O LIBRO GALEGO
Para potenciar Galiza e a língua galega é necesario potenciar a escrita e por conseguinte aos escritores en galego, pola riqueza para o futuro do país que representarán algúns deles. Unha maneira concreta de facelo sería criar unha entidade pública que se encarregase de manter un fondo continuo do que se escrebe en galego e á que se puidera acudir para atopar en calquer momento as obras que a cadaquén lle interesen ou descobrir as que quedan no silencio. É necesario facer isto ou algo semellante polas razóns seguintes:
As subvencións ás editoriais non poden ser abondo para potenciar o libro en galego. Ainda que o libro se publique, o problema está en que o tramo final, o último punto de venda, é a libraría. Non se lle pode exixir ao libreiro que exhiba o libro que non se vende. O libro en galego non pode competir có libro en castelán, porque ten moitos menos leitores, e entre os libros en galego acadarán somente visibilidade nas prateleiras os “vendíbeis”, é dicer, os que chaman a atención porque o autor xa é coñecido do público, moitas veces por razóns alleas ás literarias. Mais o que habería que ter moi claro é que non todo neste mundo pode rexerse por criterios comerciais. A cultura dun país é a sua maior riqueza. Esa riqueza hai que nutrila, animala e potenciala sabendo que non se fai nun día nen dous, e que o que hoxe pode parecer o máis interesante por responder á moda ou aos criterios do momento, non é forzosamente o que quedará e interesará mais adiante. Esta idea de futuro, e de que a gran obra de creación asenta máis nese futuro que no presente, é fundamental para saber o que compre defender e alentar nun país.
Antes, en moitos países había editoriais que funcionaban a nivel máis personal e menos comercializado que as multinacionais de agora e que respondían aos gostos e á vocación de quen as fundara. Esas editoras sabían que había unha cuestión de “descobrir” posíbeis grandes autores, e que iso exixía unha especie de “ollo clínico” , de chispa para adiviñar o potencial de futuro. Así se criaron as literaturas mais importantes de todos os países que teñen algunha. Hoxe, moitos dos grandes escritores que pasaron a integrar esa literatura universal non terían a mínima oportunidade de facer carreira literaria, porque as editoriais funcionan como supermercados e venden un “producto” que faga cartos inmediatos ainda que non dure. Por iso as librarias de cuase todos os países están cheas nestes momentos de obras mediocres e vulgares, que quedarán esquecidas moi axiña e non pasarán ao futuro.
Ocurre --e é lamentábel-- que, ao estar tan comercializada a literatura no mundo enteiro, non se poñen á venda nas librarías, e xa non digamos non supermercados, libros de poesía, de ensaio, de narración breve e de pensamento, porque non son “vendíbeis”. Por exemplo, non están nas librarías británicas os excelentes ensaios que se publican nos Estados Unidos en revistas e coleccións, e ainda para un escritor ben coñecido será moi difícil que lle publiquen narracións cortas. As multinacionais que publican libros non queren publicar mais que os que teñan asegurada unha venda grande e rápida, ainda que logo desaparezan eles e os autores, porque non valían nada. E o único que responde a ese criterio, que de feito mata a cultura, son novelas de fórmula, sen visión nen sustancia, que hai algúns anos nen sequera se terían considerado literatura, autobiografías falsas escritas por “negros”, vulgaridades sobre “celebridades”, argalladas, lerias e baralladas.
O que conta no xuízo sobre calquera país ou nazón, cando saímos da escuma do momento, é a sua aportación á riqueza cultural do mundo, ou sexa, a creación científica, artística e literaria. O cultivo do espíritu é mais duradoiro e ten mais efeitos a longo prazo nas sociedades que o alquime do comercialismo.
Esa entidade pública que habería que criar tería que funcionar apoiada por todos os partidos políticos, pero sen estar manexada por políticos. Podería estar vencellada a unha editora nacional galega, ou non, e a sua governanza tería que estar sempre en mans de persoas independentes con criterio, xuízo, sensibilidade e honradez, e talvez contar cun corpo de “custodios” que velasen pola sua integridade e independencia. Quen serían eses “custodios” e cómo se sustanciaría a sua responsabilidade pública é problema difícil, pero non ten por que ser insolúbel.
Esa entidade non debería estar encarregada só de exhibir os libros en galego, senon tamén de buscar os libros desaparecidos e de proporcionalos ao público, ou en fotocopia ou en edición dixital ou semellante.