Chama a atención que en España non se debata nunca a cuestión da Unión Europea nen se desconfíe dela, e que se tome como se non puidese haber a mínima dúbida de que por aí van as cousas e teñen que ir, e que é o único camiño civilizado. En ningun outro país se acepta esa institución con esa fe e esa credulidade. Mais unha vez, como ven sucedendo desde hai moitos séculos, España queda isolada das correntes de pensamento europeu e mundial canto mais convencida está de ter toda a razón e de que son os demais os que están errados. Antes, esa fe absurda era “relixiosa”. Agora, o que debían ser ideas políticas viraron crencias “relixiosas”.
E tudo ven de non querer pensar nen actuar por conta propia e de preferir mergullarse en algo, o que sexa, que traiga o milagre e o paraíso. E tamén de non querer responsabilizarse do goberno do país e preferir ter a quen botarlle a culpa de todo o que non saia ben.
¿Qué pasará se un día a Unión Europea deixa de existir, como é bastante probábel que suceda? Pasará que os demais países terán recursos mentais e políticos para facer frente á nova realidade e entendela, e que España quedará, como sempre, frustrada, desanimada e sen entender o que pasou.
¿E Galiza? ¿E os nazonalistas galegos? ¿Cómo van facer para pensar na realidade do país desde o fondo e non desde o que xa ven feito por outros? ¿Cómo van explicar que, mais unha vez, deixaron e até promoveron que a Galiza actuase coa pasividade que sempre a relegou e que agora alguns até queren disfrazar de amor á paz?
En algúns países da
Unión Europea, os que teñen mais personalidade e tradición independente, a
desconfianza de UE ven de que non están moi dispostos a que outros manden neles e de que prefiren arranxar os asuntos
propios á sua maneira. En España, en cambio, parece que o único que atrae é
figurar e “quedar ben” e que o que menos interesa é responsabilizarse dos
asuntos políticos e da gobernanza do país. A España viríalle ben tomar conciencia
de que esa postura enraigañada por unha historia tan autoritaria como a que
tivo só pode levar ao desengano e a frustración do seu potencial. E a Galiza
tería que deixar de degoirar que a leven, a manexen e lle “dean” o que pide, e
aprender a responsabilizarse polos seus asuntos.