OS POZOS SEN FUNDO DA UNIÓN EUROPEA

 Como ainda non se apagaron os entusiasmos europeístas que os galeguismos veñen arrastando desde tempos pior informados ou mais deturpados polas ideoloxías da guerra fría, resulta  sempre interesante ver como funciona a Unión Europea no mundo real e non no mundo da fantasía. 

Estes días o Tribunal Europeo de Auditoría, que é o que comproba o bon emprego dos recursos orzamentarios, non puido aprobar mais que as contas dun 7% das despesas. Disque con este son doce os anos en que as contas non cadran. A provisión para gastos deste exercicio era de 121.000 millóns de euros. O presidente do Tribunal deu unha explicación ben célebre nunha carta ao Comité da Cámara dos Lores británica que se ocupa desas cuestións. Dixo que se trataba de erros contábeis “que poden ser debidos á moita complexidade da lexislación da UE”. Compre que o saiban os que coiden que o diñeiro dos contribuíntes está mellor empregado e cuidado nos augustos recintos de Bruxelas que nos estados nacionais. ¿Será que a lexislación dos países é menos “complexa”?