A SANTA TRANSICIÓN GALEGA

 A SANTA TRANSICIÓN GALEGA

 

Un aniversario ben utilizado pode servir para esquecer o que non se quer lembrar.

 

Van vinteoito abrils da instauración da Xunta Preautonómica presidida por don Antonio Rosón Pérez. Buliron lixeiro moitos a louvar e promover ese episodio fundacional e decisivo na beatificación daquela argallada que chamaron concordia. Fálase estes días do episodio na prensa con xeral contento.

 

E celébrase que, a pesares dos antecedentes do señor Rosón e das súas vizosas raigañas no réxime que se dicía que estaba sendo liquidado, viñese a presidir o que se anunciaba como recoñecimento da base histórica da autonomía galega tronzada pola demora da aprobación do Estatuto en 1936. O galeguismo retoñaba baixo a tutela daquel personaxe extraído das entrañas dos destruidores da República.

 

Notouse a diferencia do que pasou na Galiza có que se fixo para nomear presidentes das novas autoridades de Euskadi e Cataluña. Nestas trouxéronse do exilio as persoas que fóra da Península presidiran e mantiveran o nacionalismo. Non foi así na Galiza. Mas non foi casualidade que ninguén se lembrase de que había un nacionalismo galego no exterior. O nacionalismo non morrera de morte natural en Ultramar.

 

En abril de 1978 culminou con éxito unha longa estratexia dirixida e orientada por un home: Ramón Piñeiro. Moitos dos seus amigos e adoutrinados da primeira hora quixeron pensar, cando se desenganaron do que facía, que Piñeiro mudara có correr do tempo. Non foi así: a carreira de Piñeiro ten perfecta continuidade. Explícase por dúas coordenadas: o clima da Guerra Fría, no que ele respondeu siceramente cun anticomunismo enfervoado que non ocultaba,  e un antinacionalismo que tampouco ocultaba e que o levaba a argallar cós elementos do réxime que querían sobreviver cando Franco morrese. O que quería Piñeiro era asegurar na Galiza, cando chegase ese momento, unha saída non nacionalista no político e “moderada” no social. Que nada mudase, en definitiva, ainda que se disfrazase cun pouquiño de galeguismo.

 

Daí o esmagamento dos restos do Partido Galeguista no exterior, a doutrina explícita de que a diáspora tiña que mandar diñeiro e calar, e a insistencia en que as negociacións políticas quedasen nas máns do interior, é dicer, de Ramón Piñeiro.  Así se fixo, e aos que pensaban que viña un mundo de homes cultos, filósofos e até algo republicanos, caiulles enriba un cacique de Becerreá. 

 

¿E dende cándo coñecería o lugués Piñeiro a aquel outro lugués? 

 

Quen coide que Galiza está ben como Piñeiro quería pode estar contento. Para quen pense que a Galiza tiña que ser outra cousa, pouco haberá que festexar neste aniversario da versión galega da Santa Transición.

 

 

Voltar a Alicerces Nacionalistas