Historias mal contadas

 

Na Historia de España que se conta nos libros e se transmite por tradición oral faise a afrimación rotunda de que o imperio español foi superior moralmente aos demais imperios –sobretudo ao británico- porque os españois se mesturaron con outras razas. E esa sorprendente afirmación que tan escaso fundamento ten na realidade dos feitos valeu para afirmar tamén que os españois non son racistas e para non quedar de “imperialistas”. Hai varios equívocos nesa versión da Historia que se conta.

 

Os primeiros españois que chegaron ás Américas terían relacións sexuais coas e cós indíxenas, pero iso non quer dicer que os tratasen como iguais. De feito hai unha historia, case descoñecida na península pero minuciosamente rexistrada,  da escravitude a que se someteu primeiro aos indios e logo, cando os colonizadores non tiñan abondo quen traballase para eles, aos negros que se trouxeron da África. Formaba parte da lexislación en materia de escravos o direito dos amos a que os fillos de nai escrava nacesen escravos. Toda a gama de mestizos que xurdiu nesa colonización considerábase sen a mínima dúbida inferior aos “brancos”.

 

Na mente deses habitantes da península aos que se lles contou o conto da superioridade moral, os habitantes todos das Américas eran, e son aínda, “indios”, a pesar de que os criollos eran tan españois e brancos como os que non saíran de España e a pesar de que có correr do tempo moitos dos habitantes de outros países europeus marcharon a establecérense nas Américas. Eses “indios” levan seiscentos anos falando e escrebendo a língua castelana. Iso non quita para que o habitante da vella España coide en xeral que non saben falar ben e que calquer ignorante nacido en Castela fala mellor, ainda que o castelán que hoxe se fale na península sexa unha lingua minguada e tosca, e pareza unha traducción mal feita do inglés.

 

As versións propagandísticas da Historia enganan e crían sentimentos e reaccións erradas. Sen analizar e entender a Historia de España non será posíbel entender a Galiza nen imaxinar un futuro axeitado para ela.

 

 

 

                                                                                                                        Voltar a Alicerces Nacionalistas