PROMOCIÓN DO GALEGO ESCRITO
A língua galega non poderá conservarse no futuro se non se alenta o galego escrito. E non se está alentando. A obsesión coa oficialización e a normativización e, principalmente, o uso forzado dunha língua que, por razóns políticas, históricas e sociais, a maioría dos habitantes da Galiza rexeita, leva a que non se faga nada por cultivala có cuidado e a atención que precisa.
Sería moito mais fecundo deixarse de oficializacións áridas e tesas que destragan a língua mais ainda do que xa está destragada e que non poderán nunca darlle a criatividade da que ten falta, e fomentar e alentar que se escreva e se leia en galego. E non se está facendo
Os livros son un producto para o que hai que criar un mercado. Otorgar algunha subvención a algunha editorial para que publique algún livro en galego non abonda, e nen sequer contribúe a resolver o problema senon que mais ben o tapa. Calquer livro en calquera língua precisa non só que haxa quen o publique, senon tamén quen o distribúa e, sobretudo, quen o promocione. Sen promoción, o livro en galego e os escritores en galego non terán nen a mínima oportunidade de que alguén os leia e eses livros quedarán arrincoados nas livrarías como obxetos que ninguén quer e que ainda por cima estorban.
Sen ese fomento do galego escrito que é esencial para a supervivencia da língua, os únicos escritores galegos que terán algún público serán os que publican en castelán, ou tamén en castelán. E serán coñecidos porque se lles fai a promoción que precisan.
A situación tal como está agora é a pior que podía haber para quen escreva en galego, que sabe que ninguén vai ler o que escreva mesmo porque está en galego. Polo menos nos tempos da aposguerra, cando empezaron as publicacións de Galaxia, por exemplo, os escritores líanse os uns aos outros e había algún leitor interesado; agora, nen iso hai, e correspóndelle boa parte da culpa desa lamentábel situación á ideoloxía que imperou no galeguismo e o nacionalismo, que levou a simplificar os problemas todos e a tapar os ollos para non ver a realidade.
Decidiuse, cun descoñecimento histórico e unha insensibilidade notábel, que o problema da língua galega estaba facilísimo de resolver porque os habitantes da Galiza quererían falala e escrevela exclusivamente axiña que se lles permitise facelo, e para iso abondaba con impor o galego no ensino e oficializar o seu uso. Non sucedeu así, senon todo o contrário, porque con esa actitude impositiva aumentou o ódio ao galego que xa había antes. Houbo autoritarismo de mais e pedagoxía de menos, e iso habería que empezar a correxilo.