Fantasmas de nación

 

A ilusión con que se apontan os habitantes de España a ideas e colectividades que lles parecen universais e nas que cren que se poden mergullar sen teren que facer mais nada, non é de agora. Ven de moitos séculos atrás, e conviña analizar onde poderán estar as raíces desa mentalidade ilusoria que levou tantas veces na historia ao fracaso e ao isolamento, e desa fé cega no destino ou na providencia que os leva a non loitar polos seus direitos e a coidar que abonda con agarrarse ao tren do momento para conseguir o trunfo e o respeito.

 

No entusiasmo que entrou por ser mais europeos que ninguén adivíñase un malestar por ser españois que habería que analizar. De todos os países da Unión Europea, España é o mais propicio a mudar a sua identidade e o mais interesado en facelo. E iso indica un forte problema de identidade e indica mais que nada que non hai sentimento de nación, por extrano que pareza.

 

A batalla do governo central contra dos nacionalismos semella ser, a primeira vista, unha batalla dun nacionalismo centralista contra nacionalismos descentralizadores e independentistas. Mais compre prantexar a cuestión de que talvez España non chegou a ser nunha unha verdadeira nación e por iso nunca actuou como tal. Se analisamos a  “razón de estado”  na diplomacia española dos séculos imperiais, veremos que moi poucas veces, case que nunca, foi “nacional” esa razón. O Estado e a sociedade estiveron ainda máis separados do que era habitual en outras monarquías desa época.  Non foron nunca os intereses dos povos asentados no territorio unificado desde o final do século XV os que xustificaron medidas ás veces durísimas, senon intereses dinásticos, da casa de Austria primeiro e da de Borbón despois. Así se malgastaron o ouro e a prata das Indias en empresas “europeas”, e se causou a miseria das rúas de Ferrol crecidas de herba que descrebeu George Borrow depois do desastre de Trafalgar. A monarquía unitaria nunca tivo política nacional. ¿Non será que non había máis que un fantasma de nación enxendrado nos soños dos ideólogos da defensa do catolicismo politizado, ou da política manipuladora da relixión?

 

Outros países da Unión Europea están nela por motivos puramente egoístas, materialistas e de supremacía política. Os “grandes”, que foron os que inventaron o “clube”, inventárono para segurarse unha situación de poder hexemónico repartido entre eles. Os pequenos entraron para conseguir algo do que necesitaban ou porque os outros non lles deixaron mais alternativa. España é o único país da Unión Europea que de verdade prefire ficar mergullada nun superestado e que outros decidan por ela. E iso ten que ser, ou porque nunca chegou a ser unha nación e prefire ser provincia dun imperio con capital lonxana, ou porque no fondo ainda predomine a pasividade que insire o catolicismo e prefira facer “o que Deus quera” e que a leven por onde queran os que Deus mande para esa tarefa.

                                                                     Voltar a Europa