SOCIEDADES HIPNOTIZADAS

 Disque no estado de hipnose a persoa non ve a realidade como é, senon como lle suxiren que a vexa ou como a queira ver. As técnicas de marketing que se usan hoxe nos meios de comunicación e na política teñen poder hipnotizador das sociedades e fanlles ver as cousas como non son. Este uso de técnicas de poder que anulan a vontade das persoas non é nada novo. O novo é que nestes momentos esas técnicas utilizánse en todo e para todo con anonimidade e sen que sexa posíbel responsabilizar a ninguén das consecuencias que teñen. Nas derradeiras décadas houbo un uso desas técnicas que cuase acabou con esa democracia que tanto invocan os que mais a destragan. Cando ninguén se responsabiliza de nada e cando todo empeza a suceder como se non puidera ser de outra maneira, temos autoritarismo e falta de liberdade. Canto mellor educada estexa unha sociedade mais se resistirá a ser hipnotizada, e cando pior educada estexa menos será a resistencia que opoña.

 A única maneira de loitar contra esa situación de manipulación total da vontade e do entendimiento é potenciar mediante a educación a calidade humana, que exixe independencia e coñecemento da realidade. Un sistema educativo que non ensine a ver, a entender e a enxuiciar a realidade non educa senon que esmaga, achaira e hipnotiza. O que se propoñen os sistemas que se chaman educativos e que en vez de educar inutilizan, non é abrir a mente, senon pechala para sempre; o que fan é anular a vontade para criar benmandados que non entendan onde están nen o que lles pasa, xentes sen peso nen sustancia que anden polo mundo e a vida sen enteirarse de nada e sen influir no que se fai. E haberá que pensar se será así como os galegos queremos que se viva na Galiza ou se máis queremos unha sociedade intelixente que non se deixe hipnotizar, entenda a realidade e aprenda a manexala sen evadila nen fantaseala.

Voltar a Alicerces Nacionalistas