A NECESIDADE DA POLÍTICA
Non podia ser que a Galiza, encaixada ben que mal no Estado español, na Unión Europea, e nun mundo cada vez máis homoxeneizado na aparencia, escapase ás graves doenzas que enfeitan a vida política en todos eses confins. E bon sería que poidese escapar, porque está viva aínda a esperanza de que o noso país achegue novidades valiosas ao mundo e a cantos no mundo estamos.
Dise que a política perdeu creto, e abofellas que da nos ollos que iso é certo. O que así se perde é a esperanza de darlle á sociedade e á historia un motor diferente do neocapitalismo depredador.
A política é unha nobre criación do espírito, si se entende como campo de enfrentamento e debate de visións diferentes da vida social. A súa tarefa é conciliar esas distintas visións e as variadas aspiracións dos intereses e das clases de maneira que, sen abafar nen suprimir pola violencia nengunha delas, se chegue a unha síntese que permita a vida en común. O poder político lexitímase por encarnar e aplicar esa síntese, e non pode ter outra lexitimación se non queremos perder o progreso definido por unha brillante tradición de pensamento libertador.
Sempre aspiraron os económicamente fortes a rebaixar ou destruir a política. E cando os económicamente débiles chegan ao poder, fan da súa precariedade alavanca para esa mesma destrución.
Arma favorita da contrapolítica é a propaganda da eficacia administrativa. Non importa que o gato sexa branco ou preto se caza os ratos. Así vaise reducindo a política a unha loita por conseguir o poder e perpetuarse nel: por ser o gato que máis caza ou, millor aínda, o único que caza ou aquel que se queda có maior quiñón da caza dos demáis.
Nada ten de raro, nesas circunstancias, que a maior preocupación dos políticos gobernantes sexa a súa permanencia no poder. A ese fin adícan, sin gardar proporción nengunha, o seu tempo e as súas faculdades. O que se chama “politizar” é utilizar para ese fin todas as cuestións que sen trégola se prantexan na sociedade. Perante eses problemas, os que se din administradores dos bens comúns, reaxen como clase, a “clase política”, que, como as demáis clases, defende por riba de todo os seus intereses parciais. E para iso, para subsistir, ten que servir aos intereses económicos máis fortes.
Ao eleitorado habería que ofrecerlle, na democracia real, diferentes opcións, diferentes xeitos de configurar a vida en común. Pero na perspectiva dos intereses da clase política, ninguen ousa facer iso.
O pior é que esa ausencia de lideranza intelectual e moral revirte na sociedade, que se vai facendo máis apática e máis propicia a ser manexada por un sistema económico que convirte o cidadán en consumidor.
Se a Galiza quer sair dese círculo vizoso terá que prantexarse moi a fondo o que quer ser como sociedade diferenciada. E cáles son os instrumentos políticos para conseguilo. Terá que pensar en cómo desfacerse dos atrancos que lle cria un mundo no que pouco ou nada conta. A tarefa é ben difícil, pero tal vez pague a pena comezar por recuperar a política no seu nobre sentido, que é o que de verdade da esa eficacia da que nos falan con engano interesado. E ollar en redor para comprobar como a administración sen política devala en politicaría.