Patrioteirismo constitucional

 

Anda  polos medios de comunicación e as declaracións públicas o conceito de patriotismo constitucional.  Parece que ese patriotismo vai ser  panacea  que virá curar os males do Estado español e que ten a ventaxa de sustituir ao patriotismo sen mais, que soa a vellotería superada e, ademáis, podería ser invocado por comunidades das que se desconfía. 

 

Por ese  camiño críase un dogma que, como todos ou cuase todos, é incompatíbel coa democracia e a liberdade. A Constitución é un instrumento da democracia, non un dogma revelado que sirva para abafar o debate. As constitucións fanse para ser modificadas, e até por iso hai que serlles leais mentras non se modifiquen. Pensar que non se poden mudar é fundamentalismo.

 

É característica dos fundamentalismos  e os integrismos ir levando o inalterábel ou sagrado a niveis cada vez máis concretos, e decretar o que hai que comer, o que hai que ler e o que hai que pensar.   Resultaría agora que hai un dogma de cómo arranxar ou dispor unha realidade política. Pero esas cousas teñen que estar no nivel do discutíbel nunha democracia.  Debatir, concertar e cumplir o concertado é o camiño do progreso.

 

A Constitución non pode ser un sustituto da patria. Se non hai máis a que agarrarse que ese texto legal, por moito que se lle dé ás veces o pretencioso e inexacto nome de Carta Magna, vese que estamos diante dunha realidade artificial.  E tanto se acaba na “patriotada” có pintoresquismo tradicional como coa constitución sacralizada.

 

Voltar a Textos Varios