Propaganda que non convence
Na propaganda que – indebidamente – fai o governo e os que queren axudalo tocáronse cuestións tan emocionais e tan pouco racionais como a do patriotismo, a do porvir dos fillos, a da loita contra os fascismos, a do agradecimento e a de chegar os primeiros.
O patriotismo é a identificación cunha comunidade histórica e a defensa dunha esfera de intereses públicos propia desa comunidade. Iso non se pode criar dun dia para outro nen pode resultar dunha escolla de “valores”. É unha realidade básica, non unha preferencia utópica. Algo do que partir e non ao que chegar.
O do porvir dos nosos fillos non ten lóxica histórica. As decisións políticas non se poden tomar sobre esa base. A incerteza esencial do futuro convirte axiña ese pretendido argumento nunha chantaxe psicolóxica. Os pais poden enganchar aos fillos no que a eles lles parece mais proveitoso e ainda así, ou mesmo por iso, poden estar desacertados de todo ou enganarse e coidar que os paxaros maman e non comen miñocas. Pensando no futuro dos fillos mandaron os pais alemáns os seus ás Xuventudes Hitlerianas, por exemplo. O que se consideraba a marcha inexorábel da historia empurraba aos nacidos na Unión Soviética cara aos pioneiros. E todos sabemos, sen ir mais lonxe, os desastrosos resultados que producen as escollas de carreira e do porvir dos fillos que fan os pais. O argumento é puro patriarcalismo.
O neofascismo estase criando no caldo de cultivo do neoliberalismo que impón a Unión Europea. Quen acude a ese reclamo é a xuventude desempregada e desesperanzada. Non é a primeira vez na historia. Cando se abusa tanto do laissez faire e florece o capitalismo desmandado e o elitismo plutocrático, xa se sabe o que pasa e o que pasou. A socialdemocracia, que comezou a sua xeira mais moderna dando como xustificación que ía amortiguar eses efectos funestos do capitalismo, é hoxe na Unión Europea a xestora preferida do desmantelamento da seguridade social, do deterioro da educación e do abandono do pensamento independente.
Acudir ao medo de “que veñen os fascistas”, ou de que “sen a Unión Europea non pode haber paz porque os habitantes de España non saben facer mais nada que ter golpes de estado e estar sempre en guerra” é como asustar aos nenos con que se non obedecen vainos comer o cocón. E tamén é inferiorizar aos habitantes todos de Europa e moi en especial aos de España.
A Unión Europea non ten capital propio e sostela é moi cara. A cada habitante dos países que a integran cóstalle unha cantidade moi considerábel de diñeiro. Polo tanto, a Unión Europea non pode dar nada. O único que poder facer é repartir, ben ou mal, xusta ou inxustamente, con tino ou dunha maneira atrabiliaria. Galiza non ten que estar agradecida de nada. Se o que lle “deron” era xusto, non hai nada que agradecer. E se era inxusto e non llo debían ter dado, por algo sería e algo quererían en troca os que agora pretenden cobrar un favor que nunca existiu.
Chegar os primeiros non ten mérito case nunca en politica. Non se trata dunha Olimpiada. Diante de toda cuestión que afecte ao presente e ao porvir do cidadán hai unha obriga de prudencia, siso, cordura e reflexión que exixe tempo. Pódese chegar os primeiros a un desastre ao que máis tivese valido chegar os últimos ou non chegar.