NON HAI QUE SEGUIR UN MODELO; HAI QUE FACELO
Iso de andar sempre buscando para a Galiza un “modelo” que seguir, sexa o de Irlanda ou calquer outro, indica pasividade, desorientación e crencia nos milagres. Os “modelos” non aparecen por casualidade nen caen do ceo. Son resultado de actitudes coherentes e dunha vontade de cultivar as cualidades ou características que una sociedade decide ter para conseguir algo que valga a pena, e non poden xurdir cando o que se deixa que impere son actitudes incoherentes, egoístas e intereseiras.
Para que un país progrese non só ten que haber personas intelixentes e emprendedoras, senon que esas personas teñen que contar có apoio da sociedade. Sen ese apoio, de pouco ou de nada valerán a intelixencia e o espírito emprendedor de quen os teña, porque a sociedade permitirá que se aproveiten outros e non eles. Con iso sae perdendo a propia sociedade, porque se apropiarán dela os que menos valen. E diso non faltan exemplos na Galiza.
Os modelos hai que facelos, e cada país ten que facer o seu. Toda sociedade ten que decidir cáles son as cualidades que quer fomentar para facer o seu propio modelo. E ten que decidilo sabendo que, se non se propón cultivar con coherencia e constancia cualidades determinadas, nengunha cualidade poderá sobreviver colectivamente, porque non terá forza para defenderse e menos ainda para imporse. A persona que actúe con cortesía, ou con xenerosidade, ou con valentía, leva as de perder nunha sociedade que non cultive a boa educación, a xentileza e a coraxe. Ese cultivo de determinadas cualidades, que son as que rematan nun “modelo”, faise en moitos países, nos mais adiantados. A Galiza anda niso ao tou, sen rumo e desorientada, e está a bravo porque nela non se cultiva nada. Sería práctico e interesante pensar qué cualidades debía cultivar a sociedade galega para ir facendo o seu propio modelo.