A perda do respeito
polas linguas
No fondo dese
castelán galeguizado que se fala e escreve hoxe na Galiza dicindo que é galego
hai unha grande falta de respeito polas línguas todas e de coñecimento do que
hai detrás de cada unha delas, de cómo se forman e do que significan. A
facilidade, condescendencia e indulxencia con que se deixou que se falase e
escrevese como língua galega unha mescla sen
vocabulario, fonética, sintaxe nen entoación galega levou a que se pense que
calquer outra língua se pode destragar igual que esa. Hai nos galegos un grave
problema afectivo, social e práctico con
respeito á língua. Nesas condicións é sempre posíbel inventar
algo que se pode disfarzar de língua pero que carece por completo da forza
criadora que leva a que unha sociedade invente formas e modos de dicer propios.
O que resulta diso nen sequer é dialecto, porque carece do sentimento afectivo
que impulsa aos dialectos e do uso preferencial que
destes se fai na língua falada.
Ese estrago que se fixo
coa língua galega levou a pensar que se pode facer o mesmo con todas as
linguas. Mas o portugués, o castelán e o inglés, por citar as línguas que mais
se destragan na Galiza, existen en condicións óptimas no mundo, fálanse e
escrévense con normalidade en moitos países nos que son a língua principal, a que se aprende no berce e nunca se esquece nen se
desbota, e fálanse e escrévense en moitos níveis moi distintos, a algúns
dos cuais non se chega sen moito estudo, moita peneira, moito cultivo e moito cuidado.
Cando os galegos falan a alguén de língua portuguesa en “galego” e queren crer
que están falando na mesma língua, non se decatan de que os de língua
portuguesa cren que están falando en castelán ou todo o mais en “portuñol”. E
cando teñen o atrevimento de escrever en “inglés”, porque pensan que o
saben, non se decatan de que aquilo non é inglés nen cousa que se lle pareza, e
que o inglés non se pode amañar como se amañou iso que chaman “galego”.
Sería un adianto proporse non destragar nengunha língua, e menos a
galega, e aprender a respeitalas e a respeitar o que hai detrás de todas elas.