GALEGO E PORTUGUÉS: UNHA CUESTIÓN DE SUTAQUE?

 Din algúns que as diferencias entre o que se entende hoxe por língua galega e o portugués son “de sutaque”. Non é así. Compre lembrar que hai unha tradición, moi cultivada no estado español, de non querer aceitar que as demais línguas merecen traballo e que hai que aprendelas e comprendelas; no fondo, o que non se admite é que haxa línguas diferentes e por iso querse reducir todo a unha cuestión de “sutaque”. E nese “sutaque” entra a fonética, a sintaxe, a pronunciación e todo o código propio de cada língua. Ven sendo como querer tocar o violín como se fose un piano.

 As palabras teñen marcas fonolóxicas que as fan diferentes, e o ouvinte ten unha marxe moi estreita de recoñecimento das formas. A diferencia entre o sonido p en español e o sonido b fai posíbel distinguir entre pata  e bata. Esa mesma diferencia de sonidos no inglés fai que, se non se pronuncia o p como hai que pronuncialo nese idioma, e non como se pronuncia en español, o ouvinte crerá que, en vez de Perez, lle din Beres. Cando un falante de español pronuncia, para Oxford, Osfor, con vogais e consonantes castelás, non hai nada aí que coincida co codigo desa palabra en inglés, e para un falante de inglés podía ser calquera cousa menos o nome desa cidade inglesa. E cando un falante de español pronuncia o je francés decindo ye non é que esté falando francés con outro sutaque, é que non está falando francés. Como non están falando galego as e os que na TV galega pronuncian hose en vez de hoxe. Os rasgos pertinentes que na estructura linguística marcan por contraste o significado da palabra non se poden mudar a vontade, nen son cuestión de sutaque, senon rasgos do morfema.

 Se a língua galega tivese evoluido con normalidade e fose a língua predominante da Galiza, entre o portugués e o galego non habería mais que algunhas diferencias de entonación e de algunhas palabras talvez. Mais na Galiza, por circunstancias históricas, o galego quedou acurrado e esquecido, cuase sen escrita e falado só polas xentes menos cultivadas, moitas delas analfabetas, e a língua predominante foi durante moitos séculos a castelá, como segue sendo ainda. A consecuencia desa historia é que a língua galega se perdeu en grandísima parte e se contaminou máis cada vez do castelán. O galego que hoxe se fala e escrebe ten máis de castelán na fonética, sintáctica, semántica e pronunciación, que de galego. Se tivese evoluido normalmente, as diferencias có portugués serían mínimas; tal como está, as diferencias son cuase as mesmas que hai entre o castelán e o portugués.

 Non aceitar que hai un problema é a pior maneira de enfocar o asunto, porque só pode levar a non solucionalo nunca. A solución cando, como neste caso, trátase de “resucitar” unha língua, non pode vir a treu e sen atender ás consecuencias dunha historia que foi así e non de outra maneira, góstenos ou non.

 O que habería que aceitar é que a língua galega está moi castelanizada, facer todo o posíbel por parar ese proceso de castelanización e entender que o portugués, ou algo moi semellante, é a língua que o galego tería sido se tivese evoluido debidamente e non quedara desprezado e tirado da memoria. Coller palabras do portugués, como se ven facendo nestes  últimos tempos, é o que se debía facer sen disimulos, e tamén coller maneiras de expresarse en vez de coller as do castelán cando se fala e escrebe galego. E tamén habería que aprender ou “lembrar” ou “resucitar” a fonética e a pronunciación. Porque así como soa o portugués é como soaba e soou sempre o galego de verdade, e non como soa agora, que é con fonética, entonación e pronunciación do castelán. E iso fai que a un portugués lle sexa seguramente mais doado entender a un andaluz que lle fale castelán que a un galego que lle fale en “galego urbano”, ou sexa, nen en castelán nen en galego e moito menos en portugués.

Voltar a Lingua