. Coa axuda do supranatural queda todo xustificado e non hai mais que pasar pola vida disfrutando sen dar contas de nada se iso é o que lle toca a un, ou penando sen queixarse, en perfecta pasividade e dependencia, que é a mellor maneira de ascender de grao ou de “gañar o ceo”.

 

 

            Seguiremos, Emilia. Até outra.