AFIRMACIONS DISCUTÍVEIS

 

O galego é o pai do portugués

 

Esta afirmación  baséase na ideia de que a língua galega é anterior á portuguesa. Non é así. Unha e outra son posteriores, por camiños moi distintos, ao galaico-portugués. O galaico-portugués era a língua románica que se falaba nunha parte da península ibérica. Portugal independizouse da España unificada polos Reis Católicos e a Galiza quedou integrada no reino de Castela e León e por conseguinte nesa España unificada. O castelán virou pouco a pouco a língua predominante en todo o territorio da España unificada e o portugués seguiu vivindo e desenvolvéndose con normalidade en Portugal e  depois nos países de lingua portuguesa, como o Brasil, Angola e Mozambique.

 

Á parte do deplorável patriarcalismo que revela esa ideia do galego-pai con direito absoluto a mandar no portugués-fillo, revélase tamén un xeito de encarar os problemas “a la española” e de non querer admitir a realidade histórica. Sustituir a realidade con invencións vangloriosas e fantasiar o pasado para tornalo confortador é o pior que podía facer o galeguismo e o nacionalismo galego. No fundo desa ideia de que nos corresponde mandar no portugués porque o galego é mais vello está un sentimento inconsciente de superioridade que non pode vir mais que de crer que Portugal é inferior a España. Os nacionalistas galegos debían decidir se é iso o que pensan, ou se, sen ser talvez o que o pensan, é o que sinten. A historia ten moito peso, e non se pode contrarrestrar ese peso se non se corrixen as reaccións  automáticas.

 

 

A língua galega evoluiu e evolúe con normalidade

 

Ao ter quedado a Galiza formando parte do territorio que hoxe chamamos español, a língua galega foi perdendo forza e ficando arrincoada pola influencia do castelán, que virou a língua predominante dese territorio e do imperio español. A língua galega permaneceu durante moitos séculos isolada nos meios rurais e moi axiña só como língua falada sen apoio da escrita. Nen sequer como língua falada conservouse e evoluiu;  mentres que o habitante do meio rural da Cataluña podía ir ao advogado ou ao médico e falar con eles en catalán, o habitante do meio rural da Galiza non podía facer iso en galego e tiña que aprender tudo ese vocabulario “profisional” en castelán, que era o que lle falaban. Así a língua falada foise empobrecendo día a día e perdendo recursos. Negar esa realidade apoiándose nunha falsa superioridade sería suicida e faría imposível recuperar a língua do país e dotala de recursos.

 

 

A língua galega perdeuse porque os pais deixaron de falar galego aos fillos

 

Iso só sucedeu no final da Galiza rural isolada, é dicer, na segunda metade do século pasado, e non val para explicar a perda do galego, que ven de muito atrás.

 

Cando nunha sociedade hai duas línguas e unha delas é a que se fala, escreve e estuda, esa será a língua predominante e a que todos quererán utilizar, porque é a que se necesita para tudo e a outra, sen esa, supón un obstáculo. Para os que quedaron falando galego na Galiza, que foron os que habitaban nas aldeias, o non saber castelán ou falalo con dificuldade foi un inmenso atranco, non só porque falar galego dese xeito era sinónimo de inculto, besta do monte e peizoco, senon tamén porque era como falar unha língua extranxeira nun país que tiña outra, que era o castelán. Axiña que os pais e os fillos puideron aprender a outra, fixérono igual que se fai nun país extranxeiro, onde a língua predominante é necesaria para viver e sobreviver. E aos habitantes da Galiza rural  non lles tocaba defender e conservar aquela língua galega que os habitantes da Galiza urbana tan axiña abandonaran e por riba desprezaran.

 

Os que decidiron que había que falar galego porque o galego era a língua da Galiza, é dicer, os galeguistas e os nacionalistas, fixérono cando eles xa tiñan a língua predominante, o castelán, e nunca se viron na situación de “extranxeiros”  nen calificados de brutos por non saberen falar.

 

Os galeguistas e nacionalistas que decidiron que falando aos fillos en galego se resolvía o problema verían có tempo, seguro, que os fillos querían falar a língua que falaban os amigos e na que facían os estudos. Iso é o que sucede cando se vai a un país extranxeiro que ten outra língua, que por moito que fagan os pais para ensinar a língua materna  aos fillos, os fillos aprenderán e quererán utilizar a língua do país no que viven, e esa língua virará a deles ainda que a língua materna sexa outra.

 

Está ben que moitos dos que queren loitar polo galego ou gostan de falar en galego escollan falar aos fillos en galego. Os fillos adquirirán con iso un coñecimento da língua que lles será útil. Pero nen eles nen os pais estarán na situación de inferioridade total na que estiveron os que quedaron falando o galego na Galiza sen saberen falar o castelán.

 

Voltar a Lingua