PODER POLÍTICO E CRIATIVIDADE

O nacionalismo galego non poderá consistir, como consistiu case sempre, en pedir para a Galiza o que xa hai en outros lugares de España. Unha nación, ou un estado, ten que distinguirse das outras nacións e dos outros estados por facer as cousas dun xeito diferente, e ten que inventar, anovar e idear un futuro axeitado. Ainda cando unha nación  está formada por varios estados federados, como é o caso dos Estados Unidos de América, cada un deses estados ten o seu sistema propio de tributación, educación, etc., e aporta diferencias esenciais. Esa é a función histórica primordial dos estados, federados ou non, e o seu deber coa Humanidade.  E hai casos como o de Escocia, por exemplo, que sempre tivo o seu sistema propio de ensino, xurídico, etc., distinto do da Inglaterra e do dos demais países das illas británicas, tanto cando foi estado en sí como cando entrou no reino unido.

 Un nacionalismo que non aspire a ter sistemas propios en cada unha das esferas da realidade, non poderá ter forza e rematará sempre querendo o mesmo que teñen “os grandes”, pero en mais pequeno. Un nacionalismo galego que só aspire a poñer á sua xente nos postiños de mando seguirá facendo todo exactamente igual que o estado español, porque os que cheguen ao poder, se non teñen pensadas as cousas de outra maneira, non van querer facer nada novo nen van saber facelo ainda que teñan toda a intención de laborar polo país.

 

 

 

Voltar a Alicerces Nacionalistas