Aclaracións sobre a Unión Europea

 

As ideas sobre a Unión Europa son moi confusas. Seguramente porque hai na apresentación do proxecto moitos equívocos. Un deles é o da “Europa dos povos”. Cando comezou o proxecto europeu tratábase de reconciliar a Francia e Alemania para que, cós outros “socios fundadores” , defendesen o capitalismo da ameaza dos fortes partidos comunistas que había en varios dos grandes países europeos. As nacións sen estado non contaban para nada nese proxecto.   moito máis tarde, e para esmagar os nacionalismos dentro dos grandes estados, lanzouse esa idea da Europa dos Povos.

 

Dixeron daquela que os nacionalismos non serían necesarios porque nesa Europa que se estaba construindo desaparecían os vellos estados nacionais e quedaban sustituidos polos diversos “povos”. A idea é tan difusa (e tan confusa) que só actúa no “roupeiro das imaxes” como unha especie de utopía na que non da vergoña crer, por moi absurda que sexa,  porque está respaldada por xente seria e cabal que fala dela arreo. ¿Hai algunha posibilidade de que exista esa Europa dos povos dentro da UE?  Nengunha, se ollamos a marcha asoballadora dun conxunto de Estados que, cando ceden algún poder, cédenllo a unha entidade supranacional e centralizadora, un superestado no que se agrandan moi aumentados os piores trazos dos estados nacionais, desde a burocracia até o expansionismo.

 

Os nacionalistas parece que se conforman con calquer cousa, como, por exemplo, con que lles deixen falar alguna vez na capital, Bruxelas, na lingua do seu país.

 

A Unión Europea non mudou. Foi sempre e segue sendo ultracapitalista, uniformizadora e favorábel ao empresario predatorio. Só poden engancharse contentos a esa locomotora os que crean que o capital non ten patria e que as nacións son un atraso.

 

Parece que hai unha incompatibilidade radical entre o proxecto da Unión Europea e os nacionalismos, e ese é un asunto que habería que prantexar con seriedade e tirando do roupeiro mental esa idea enganosa e ilusa da Europa dos Povos.