Ampliouse a Unión Europea. Un paso máis á frente na imposición dun proxecto amañado no cumio das clases políticas e apresentado como se fose a marcha inexorábel da historia, imparábel  e indiscutíbel. Ao servizo desa  apresentación está o enorme aparello dos medios e as técnicas da publicidade, que chega a todas partes, desde os anuncios de xornal até as leccións universitarias e os programas de música sinfónica.  Ou sexa, os instrumentos cós que, según nos din para outros proxectos, se cria o pensamento único.  O que sorprende é que este pensamento único non sexa criticado pola esquerda de hoxe, e até lle agrade. Seique lle parece menos imperial que o outro do que tanto e con tanta monotonía se queixa. Haberá algunha razón fonda para que así sexa, ou será que moitos se deixaron engaiolar por unha retórica que disfarza de progresismo e pacifismo o uniformismo intelectual e político?  É dicer, o que sempre se chamou totalitarismo.

 

          Sempre se dixo que a xenialidade de Jean Monnet, o pai e inspirador desa Europa Unida,  estivera en ir criando realidades económicas de base, que irían xerando institucións políticas cada vez máis supraestatais. Así poido parecer durante algún tempo, aínda que houbese quen achaba sospeitoso que esas realidades foran as da grande industria e non as dos povos ou, cando menos, os sindicatos.  Como quera que fose, non sucesivos cumios e tratados con nomes de cidades europeas (Mastrique, Niza, etc.) foise armando cada vez máis unha Europa feita “por riba”, na que contan sobre todo os intereses estratéxicos e de poder  dos estados tradicionais. E iso non concorda có  que foi apresentado como se fose  o resultado dun exame de conciencia dos europeos arrependidos de violencias e guerras.

          A verdade é que á lóxica dese proxecto é a do tamaño e a forza. Por iso deberíalles agradar aos que lles agrada a unificación dos Reis Católicos. Para os nacionalistas galegos sería aconsellábel a desconfianza.

 

          Os feitos hai que aceptalos. Galiza terá que moverse nesta realidade que agora lle crían, como antes lle criaron outras. Pero daí a loubala e crer que estamos dispensados de pensar noutros futuros vai moita diferencia. Toda a que hai entre o verdadeiro pensamento e o pensamento único.

                                                               [Boletín do Grupo de Traballo Galego de Londres, cuarta época, número 3]

=====================================

[O Grupo de Traballo Galego xa amosara escepticismo a respeito do federalismo europeo no número de xulio de 1980 do seu Boletín (epo2no5.htm)]

                                                            Voltar