Laicismo e confesionalidade

 

No laicismo que tanto se está proclamando adivíñase un trasfondo de mentalidade católica intolerante e impositiva. E na defensa e admiración da práctica relixiosa islámica, que tantas veces emparella con ese laicismo na política de hoxe, despunta a  nostalxia por unha relixión máis intolerante e fundamentalista, o que fai pensar nunha afeizón maior do que parece á relixión e unha preferencia polas relixións “fortesque dictan o que hai que facer.

 

Unha política laica consiste en manter separadas as institucións estatais das relixiosas e en non deixar que ningunha relixión utilice o sistema político para impor as súas crenzas. É cuestión de institucións, poderes e relacións entre Igrexa e Estado. As cuestións de conciencia non son obxeto de regulación xurídica. Nun Estado laico o crente terá seguramente problemas de conciencia graves, pero ten que resolvelos por sí, sen axudas nen atrancos das institucións, que poden ser alleas á súa condición de crente, pero non á súa condición de cidadán. O respeito ás crenzas de cada ún non siñifica que os poderes públicos teñan que prohibir a exposición de ideas ou imaxes que non sexan agradáveis para os crentes de algunha relixión.

 

Non hai moitos Estados laicos no mundo.  Un  Estado de militancia atea non é o mesmo que un Estado laico ou aconfesional. O Estado antirrelixioso crearía maiores dificuldades a quen profese algunha relixión, e na história ten chegado ao extremo de inducir ao martírio. O estado laico, en troques,  non pode estabelecer diferenzas entre crentes e non crentes á hora de contratar funcionarios, por exemplo.  Tratará ademáis, por sentido común, de non facerlles a vida demasiado difícil aos que pratiquen unha relixión, que son tamén cidadáns e teñen direito a unha vida pública normal, aínda que  sen darlles tampouco ventaxa ningunha cara ao resto dos cidadáns. É sabido que, na prática, terá tamén que resistir á presión eclesiástica en procura de favoritismos e poder.

 

Voltar a Textos Varios