Orixinalidade e criatividade

 Poderase prescindir de moitas cousas no galeguismo, pero cando menos haberá que crer na singularidade e na criatividade da Galiza. Din algúns que iso é unha forma de esencialismo e que o esencialismo é reaccionario. O fundamental sería, según eses desprezadores do esencialismo, ter un programa de futuro, unha imaxinación do porvir, que sería máis progresista. Pero nen o esencialismo leva a ningures se non se fai nada por desenvolver as esencias, nen o futurismo tampouco sen recoñecer dende o comezo que hai algo que desenvolver, un xermolo que ven da historia, pero non só da historia.

 

A Galiza ten unha personalidade moi orixinal que aínda non se desenvolveu. Albíscase esa orixinalidade por montes e fontes, aínda que polo de agora estexa latente e sen realizar.

 

Non é doado manter ese lume nas condicións históricas da península ibérica. O sorprendente é que non se teña apagado. Non veñen os atrancos só da história remota, senón tamén da mais próxima. Non hai que enganarse: a autonomía outorgada polo Estatuto de 1978, que algúns pensaron que fomentaría aquela criatividade orixinal, trouxo unha españolización social, pisocolóxica e lingüística moi forte.

 

A única maneira de que todo iso non sexa un proceso irresistíbel (e cuase nada é irresistíbel na historia) é defrontalo sen medo e admitindo os feitos sociais e psicolóxicos tais como son e non como quixéramos que fosen. A orixinalidade hai que cultivala para que dé en algo que valga a pena. E para cultivala haberá primeiro que tirarlle as máscaras que van camiño de acañala para sempre.

                                                                                [Boletín do Grupo de Traballo Galego de Londres, cuarta época, número 2]

 

Voltar a Alicerces Nacionalistas