Unha escolla radical
O que mais precisa a língua galega é o cultivo cuidadoso por cadaquén. Non abondan os esforzos institucionais. E non se pode cuidar ben de nada se non se ten un ideal ou un padrón, se non se sabe o que se quer e se calquer cousa vai valer.
Unha lingua viva ten que ter criatividade no seu uso diario e corrente. Cando unha língua non ten criatividade está xa morta ou a un dedo de morrer. A lingua galega non tivo desenvolvimento durante moitos séculos e portanto habería que facer todo o posíbel por acadalo. E non se poderá acadar se non se empeza por recoñecer que está en pésimas condicións por falta de cuidados. A língua galega precisa moita dilixencia e desvelo, moita peneira e moito escoitar aos poucos que aínda a falan algo ben sen que ninguén lles mande; e tamén aos que falan portugués, porque o portugués é o galego tal como tería evoluido se a Galiza non tivese quedado esquecida e arrincoada na penosa historia da península ibérica. As frases e expresións que están entrando na lingua veñen do castelán ou son anglicismos que chegan de segunda mán porque pasan primeiro polo castelán tamén. O que non pode ser é que o “desenvolvimento” da língua galega sexa en castelán e que se faga un remexido innobre das duas línguas que non val para nada.
A língua escrita precisa moito mais cultivo e moitos mais cuidados dos que ten agora. Habería que promocionala debidamente, recoñecer que se non hai escritores en galego (entendendo por escritores non só os literatos senón cantos manexan a lingua escrita para fins diversos e cotiáns) a língua non poderá evoluir, porque eles son os que fan a língua escrita, e non pensar que con que se escreva niso que se chama galego nos documentos oficiais vai abondar para que o galego reviva e sexa querido e aceitado. Se non se toma a serio que o galego falado e escrito precisa moito cultivo cuidadoso de todos os que o usen e non se lle da ese cultivo, haberá que pensar se non será mellor deixar ir a língua, polo menos até que veñan outras xeracións mais dispostas a facer o traballo. Contrariamente ao que se dixo moitas veces, a Galiza ten singularidade abondo para non precisar língua propia. Podería ser quen é sen esa língua. E esa é unha opción que hai que prantexarse. Porque, ou se decide que hai que cultivar a lingua debidamente e facer o traballo preciso para que esté en condicións óptimas, ou será mellor renunciar a ela. Mellor iso que destragala.