O GOVERNO AMIGO

 

É lamentábel que se siga empregando no discurso político o conceito de “governo amigo”. É unha vergoña admitir e celebrar a vella eiva do sucursalismo e de que toda a virtualidade política dos líderes galegos asenta na sua capacidade de influir no único que parece que importa, que é o governo central. 

Revélase tamén nese conceito un mal entendemento radical do que son as autonomías, e xa non digamos o federalismo. En calquer estado federal, o que o governo federal mais teme e mais ten que respeitar é que nalgún membro da federación governe outro partido. Se Bavaria estivese governada polo partido de Schröder que governa en Berlín, o presidente bávaro, Stoiber, non tería nen metade da forza que ten. Está claro que non se poden defender os intereses dun país autónomo pedichoneando para todo ao governo central. Se houbese, como debía haber, unha cámara federal, algunhas desas autonomías estarían na oposición. E a oposición é fundamental na democracia.

 A actitude que se agacha detrás dese conceito do governo amigo era noxenta cando a utilizaba a direita, e ainda é mais noxenta cando a utiliza, implícita ou explícitamente, a esquerda. E compre non esquecer que o governo amigo hoxe é amigo dun dos socios da nova Xunta. Así estamos, como sempre, nunha situación de dependencia real disfrazada de autonomismo.

 

   Voltar a Alicerces Nacionalistas