O PODER DO PENSAMENTO

 O soberanismo é unha aspiración a ter poder propio. Os nacionalismos que teñen esa aspiración precisan armarse dese poder se non o teñen xa, como lles pasa ás nacións sen estado.

 Chamóuselle “poder brando” á criación, difusión e imposición de usos, estilos e formas de vida. Pero na mesma liña que os poderes “duros” está, ademáis do económico e o militar, o do pensamento. Será preferibel chamarlle así, poder de pensamento,  e non “cultural”, para evitar a desvirtuación do termo cultura no relativismo e a súa derivación bizantina posmoderna. É unha argallada chamar brando ao que, na verdade, é o alicerce máis eficaz e duradoiro da realización plena das persoas e as sociedades.

 Os nacionalismos sen estado e ameazados (aínda que moitos nacionalistas non pareza que se queran decatar diso) polas unións chamadas superestatais, necesitan pensar nos poderes que lles acaen. No nacionalismo galego, que certamente non tiña abeiro por onde proxectar poder duro, sorprende o  mimetismo a respeito do poder de pensamento.  Na concepción máis nobre e herderiana, os nacionalismos xustifícanse pola contribución criadora ao patrimonio da Humanidade. E por pensar, con razón, que a diversidade e preferíbel á unidade para o desenvolvimento do xénero humano.

O culturalismo que se practicou en diversas etapas do galeguismo, ou talvez en todas, non errou por pensar que a cultura era importante, senón por esquecer que a cultura é criatividade. Imperou o mimetismo e a ansia por facer o que fan os demáis. Daí que cando apareceron posibilidades de acción política seguira predominando o mimetismo.  Europeismo cando estaba na moda; pensamento alemán cando parecía que ía ser o que gañaba; Camus para o afrancesamento a salvo de Sartre; estructuralismo o pouco tempo que durou; pensamento “light”, e así sucesivamente. Non é que non haxa que saber o que pasa no mundo. Non se pode chegar á criación sen iso, pero o deslumbramento sen consecuencias nen aportacións é un mal hábito e non serve para construir pensamento e personalidade no país.

 Hai un camiño, longo e difícil seguramente, que haberá que andar e que será a proba do lume ou a pedra de toque, pero tamén a pedra angular, do nacionalismo galego. Haberá que  prantexar, por exemplo, os problemas éticos e políticos que preocupan ao mundo enteiro, coa crenza de que talvez  a Galiza, se non se deixa  levar polo enorme peso do pensamento único (en calqueira das dúas variedades –destra e sinistra- en que se manifesta),  poda arroxar algunha luz neses eidos que tanta falta teñen dela.

Voltar a Alicerces Nacionalistas