PASADO, PRESENTE E FUTURO

 

Unha nazón precisa coñecer o pasado, entender o presente e imaxinar o futuro.

 

Na Galiza o pasado nen é grato nen está doado de coñecer. Empezando xa porque a España unificada coñece mal a sua propria historia, non quer entender nada que a suscetibilice e ofenda, e prefire contarse contos que a conforten ainda que a equivoquen. E como a Galiza forma parte desa España unificada dende hai tanto tempo, non poderá entender o seu pasado até que empregue tuda a enerxía e dilixencia en interpretalo con rigor, sen deixarse levar polo adoutrinamento e a tendenciosidade con que se contou a formación desa España  constrinxida.

 

Para viver o presente con xeito hai que saber como foi o pasado  e abrir un futuro que non poderá ser nen como o pasado nen como o presente. É dicer, que terá que ser novo. Para que haxa evolución e adianto hai que imaxinar e até soñar o futuro, hai que construir un ideal, e non confundir esa construción do ideal coas imaxes deslavadas e vangloriosas do fantasmeiro que quer un presente mais cómodo para si e busca conforto en fanfurriñas e faramallas.

 

Cando hai imaxinación do futuro e construción dun ideal, ese ideal pódese ir confrontando coa realidade. Cando non se constrúe un ideal e non se soña có que se fará no futuro, desbótanse os criterios e no canto deles actúan os automatismos herdados dunha historia ingrata e mal coñecida.

 

                                                                                                Voltar a Alicerces Nacionalistas