QUEBRAS, TRANSICIÓNS E CAMBIOS

 

Mudar sen máis uns políticos por outros non trae cambio ningún nunca en ningures. “Virar a filloa” quer dicer que o poder pasa dunhas mans a outras ou dun partido político a outro, e que axiña que “os outros” consiguen o poder actuan exactamente igual que os de antes, porque o único que querían era ese poder para eles, non para o país. Ese é o xogo político cando non se fai política e politiquéase.

 

As quebras, que semellan tan radicais porque muda a forma de governo, por exemplo, ou porque son un eufemismo para non falar de revolución, non mudan tanto como parecen e préstanse a frustracións, sobre todo porque as elites e a cultura politica non mudan instantáneamente. Se non hai mais que quebra e non está decorrendo un caudal de mudanzas de fondo, o sistema poderá seguir depois da quebra igualiño que antes, como tantas veces se viu na historia do mundo.

 

As transicións son unha maneira de aproveitarse do anterior e de non mudar nada de fondo. En sistemas políticos e sociais moi evoluidos poderían ter algún sentido (ainda que nun sistema evoluido non fan falta nengunha), mais cando se trata da transición dun sistema dictatorial a un sistema democrático, hai que desconfiar. Xoga moito a ansia de conservar posicións de influencia e intereses creados. Negóciase como nunha vida política normal e, se esa normalidade é viciada, nada de novo sairá do proceso. O mais seguro será que nada mude de fondo e que, con apariencias democráticas, todo siga “atado e ben atado”.

 

O cambio auténtico non é instantáneo e mesmo por iso non pode vir só có cambio político que é, por natureza,  de prazo corto. O cambio que necesita Galiza ten que ser moi fondo e afectar ás estructuras todas da sociedade, porque a propia sociedade galega ten que cambiar e afacerse a pensar e actuar de outra maneira mais conforme có que a Galiza pide e debía ser. Ese cambio que a Galiza precisa nunca poderá vir de seu nen ser automático. Se non se pensa nos cambios que a Galiza precisa por debaixo da superficie, todo seguirá igual, un pouquiño mellor ou un pouquiño pior para algúns, pero a Galiza seguirá sendo un país mal traballado, mal entendido e sen potenciar, e seguirá tendo amos internos ou externos que non teñen interés nengún en que vaia adiante e, menos ainda, en que se independice mentalmente e empece a pensar e actuar pola sua conta sen agardar a que lle dicten o que ten que facer. E a sociedade galega seguirá cada vez mais inerte e desanimada, sen forzas para nada e metida en sí, sen querer sair ao mundo exterior nen enteirarse de que existe.

 

A tarefa do nacionalismo tiña que ser mesmamente pensar neses cambios radicais que precisa a Galiza, falar deles, debatilos e adentralos na conciencia do país. O nacionalismo tiña que pensar e imaxinar o que debía facer Galiza que fose distinto do que fai España e, por suposto, do que fai a Unión Europea, que están a outra cosa. Se o que se quer para Galiza é o que xa hai na España, e ninguén  se atreve a pensar en outras posibilidades, iso demostra inmadurez nacionalista. O nacionalismo ten que ter un proxecto para a Galiza que supoña  orixinalidade e separación, no sentido de organizarse doutro xeito e facer as cousas doutra maneira, e que supoña aplicar esa orixinalidade ou singularidade ás esferas todas da vida. Esa tarefa ten que correr aparellada coa paticipación cotiá na política do día tal como é, pero sen ela non terá sentido nen orientación última a necesaria política miuda.

 

            Depois das eleccións, gañe quen gañe, a tarefa seguirá aí. E o perigo será pensar que se hai cambio de governo, xa houbo cambio. Por ese camiño vaise ao purgatorio das frustracións.

 

Voltar a Alicerces Nacionalistas