Galicia nun mundo de diásporas

 

 

Fernando Perez-Barreiro Nolla

 

[Artigo publicado no número 5 (Xulio-Decembro 2002) de Tempo Exterior, revista de análise e estudos internacionais do IGADI, Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional]

 

 

A sociedade internacional

 

Por baixo das formas politicas do  mundo internacional de hoxe, que tanto atrain a atención dos estudosos das relacións internacionais, na procura dunha determinación conceptual de realidades como as da existencia dunha hiperpotencia única, o carácter “imperial” desta, ou a ideia mesma dunha comunidade internacional e a adecuación das Nacións Unidas como encarnación desa comunidade, asuntos todos que merecen sen dúbida o tempo e o pensamento que se lles dedica, estase desenvolvendo unha vaga de realidades sociais internacionais que reclaman atención.

 

Esas vagas de fondo poden ser decisivas para o futuro. Pescudar nelas pode levar dun nivel talvez determinado de mais polas formas e as fluctuacións rápidas a outro mais sustancial e mais lento –dentro da aceleración xeral da historia contemporánea—no que se encontren as sementes do futuro.

 

A relación, tan matizada como se queira, entre sociedade e política no decurso da historia é ben coñezida, sobre todo na dinámica interna dos grupos humáns, e algo menos na das relacións internacionais.

 

Descuídase ás veces a socioloxía internacional, e tamén a psicoloxía internacional. Pero na atenta observación da realidade desas esferas encóntranse os alicerces de moitos fenómenos políticos, e, por eso mesmo, tamén moitos resortes que se poden empregar para influir e configurar o que ocorre nas camadas “superiores” do mundo internacional.  Hai unha letra pequena da historia e da política, moi importante. Se a veces parece que é o ir e vir de tratados e diplomacia o que leva a rastras esa outra internacionalidade das relacións sociais e até personais, non é sempre así. A realidade é complexa e a relación causal entre eses dous aspectos non é fácil de captar nin de entender. Pero hai vagas de fondo que limitan e condicionan o decorrer da vida internacional, e oferecen un campo de actividade a unha política que exixe paciencia e tempo para que se podan ver os seus resultados.

 

As análises e as actividades nesa esfera teñén que ir alén do que viría a ser o equivalente da sociedade civil no interior dos estados. A sociedade civil internacional oferece protagonistas como as ONG, por unha banda, e as empresas transnacionais, pola outra, que ocupan o primeiro plano e que encobren relacións mais profundas, menos aparentes  e tamén menos accesibeis ao enganche institucional.

 

As diásporas

 

As diásporas non son un fenómeno novo, pero están pasando a ser unha característica dos nosos tempos. Están deixando de ser una cuestión marxinal e anecdótica e pasando a constituir un elemento estructural importante do mundo. O mundo é cada vez mais, parécenos, un mundo de diásporas. Este número de Tempo Exterior ilustra en parte esta afirmación.

 

A saída de persoas dun territorio en que estiveran asentados os seus antergos e o estabelecimento noutro territorio, de cultura alleia ou de soberanía política diferente, no que refán as súas vidas por unha e mais xeracións non é un fenómeno novo. Ten modalidades varias. Non chega  a asumir dimensión colectiva e histórica nada mais que cando ocurre en cantidades relativamente grandes, sobre todo en comparanza coa poboación da sociedade de saída.

 

Se o territorio de saída e o de chegada son da mesma cultura, o que non ten por que suceder aínda que estén nun mesmo país ou sociedade política, non se fala de diáspora. Tampouco cando o emigrante ou os seus descedentes perden toda conciencia de vencellamento á comunidade orixinaria.  Manter unha conciencia de orixe común e de diferencia coa sociedade de acollida, que non sempre impide un bon grao de participación política, social e económica nesta, parece trazo esencial da diáspora. Cabe unha gama moi variada a ese respeito, e cada diáspora e diferente das demais.

 

O prototipo das diásporas e a do pobo xudeu: pola súa persistencia ao longo dos séculos, pola súa riqueza psicolóxica, polo laboratorio de experiencias, felices e infelices, tráxicas e fecundas que nos oferece, polas funcións da relixión, a estirpe e a terra como nexos unificadores, pola potenciación do valor da diferenciación, e por moitos mais motivos. A ela haberá que referirse unha e outra vez en toda reflexión sobre as diáspora, a súa natureza e o seu peso no mundo de hoxe. Moi diversas leccións poden aprenderse nesa milenaria experiencia, e neste número de Tempo Exterior dedícanse páxinas a unha traxedia en curso criada por algúns prantexamentos do predominio do factor territorial no discurso das diásporas e a maneira en que se inxire na constelación de forzas do mundo internacional. Ë forte o contraste desa situación coa orixinalidade criadora do pobo xudeu na diáspora, o que, precisamente pola condición diásporica, aportou ao pensamento occidental, e tamén, moi sinaladamente, ao internacionalismo, o alto precio que pagou por iso, e a tensión, cada vez maior, ainda que non sempre moi visible, entre diáspora e Estado.



Estamos vendo una intensificación das diásporas. Poderíase falar dunha “normalización” das diásporas.  Certamente, non compre chamar diáspora a todo dislocamento de poboación.  Hai unha modalidade que ven do desenvolvimento tecnolóxico e da aceleración das comunicacións materiais e informativas.  Pero tamén hai a impulsada polo desequilibrio da distribución da riqueza, que leva ao abandono da sociedade de orixe na procura de millores condicións de vida, ou simplemente, fuxindo da fame. Hai que forzar a terminoloxía clásica de “asilo” e de “refuxio” para aplicala a este fenómeno. Pero no fondo o que ten de novo é mais cuantitativo que cualitativo. A motivación destes desplazados non é tan diferente da que levou a moitos europeos ás nacións independentes do Novo Mundo. Algúns emigrantes galegos non eran moito menos pobres que os que agora chegan da Europa do Leste ou do Norte da África. Son mais visibeis
como fenómeno colectivo pola súa cantidade, pero tamén polo reforzo mediático cuase instantáneo que receben. Outra grande diferencia é que chegan a países maduros que teñen o natural egoísmo da maturidade, e crían por iso receios que non se daban en tal medida nos países mais novos, nos que o emigrante entraba a colaborar nun traballo de criación nacional, seguramente moi duro, pero de perspectivas abertas.

 

A visibilidade do problema dos ‘refuxiados’ nestes días non ten por que influir demais na reflexión que aquí estamos a facer sobre as diásporas. A diáspora fórmase nun proceso de tempo histórico mais longo, ainda que descontemos a aceleración de todos os procesos históricos que é característica deste século e do século pasado. Pensamos que a consideración das diásporas maduras poder ser útil para defrontar de maneira práctica os problemas dos refuxiados, pero compre ter presente que aínda non se constituiron en diáspora, nen sabemos a forma que acabarán por ter cando se perfile a súa relación coas

culturas de orixen.

 

Galicia:  da emigración á diáspora

 

Galicia ten fora do seu territorio oficial unha boa parte da su poboazón, Non sempre titular da cidadanía española, pero non por eso menos galega en moitos aspectos.  Ese foi o resultado do proceso que vense chamando de emigración, diverso nas formas, estructuras, motivacións e sortes, consoante coa diversidade de países, tempos e persoas. Podemos falar, logo, da emigración como causa e a diáspora como resultado. É consecuencia práctica desta distinción que, fosen as que fosen as orixens, existe agora unha diáspora galega que ten que entrar en xogo cando se cavila sobre a posición de Galicia no mundo como factor da natureza e o futuro do país galego.

 

A emigración tiña no comezo e conservou por moito tempo un componente de distancia física cuase insalvabel entre o emigrante e a sociedade que deixaba ás costas. Ocorría nun mundo vasto e ríxido. Esa rixidez contrasta coa estructura de comunicacións mais fluida de mundo de hoxe. Parece que estamos vendo un desvencellamento maior de home e a terra onde naceron e viviron os seus antergos. Non hai por que laiarse diso sen mais. Os homes non son plantas e a súa plenitude de desenvolvimento pode exixir que se movan en dimensións xeográficas e culturais mais amplas e libres.

 

Para quen crea no valor da diversidade e na importancia de criación cultural descentralizada, de que a persoa teña un fogar cultural más íntimo do que o mundo, pero poda apreciar e valerse das criación e os valores de outras culturas, a realidade das diásporas poder ser moi esperanzadora.

 

Un país con diáspora ten un capital que non pode destragar. Hai que entender que non é calquer país que expulsa ou deixa ir parte dos seus habitantes o que ten unha diáspora. Fai falta un elemento importante que é o do asentamento no exterior deses individuos trasladados, o estabelecimento de determinadas relacións coa sociedade e a cultura do país que os acolle, e a constitución dalgún xeito de comunidade dentro dele. Todo iso leva tempo. Non sabemos aínda cántos nin qué movimentos de poboación mais recentes virarán diáspora. Haberá quen pense que xa non é probabel que vaia pasar iso nas condicións actuais do mundo. Non convén apresarse a opinar nesa materia, que require atención e estudo. O certo é que cando existen xa as bases dunha diáspora e incluso un certo desenvolvemento histórico de características diaspóricas –como no caso de Galicia– o país débelle un favor á historia.

 

A diáspora, mesmo embriónica e talvez non moi consciente do seu potencial, contribue a internacionalizar o país de orixe. A conciencia da realidade do exterior e da necesidade de estar presente nun mundo de reciprocidade sempre foi conveniente e agora é imprescindible. Non é tarefa doada para moitos países e moitas comunidades, pero debería selo para Galicia. Rastrexando na conciencia da nosa comunidade, da nosa memoria persoal moitas veces, atopamos inúmeros exemplos da naturalidade con que se apresentaban usos, personas, e incluso trazos topográficos de países e cidades do continente americano. Por cartas, por contos de retornados, por pacotes enviados de alá. Incluso coÔecimento das moedas nacionais doutros países e do seu valor. Chama a atención o contraste incluso con algunhas outras comunidades da Península. A falta desa base de intercambio natural influe na visión do exterior, de America neste caso, das respectivas comunidades. Hai moito de interés que estudar aquí. É probable tamén que as xeracións galegas mais novas, un pouco mais alonxadas da emigración tradicional, amosen actitudes tinxidas de preconceitos proprios de outras comunidades da península, no seu imaxinario do exterior, e sobre todo da América Latina. Curioso exemplo de cómo a facilidade das comunicacións cuase instántaneas non sempre aumenta a comprensión. E revelación da urxencia de non deixar perder ventaxas da diáspora e dinamizar a conciencia colectiva do pobo nestes eidos.

 

Galicia, pola sua historia de emigración, ten que pensar na súa diáspora e facela obxeto dunha acción política meditada, persistente e de longo alcance.

 

Liñas de acción

 

·        Bilateralismo e reciprocidade.

·        Artellar espacios comúns de actuación sen privilexiar os internos.

·        Separar a recuperación do retorno.

·        Determinación de prioridades.

·        Eliminar a idea de culpablidade.

 

Bilateralismo e reciprocidade

 

Unha tradición de emigración deixa sempre un pouso lacrimoso na mentalidade do país que ve sair para fora parte dos seus habitantes. A experiencia do emigrante poder ser, e foi, tráxica en moitos aspectos. Esperanzada e satisfactoria noutros; non convén esquecelo. E non hai que esquecer tampouco que a traxedia xa estaba no país de orixen. Merece moito respeto e non é aquí o lugar para lembrala en mais pormenores. O que interesa mais para un proxecto de acción futura de Galicia  é o reverso, a impronta que deixa nos que quedan no país. Hai todo un mar que sondar na psicoloxía dos remanecentes. As actitudes a ese respecto teñen historia e foron mudando. Van moi vencelladas a mentalidades de autoridade familiar, a temores de perder esa autoridade coa distancia, ao reforzo da seguridade psicolóxica de quen quedou na casa. Pecharse a calquer admisión de que se poda estar ben lonxe do fogar é unha maneira de afirmarse. Todo iso cria atrancos ao enriquecimento da comunidade. Cando tanto se falou dos recursos perdidos coa emigración, habería agora que valorar o que se gañou a pesares deses atrancos, que ás veces exprésanse con sorna e retranca.

 

Haberá que refacer críticamente esa historia. Pero unha lección que se desprende xa é a de que hai que abandonar o paternalismo nas relacións coa diáspora. Sen esquecer o apoio que poida ser preciso en determinadas circunstancias, e que haberá que prestar como parte dos deberes do poder público como se de residentes se tratara, as relacións teÔen que establecerse en plano de igualdade, oferecendo ao tesmpo mesmo que se solicita. As relacións terán de ser recíprocas, e tanta actuación diásporica será a instalación en Galicia dun emprendimiento industrial con capital ou técnicas de galegos do exterior como semellantes emprendimentos no exterior con coñecimentos ou capital galego.

 

 

Artellar espacios comúns de actuación sen privilexiar os internos

 

É corolario do que antecede que o tecido de relacións recíprocas, que idealmente conformaría un continuum social enriquecido polas aportacións de ambos lados, bilaterais e multilaterais chegado o caso, precisa de materializarse en espacios comúns de actuación. Todo xénero de entidades e institucións, desde as de ámbito modesto até as de dimensións mais ambiciosas, irían dando corpo á diáspora. Desde as empresariais até as culturais serían vehículo incluso da presencia de Galicia nos escearios do mundo. Poderían comparecer sociedades comerciais, editoras ou orquestas da Galicia enteira, que iría sendo recoÔecida como realidade na que confluen correntes de moitos pontos do planeta. Non se trataría tanto de potenciar o interior con aportacións de fóra como de integrar o de dentro e o de fora nunha realidade superior, internacional e galega ao mesmo tempo.

 

Separar a recuperación do retorno

 

Na mesma lóxica, imponse a desaparición da idea de que a única manera de recuperar as enerxía do galego que non mora en Galicia sexa o seu retorno físico á terra.  A inoperancia de tal idea vese a pouco que se pense onde residen as ventaxas da diáspora. O que hai que aproveitar, dos dous lados, é a pluralidade espacial e social.  Sempre debería ter sido así, e así foi nos casos que poden servir de modelo, que non foron moitos até agora, pero hainos. Outra cousa sería equivalente a suprimir a diáspora e as sús ventaxas en nome dunha concepción intimista e até autista do que é Galicia.

 

Determinación de prioridades

 

A emigración ao continente americano, pola sua tradición e polo tempo que permitiu o madurecer da diáspora, apreséntase como un lugar privilexiado na orden de prioridades da política encamiñada a criar as condicións óptimas dunha diáspora fecunda.

 

As comunidades galegas en Europa son un caso diferente, pero teÔen que contar tamén nestes prantexamentos. Pasado xa o tempo da primeira emigración a eses países, rematada en moitos casos có retorno, a diferencia da latinoamericana, pódese estudar agora a intensidade e as formas de implantación dos galegos de segunda ou terceira xerazón, que serán decisivas para a formulación de actividades como as que parecen desexabeis.

 

O primeiro paso tería de ser un censo ou levantamento da poboazón diásporica. Trátase dun censo activo, que hai que diferenciar do simplemente electoral ou demográfico. Tería que indicar actividades concretas, grado de inserción na vida do país de acollida e, en xeral, potencial de aportacións á diáspora integrada.

 

Eliminar a idea de culpabilidade

 

O receio e a desconfianza cara a quen, vindo do mesmo pobo ou nación, mora con permanencia fora dela, dase adoito nos pobos diaspóricos e non podía faltar en Galicia. Convén porén purgar eses sentimentos que son un antranco para unha política sana e positiva de relacións entre o interior e a diáspora.

 

No pensamento galeguista da posguerra pesaron moito, verbo deste asunto, as opinións de Ramón Piñeiro na súa comunicación ao Primeiro Congreso da Emigración Galega, en 1956[1].

 

En varias pasaxes pouco felices e abondo negativas dese traballo fala Piñeiro da “deuda” dos emigrados có seu país. E dí:

 

Coa sua marcha a terras alleas debilitaron gravemente as enerxías sociais da terra nativa, favorecendo dese xeito o atraso económico, social, político e cultural en que vive. Este dano, material e profundo, debe ser reparado

 

E tamén:

 

Non será xusto, nin moito menos, afirmar que o feito de permaneceren fieles á espiritualidade de orixen abonda para cancelar a deuda moral que teñen có seu país. En rigor, o que verdadeiramente acadan con esa fidelidade é salvárense a sí mesmos frente ao perigo de seren asimilados por unha persoalidade allea.

 

Nen por un momento pasa pola cabeza do autor desas liñas que o país poda ter obrigas cós seus fillos emigrantes. O fasquío autoritario e unilateral dese pensamento, presente tamén nas pasaxes desa mesma comunicación en que se dictan tres “condicións obxetivas” que “xustifican” ao emigrante ( e quen fan pensar nunha situación orwelliana na que o que quixera ou tivera que asentarse no exterior precisaría dun certificado xustificativo emitido polas autoridades), non conducen certamente a unha acción de incorporación positiva da diáspora.

 

Non é este o lugar de facer unha crítica das ideas piñeiriás sobre a emigración, que nos parecen erradas, autoritarias e inxustas, pero sí hai que ter moi presente que influiron na mentalidade do país e que hai que precaverse contra a influencia que puderan ter á hora de actuar nestes eidos. Os calificativos que acabamos de atribuirlles éranlles aplicables xa no tempo en que se formularon e sonno ainda mais hoxe, diante dunha realidade diaspórica moito mais lábil que a realidade emigratoria daquela.

Sería un erro fatal irlles falar, con esa recámara ideolóxica, aos que se quere integrar con paridade nas  tarefas comúns do noso pobo.

 

Conclusión

 

O mundo internacional vive un formento de novas formas de organización  e, con certeza, xurden novos protagonistas. Non sería estrano que aparecese unha especie de medievalismo tecnoloxizado, se queremos remitirnos a modelos históricos anteriores á era dos non moi ben chamados estados nacionais.

 

Nese panorama, Galicia ten que procurar o seu lugar e utilizar os recursos que ten. Un deles, que por propio pendor natural préstase a esa utilización, é o de contar coas bases dunha comunidade diaspórica. Val a pena dedicarlle atención, estudo e esforzo á tarefa de desenvolvela.

 

 

 

Voltar a Diásporas



[1] Pódese consultar o texto completo en Ramón Piñeiro, Olladas no futuro, Galaxia, Vigo, 1974, páxinas 83 – 94.