PENSIÓNS
¿Non é paveiro que nestes momentos en que se está facendo presión por todos os lados para que disminúan as pensións (e para que desaparezan as mais delas, que diso se trata), invocando as forzas do mercado, os problemas demográficos, etc., os poderosos deste mundo (entre os que hai que contar os grandes “políticos” da reforma social) estén acumulando para eles propios unhas pensións que, repartidas, daban para que case todo o mundo tivese unha pensión adecuada. Este é un dos moitos exemplos da governanza pésima e da inmensa inxusticia da nova orden que se está criando na sociedade e que ninguén parece ver; ou mellor será dicer que ninguén quer descobrir, porque os que poderían atender un pouco mais e descobrir a situación “feudal” que se está impondo figuran entre os que se benefician ou contan con beneficiárense desa fartura para algúns e miseria para outros.
Observar e analisar como viven os políticos daría unha indicación excelente de como funcionan os governos e do que queren de verdade por debaixo dos contos que contan. A vida opulenta e distante que levan non é compatíbel có que din, nen con esa sinxeleza que aparentan en televisión. E para correxir esas incompatibilidades, o mellor sería obrigar a cada político a que faga o que predica e a que sexa o primeiro en practicar a doutrina que espalle. Por exemplo, se un governo cré que hai que baixar as pensións, que baixe inmediatamente as pensións dos que integran ese governo. Debía ser parte esencial da carreira política que os que se dedican a ela teñan que utilizar os servizos públicos: transporte, sanidade, etc. E cando se decide ir á guerra ou apoiala, que os políticos sexan os primeiros que vaian a ela. O que din os líderes políticos para correren a meterse nos “bunkers” é que eles son indispensábeis para o país, pero compre lembrar que son eles mesmos os que predican que ninguén é indispensábel, cando queren que haxa despidos. Dirán tamén, cando se escondan para non teren que pagar as consecuencias do que fan, que eles teñen que se protexeren por patriotismo, para que o país non quede orfo e sen dirección, argumento que revela até que ponto no novo mundo hai unha lei para as elites e outra para os demais. O novo autoritarismo merece análise fondo, e sobretudo merece que non se crea nel porque esté disfrazado de democracia.