A nosa historia

Presentazón

Páxina de início

A nosa historia

Números anteriores

Alicerces nacionalistas

Diáspora

Europa

Eivas patriarcais

Textos varios

Ligazóns




 

O Grupo de Traballo Galego de Londres naceu en 1970. Comezou como un instrumento para comunicarse cós mestres das escolas galegas e facerlles chegar críticas e comentarios do que daquela era a nova Lei de Educación e, en xeral, animalos a cultivar o galego, incluso facilitándolles material escrito para prácticas na escola.

O Boletín preparábase en reunións nas que os integrantes do Grupo lanzaban ideas e aportacións á redacción dun ou dous textos de opinión e comentario, que saian logo sin asinar. Había, ademáis, algunhas noticias ou comentarios breves de actualidade. Insertábanse tamén, na primeira época, textos de leitura para uso nas escolas que quixeran aproveitalos.

O Boletín imprimíase en ciclostil nos primeiros tempos e despois nunha imprenta comercial, e mandábase por correo aos enderezos dunha lista que foi aumentando có tempo. Costeábano todos os que formaban o Grupo, sabendo moi ben que só dese xeito poderían decir o que eles pensaban que había que decir. Era, pois, anónimo, aínda que non propriamente clandestino. Dábamos un enderezo de contacto en Londres. Había bastante xente que sabía quen o facía.

Foi sorprendente a resposta que se consigueu. Moitos mestres e mestras escribían ao enderezo de contacto, e mantíñase diálogo con eles, recollendo no Boletín as suas opinións. Xosé Ramón Fernández-Oxea (Ben-Cho-Sei) escribeu desde Madrid, chamando "beneméritos ensinantes" aos redactores (ningún deles era mestre, por certo) e ata ofereceu unha aportación económica, que foi agradecida pero non admitida. Rodrigues Lapa interesouse inmediatamente e mantivo con Teresa Barro unha intensa correspondencia, que aparece en parte na correspondencia publicada do Profesor. Tamén da diáspora chegaron respostas animadoras.

A "loxística", tanto nesa etapa como nas seguintes, consistía en mandar os boletíns directamente por correo desde Londres, ou aproveitar ás veces as viaxes dalgúns membros do Grupo para mandalos desde outros países. Na segunda época, por exemplo, aproveitábase que un membro do Grupo (Xavier Toubes) pasaba entón algunhas tempadas en Sargadelos, recibía os feixes de boletíns e distribuíaos desde alí, para reducir o custo do franqueo.

Por encargo de Ramón Piñeiro, foi elaborado un Plan Pedagóxico Galego, asinado conxuntamente polos integrantes do Grupo, que se publicou en Grial e despoís en separata (1971), aínda que Piñeiro explicou por carta que non concordaba con algúns dos prantexamentos dese Plan.

Esa primeira época rematou a comezos de 1973.

Na segunda etapa (1979-1982) o tema xa non era o ensino, senón o momento histórico do país e a evolución do galeguismo. A intención seguía sendo decir cousas que se xulgaba que había que decir e que serían úteis, aproveitando a total independencia política do Grupo e o feito de estaren os seus integrantes fóra do país e sen dependencias sociais nin económicas de nada de dentro.


Nesa época máis "política" personáranse nalgunha reunión redactora representantes dos partidos políticos no exilio, e sinaladamente do PC. Explicóuselles a posición do Grupo e non volveron. Tense noticia de que, anos despois, un intelectual comunista galego calificou o Boletín de obra de "marcianos".

O Grupo propúxose ser, e parece que foi, un caso moi especial de reflexión política con auténtica independencia.

Os integrantes foron, na primeira época, Teresa Barro, Fernando Pérez-Barreiro Nolla, Manuel Fernández Gasalla, Xavier Toubes e Carlos Durán.

Na segunda época non quixo entrar Carlos Durán. Seguiron os de antes, máis Ricardo Palmás, que chegara da Arxentina en 1976, e Carmen Vázquez, a muller de Fernández Gasalla.

Estes mantiveron a sua actividade na breve terceira época de 1983-84.

Na data en que se reanuda a actividade do grupo de Traballo Galego neste novo medio informático, viven aínda, dos que o integraron na época anterior, Teresa Barro, Fernando Pérez-Barreiro Nolla, Xavier Toubes e Carmen Vázquez, e todos eles participan nas tarefas do Grupo

 

Voltar á páxina de inicio