LABOR DE FONDO OU FACHENDA
O nacionalismo galego terá que decidir nalgún momento o que quer para a Galiza e se de verdade cré nunha singularidade do país que hai que entender e potenciar, ou se quer que a Galiza sexa mais cada vez como o estado español quer que sexa
Potenciar a Galiza do presente e do futuro exixe pensar moito e moi a fondo, que é o que non se fai. Falta pensamento no nacionalismo galego e faltou sempre. Invocar a Castelao, que dixo o que se dicía nos seus tempos, non abonda para levar adiante ao país. E copiar o que fan os demais tampouco abonda. Non hai que esquecer que o nacionalismo galego está fondamente influido polo neogaleguismo que encabezou Ramón Piñeiro. Ese neogaleguismo nunca foi analizado nen depurado como debía e polo tanto as suas consecuencias e os seus efeitos (que son moitos) non se coñecen e están enraigañados no pensamento nacionalista, incluso no mais radical e de apariencia más antipiñeiriana.
Aquel neogaleguismo fomentou, por exemplo, o que se chamaba “prestixio” e que na realidade era esa fachenda tan característica da sociedade galega. Levaba un xermolo de motivación perniciosa, que torceu moito do significado do seu labor. Había a crenza de que sen o afán de “prestixio” non se movilizaría ningunha criación, nen colectiva nen individual. As consecuencias desa motivación foron funestas no colectivo e tamén na disposición, na actitude e nas expectativas dos que acudiron ao chamamento neogaleguista. Fomentouse o superficial e malbaratáronse aptitudes e potenciais que debían terse alentado e aproveitado.
Aquel fomento da superficialidade e da mostranza foi parte dun conto inventado para controlar e que ninguén pisase fóra do rego. Os resultados dese conto ainda están vivos e actuantes no nacionalismo galego. Peneirar e desenguedellar eses enfoques que actúan sen que se saiba é labor urxente e necesaria. Hai moito que pensar.
Voltar a Alicerces Nacionalistas