OS NOVOS EMIGRANTES
Talvez esta emigración de agora, moita dela de xente nova e con estudos, valga para revisar as ideas e os sentimentos da sociedade galega con respeito aos emigrantes. A emigración a América dos dous
pasados séculos, a de Europa de metade do século pasado e a de hoxe son distintas
nalgunhas cousas, pero ainda así despertan nos que non emigran reaccións e fantasías
moi semellantes que convén analisar.
Na emigración de América
marchábase para mudar radicalmente de vida e sair da pobreza física e mental. Esa pobreza non sempre era económica, senon de falta de hourizontes e oportunidades. O emigrante a América podía volver rico, pobre (tanto ou mais que cando marchara) ou non volver. Trunfo ou fracaso. Os riscos eran inmensos e os posíbeis trunfos considerábeis.
O emigrante a Europa dos anos sesenta e setenta marchaba en xeral
nada mais que a mellorar un pouquiño, a aforrar algúns cartiños en países nos que era difícil ou imposíbel integrarse por culpa do idioma e de que non eran países de inmigración nos que as cousas estaban por facer ainda, como eran en parte os de América. Esa foi a emigración
odiada polos galeguistas e os nacionalistas galegos. Eses emigrantes foron considerados “traidores” e a
emigración unha “sangría”. Daba vergoña porque era de pobres e incultos.
Deses emigrantes se esperaba que volveran e calaran (e que mandaran cartos). Axiña que voltaban tiñan que esquecer aquel pasado fóra do país e asegurar aos que quedaran dentro de que fóra non viran cousa mellor nen
aprenderan nada que valera a pena. O estado español empezaba a colocarse
daquela entre os “ricos”, e non se podía tolerar que os extranxeiros tivesen algo que non tiñan eles. Os galegos empezaron naqueles anos a reaccionar igual que os demais habitantes do estado español, españolizáronse mais que nunca e aborreceron todo o extranxeiro, que era a consigna que se inculcaba desde Madrid.
Os galeguistas e nacionalistas galegos falaron arreo da sangría que supuña a emigración. E compre perguntar en qué consistía esa sangría. Os que marchaban non podían ter feito nada que valera a pena na Galiza se quedaran, porque non tiñan oportunidades para facelo. O que querían, fose traballo, estudos, oportunidades para mellorar ou independencia e mellor trato, non podían encontralo na Galiza porque non o había. En vez de chorar tanto pola falsa sangría, o amor a Galiza tería que haber levado a querer aproveitar o que os que marcharan, viran mundo e aprenderan, tiñan que oferecer ao país, en vez de abafalos axiña que volvían, esquecelos e acalalos para que non dixeran nada distinto do que tan enraigañado estaba na mentalidade cultivada durante séculos polo estado español.
E agora séguese falando da “sangría” dos mozos e mozas que marchan. E aquí é onde se pode ver claramente o patriarcalismo esmagador que está no fondo das queixas da emigración. Disque a sangría está agora en que eses mozos e mozas con estudos (e “que tantos cartos e preocupacións costaron aos pais”) marchan a outro país “a gañar catro veces mais” según din, porque está na tradición mental que a única razón para emigrar ten que ser a cobiza e
a facilidade de facer cartos. Según esa mentalidade os que se van poderían facer dentro o mesmo que fan cando marchan fóra.
¿Onde poderán gañar catro veces mais eses mozos e mozas que andan empregados nas tendas de Londres e de outras capitais de Europa, para aprender o idioma que coidaban que sabían e que descobriron axiña que non sabían, que era moito mais difícil do que pensaban e que sen iso non podían facer nada, para empezar? ¿Pensan as autoridades familiares, políticas e sociais da Galiza que no resto de Europa debecen por conseguir licenciados das universidades do estado español? Eses licenciados tentarán facer como moito algún Máster, e os mais deles terán que traballar no que sexa, se encontran ónde, para pagar eses estudos que fan coa esperanza de que lles abra algunha oportunidade. E se algúns deciden quedar fóra, será porque encontraron un estímulo, un trato e unha forma de viver e de entender a vida mais alentadora e independente. Iso é o que non hai na Galiza e o que habería que fomentar. A falta de estímulo e de alento ao potencial de cadaquén, e o feito de que hai que estudar o que mandan e traballar no que mandan e non no que a ún lle chama, é o motivo principal da emigración, da de antes e da de agora. E iso ven de que a familia galega e a sociedade galega non queren alentar potenciais porque, no sistema patriarco-matriarcal que impera na Galiza, para manter o control e a xerarquía o potencial non se alenta, senon que se esmaga.
O desemprego non debía ser tolerado en nengunha sociedade, e para non telo hai que estar prestes a analisar as causas e a loitar contra todo o que poda producilo. O nacionalismo tiña que centrarse no problema do desemprego. Centrarse na
emigración só é útil para analisar as reaccións e fantasías que desperta e entender que esas reaccións, mais que o feito que as provoca, son síntomas da doenza
do país.
Voltar a Diáspora