NACIONALISMO E PENSAMENTO

 

Hai que ter moi presente que o cambio de cór política da Xunta de Galicia se da nun marco que non é o mellor para o país. Non podía ser de outro xeito, porque a política ten os seus tempos e os seus ritmos. Pero o perigo está en que se subordinen a eses ritmos as tarefas do pensamento e a atención ás correntes sociais mais fondas. O país muda sempre mais que os governos, e adiántase nas suas demandas ao que os governos poden oferecer. Bon exemplo foi o da práctica desaparición da sociedade rural tradicional e a sustitución por unha sociedade urbá que non tivo refrexo nas políticas concretas, que nen influiron nese proceso nen lle deron canle. Mais grave ainda é que tampouco atopara refrexo esa mudanza no pensamento e no ideario do nacionalismo. Os nacionalismos teñen que estar sempre atentos á evolución da nazón. Non pode ser que tanto lle teñan uns cambios como outros. O medo a ser acusado de esencialismo non xustifica que se deixe o curso dos acontecementos ao que parece azar pero non o é, senon que é resultado de decisións para as que o país non é consultado.

 Todo iso non é exclusivo da Galiza. É un problema político agudizado no mundo de hoxe en todos os países, que atinxe a conceitos fundamentais da teoría política. 

Ante o perigo de deixarnos levar, o nacionalismo ten que ousar acudir a pensamentos, ás veces tradicionais, pero que están afastados do debate por intereses de minorías poderosas. Poden ser o do ben común ou a das virtudes políticas, por exemplo. Coa independencia mental que lle ven da sua aparente marxinalidade, o nacionalismo galego tería que ser capaz de artellar pensamento político talvez impopular nas aulas e nos medios, pero necesario e útil non só para o noso país, senon para o mundo.

 Esa sería a maneira de contrarrestar o pensamento único, que non se impón polo que ten de pensamento, senon pola forza material que o fai único.

 

 Voltar a Alicerces Nacionalistas