DUAS GALIZAS DESPREZADAS POLOS GALEGOS

 

O que teñen en común a Galiza rural e a Galiza diaspórica é que foron sempre odiadas e desprezadas polos galegos urbáns. A Galiza rural por “aldeá” e impresentábel, e a diaspórica por ser de “pobres primeiro e depois por envexa.

 

Habería que analizar ese desprezo-odio polas duas Galizas mais interesantes, mais internacionais e seguramente mais galegas tamén.

 

A Galiza rural era internacional porque asemellábase ás sociedades rurais de todo o mundo e tiña, igual que teñen todas elas, características singulares e características universais. Un galego saído da aldea mais remota da Galiza estaba en condicións de entender calquer outro país e de aprender o que houbese que aprender, porque lle parecía natural que outros países e outras xentes fosen diferentes e quería enteirarse do que había no mundo. Un galego de cidade e vila aprendera, polo contrario, a pecharse interiormente contra o distinto e o extranxeiro, que era como o doutrinara a soberba oficial.

 

A sociedade galega virouse contra a Galiza rural porque tiña vergoña dela, e logo por riba os galeguistas e nacionalistas non a souberon apreciar porque non encaixaba no modelo que eles querían. E a sociedade galega virouse contra a Galiza diaspórica porque os que marchaban eran “pobres” e por riba non pensaban que os demais países eran inferiores. E os galeguistas e nacionalistas tamén botaron á Galiza diaspórica as culpas que lle apuñan á Galiza rural. A Galiza rural xa se conseguiu que desaparecese e a diaspórica preferíase que desaparecese tamén.

 

Compre facer algunhas perguntas:

 

¿Por qué os nacionalistas, que defendían a língua galega e mesmo querían impola como a língua da Galiza, non acudiron á Galiza rural, que era o único sitio onde ainda se falaba algo moi semellante ao que a língua galega fora nalgún momento e tiña que ser? ¿Sería porque o galego que falaban os aldeáns non o querían, porque non era fino, e o que querían era o castelán galeguizado que remataron por adoptar, non para ben da Galiza, senon para proveito deles?

 

¿Por qué  non formou parte esencial do galeguismo e do nacionalismo galego unha relación de reciprocidade coa diáspora e un orgullo lexítimo do que a diáspora fixera? A diáspora das Américas inventou e levou á práctica un excelente modelo de seguridade social e organizouse colectivamente cunha intelixencia e un bon senso que merecen admiración e non desprezo.

 

¿Por qué os galegos non saben apreciar o que teñen? Non saber apreciar o que val é unha doenza espiritual que impide a criatividade.

 

¿Por qué os galegos non diaspóricos quixeron sempre silenciar aos da diáspora?

 

 

Voltar a Alicerces Nacionalistas