ESENCIALISMO

 

Recean algúns galeguistas de que os podan acusar de “esencialismo”. O termo non ten boa imprensa, pero habería que ver se, por evitalo, non se está coutando unha vía de entedimento dos alicerces do nacionalismo. 

 

Seguro que a mala sona venlle ao termo de que nestas cuestións se pensa que leva ao racismo.  Pero o caso é que o racismo sempre correu a acobillarse a distintas doutrinas filosóficas ou relixiosas, e aproveitou calquer método para chegar ao que verdadeiramente lle importa, que é o suprematismo. Nen sequer lle importa moito que as diferencias nas que se apoia sexan “esenciais” ou accidentais, mentres as poida utilizar para o que quer, que é instituir a superioridade inata e indiscutível .

 

Compre andar con moito tino para recoñecer diferencias e non invocar o “respeito” polas diferencias para impor bantustáns ou  “reservas de nativos” . Pero iso non debe trabar o desenvolvimento das potencialidades que se poden atopar entre individuos e grupos e que son unha fonte indispensável de enriquecimento. En países como os da penísula ibérica, fortemente distorsionados pola neurose unitaria, é doado criar e cultivar un suprematismo baseado na unidade.  O medo a recoñecer que as diferencias son fontes de libertade pode abrir a porta á discriminación más perigosa, que é a de impor un dogma  e esmagar tudo o demáis.

 

Non hai por qué terlle medo ás esencias.  Os direitos humáns, por exemplo, non son nada se non responden a unha esencia. Mesmo quen pensa que o mais progresista é ver en todo construccións sociais que poderían ser como son ou doutro xeito, deixa de desconstruir  cando chega aos direitos humáns. Mais se son un “constructo” pódense desconstruir e non hai por qué respeitalos.

 

Cando o nacionalismo se enfoca sen pensar en esencias ou como queramos chamar a ese algo irreductível que merece defenderse e potenciarse, acábase buscando a identidade nun pasado sen analizar e aceitando como identidade propria o que talvez sexa moi contrario a esa singularidade na que se ten que basear.

 

                                                                                                            Voltar a Alicerces Nacionalistas