OLIGARQUÍAS
Din os políticos dos países desenvolvidos que hai que desfacer
o pouquiño que se conseguira de seguridade e benestar social porque iso non
deixa ser “competitivo” abondo. Mas as empresas de inversión extranxeira
dinlles aos que traballan barato na
China que,
como se atrevan a pedir mellores condicións, o
capital vaise para outro lugar onde os traballadores se conformen có que lles
manden. E iso será o que suceda nos países todos do mundo
como se consinta que se siga
impondo esa ideoloxía.
A falta de emprego, que
cada vez será mais grande, a precariedade, as condicións pésimas de traballo e
o deterioro e abandono da seguridade social deféndense en nome da liberdade e
da competitividade. Mas os que deixan aos demais sen emprego e sen pensións, e mergullarán
ao mundo inteiro na miseria
como podan, non admiten a mínima
precariedade no deles e aseguránse posicións invulnerábeis, soldos magníficos
e pensións que daban para comer a todo un país. Se non pode
haber pensións, que empecen por non telas os
políticos que se prestan a impor ese sistema, e se non pode haber emprego para
todos, que eles traballen gratis ou que disfruten do ocio. O que non pode ser
é que haxa
unha lei para os mais e outra para os menos. Os que
impoñen esa ideoloxía da inxusticia queren o despido fácil, pero eles, por mal
que fagan o traballo e por moita miseria que causen no mundo, seguen
acumulando cartos, poder e premios. Din que o proteccionismo é
inadmisíbel, pero toda protección parécelles pouca cando se trata de eles
propios e de fomentar a oligarquía dos ricos.
Os políticos debían
pensar que non da certo falar de democracia cando o que se está criando é unha
das oligarquías mais fortes que houbo nunca no mundo, e que, cedo ou tarde,
pasarán á historia có desprestixio que merecen.
Voltar ao boletin en
curso